Apocalipse 9:1-21

  • A quinta trompeta (1-11)

  • O primeiro ai xa pasou, veñen dous máis (12)

  • A sexta trompeta (13-21)

9  O quinto anxo tocou a súa trompeta. Entón vin unha estrela que caera desde o ceo á terra, e déuselle a chave do foso* do abismo*. 2  A estrela* abriu o foso do abismo e del subiu fume, coma o fume que sae dun gran forno. E o sol e o aire escurecéronse co fume que saía de alí. 3  Do fume saíron langostas* cara á terra e déuselles autoridade, a mesma autoridade que teñen os escorpións da terra. 4  Díxoselles que non lle fixesen dano á herba da terra, a ningunha planta verde nin a ningunha árbore, e que só lles fixesen dano ás persoas que non teñen o selo* de Deus na fronte. 5  Ás langostas non se lles permitiu matar as persoas, pero si que se lles permitiu atormentalas durante cinco meses. O sufrimento que provocaban era coma o sufrimento que provoca un escorpión cando pica a unha persoa. 6  Neses días, a xente buscará a maneira de morrer, pero de ningunha forma a encontrará. Desexarán morrer, pero a morte escapará deles. 7  As langostas parecían cabalos preparados para a batalla. Na cabeza tiñan algo parecido a unha coroa de ouro e as súas caras eran coma as dos humanos. 8  O seu pelo era coma o dunha muller, os seus dentes eran coma os dun león 9  e levaban coirazas parecidas a coirazas de ferro. O ruído que facían as súas alas era coma o ruído que fan os carros tirados por cabalos cando corren cara á batalla. 10  Ademais tiñan colas con aguillóns, coma os escorpións. E nas colas tiñan o poder para facerlles dano ás persoas durante cinco meses. 11  O seu rei é o anxo do abismo, que en hebreo se chama Abadón* e en grego Apolión*. 12  O primeiro ai xa pasou. Pero, atención! Despois destas cousas virán dous ais máis. 13  O sexto anxo tocou a súa trompeta. Entón oín unha voz que viña dos cornos do altar* de ouro que está diante de Deus, 14  e díxolle ó sexto anxo que tiña a trompeta: “Desata os catro anxos que están atados xunto ó gran río Éufrates*”. 15  E os catro anxos (que foran preparados para esa hora, día, mes e ano) foron desatados para matar a terceira parte das persoas. 16  Escoitei que o número dos soldados do exército de cabalería era de 200 millóns*. 17  Os cabalos e os xinetes que vin na visión eran así: tiñan coirazas vermellas coma o lume, azuis coma o xacinto e amarelas coma o xofre*. As cabezas dos cabalos eran coma cabezas de leóns, e da súa boca saían lume, fume e xofre. 18  A terceira parte das persoas morreu por estas tres pragas: o lume, o fume e o xofre que saían da boca dos cabalos. 19  O poder dos cabalos estaba na súa boca e na súa cola, porque a súa cola era coma unha serpe e tiña cabeza de serpe, e con ela facía dano. 20  Pero as demais persoas, as que non morreron por estas pragas, non se arrepentiron das súas obras*. Non deixaron de adorar os demos nin os ídolos de ouro, prata, cobre, pedra e madeira, que non poden ver, oír nin andar. 21  E non se arrepentiron dos seus asasinatos, das súas prácticas espiritistas*, da súa inmoralidade sexual* nin dos seus roubos.

Notas ó pé

^ Ou “pozo”.
^ Ou “El”.
^ Que significa “destrución”.
^ Que significa “destrutor”.
^ Ver glosario cornos do altar.
^ Lit. “dúas miríades de miríades”.
^ Lit. “das obras das súas mans”.
^ Ou “prácticas de ocultismo”.
^ En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.