Apocalipse 7:1-17

  • Catro anxos reteñen os catro ventos da destrución (1-3)

  • Os 144.000 selados (4-8)

  • Unha gran multitude con túnicas brancas (9-17)

7  Despois disto vin catro anxos de pé nos catro extremos* da terra. Estaban retendo os catro ventos da terra para que non soprase ningún vento sobre a terra, nin sobre o mar, nin sobre ningunha árbore. 2  Tamén vin outro anxo que subía desde o leste* levando un selo do Deus vivo, e berroulles con forza ós catro anxos ós que se lles permitira facerlles dano á terra e ó mar. 3  Díxolles: “Non lles fagades dano nin á terra, nin ó mar, nin ás árbores ata que selemos na fronte ós escravos do noso Deus!”. 4  E escoitei o número dos que foron selados: 144.000. Eran de tódalas tribos dos fillos de Israel: 5  12.000 selados da tribo de Xudá,12.000 da tribo de Rubén,12.000 da tribo de Gad, 6  12.000 da tribo de Aser,12.000 da tribo de Neftalí,12.000 da tribo de Manasés, 7  12.000 da tribo de Simeón,12.000 da tribo de Leví,12.000 da tribo de Isacar, 8  12.000 da tribo de Zabulón,12.000 da tribo de Xosée 12.000 selados da tribo de Benxamín. 9  Despois disto, vin unha gran multitude que ninguén podía contar. Eran de tódalas nacións, tribos, pobos e idiomas, e estaban de pé diante do trono e diante do Cordeiro. Ían vestidos con túnicas brancas e levaban follas de palmeira nas mans. 10  E agradecidos berraban con voz forte: “A salvación vén do noso Deus, que está sentado no trono, e do Cordeiro!”. 11  Tódolos anxos estaban de pé arredor do trono, dos anciáns e dos catro seres viventes. Entón botáronse ó chan diante do trono, baixaron a cabeza e adoraron a Deus, 12  dicindo: “Amén! Que o noso Deus reciba a louvanza, a gloria, a sabedoría, o agradecemento, a honra, o poder e a forza para sempre. Amén”. 13  Entón, un dos anciáns preguntoume: “Quen son os que van vestidos con túnicas brancas? E de onde viñeron?”. 14  Inmediatamente eu contesteille: “Meu Señor, ti es quen o sabe”. E el díxome: “Son os que saen da gran tribulación*. Eles lavaron as súas túnicas e embranquecéronas no sangue do Cordeiro. 15  Por iso están diante do trono de Deus, e danlle servizo sagrado día e noite no seu templo. E o que está sentado no trono protexeraos*. 16  Xa non volverán a pasar fame nin sede. Tampouco sufrirán por culpa do sol nin da intensa calor. 17  Porque o Cordeiro, que está xunto ó* trono, vainos pastorear e guiar a fontes* de augas de vida. E Deus secaralles tódalas lágrimas dos seus ollos”.

Notas ó pé

Lit. “nas catro esquinas”.
Lit. “desde o nacemento do sol”.
Ou “grande angustia”. Ver glosario gran tribulación.
Ou “estenderá a súa tenda sobre eles”.
Ou “no centro do”.
Ou “mananciais”.