Apocalipse 10:1-11

  • Un anxo poderoso cun rolo pequeno (1-7)

    • “Xa non haberá que esperar máis” (6)

    • O segredo sagrado cumprirase (7)

  • Xoán come o rolo (8-11)

10  E vin outro anxo poderoso que baixaba do ceo envolto nunha* nube, e sobre a súa cabeza había un arco iris. A súa cara era coma o sol e as súas pernas* coma columnas de lume. 2  Na man tiña un rolo pequeno que fora aberto. Puxo o pé dereito no mar e o pé esquerdo na terra. 3  Entón berrou con voz forte, como cando ruxe un león. E cando berrou, as voces dos sete tronos* empezaron a falar. 4  Cando falaron os sete tronos*, eu estaba a punto de escribir o que dixeran, pero escoitei unha voz que viña do ceo que dicía: “Garda en segredo* o que dixeron os sete tronos e non o escribas”. 5  O anxo que vin de pé sobre o mar e sobre a terra levantou a súa man dereita cara ó ceo 6  e xurou por aquel que vive para sempre, o que creou o ceo e o que hai nel, a terra e o que hai nela, e o mar e o que hai nel. Dixo: “Xa non haberá que esperar máis. 7  Porque cando o sétimo anxo estea a punto de tocar a súa trompeta, cumprirase sen falta o segredo sagrado que Deus lles anunciou como boas noticias ós seus propios escravos, os profetas”. 8  E escoitei que a voz que viña do ceo me volvía a falar. Díxome: “Vai e colle o rolo aberto que ten na man o anxo que está de pé sobre o mar e sobre a terra”. 9  Entón fun a onde estaba o anxo e pedinlle que me dese o rolo pequeno. E el contestoume: “Colle o rolo e cómeo. Fará que che doia* o estómago, pero na boca serache doce coma o mel”. 10  Así que collín o rolo pequeno da man do anxo e comino. Na boca era doce coma o mel, pero despois de comelo fixo que me doese* o estómago. 11  E dixéronme: “Tes que volver a profetizar sobre pobos, nacións, idiomas e moitos reis”.

Notas ó pé

Ou “vestido cunha”.
Lit. “os seus pés”.
Aquí a palabra trono refírese ó ruído forte que acompaña o lóstrego.
Aquí a palabra trono refírese ó ruído forte que acompaña o lóstrego.
Lit. “Sela”.
Lit. “Amargarache”.
Lit. “amargoume”.