Apocalipse 16:1-21

  • As sete cuncas da furia de Deus (1-21)

    • Derramadas na terra (2), no mar (3), nos ríos e nas fontes (4-7), no sol (8, 9), no trono da besta salvaxe (10, 11), no Éufrates (12-16) e no aire (17-21)

    • A guerra de Deus en Armaxedón (14,16)

16  Entón escoitei unha voz forte que viña do santuario e que lles dicía ós sete anxos: “Ide e derramade na terra as sete cuncas da furia de Deus”. 2  O primeiro anxo marchou e derramou a súa cunca na terra. E unha ferida* terrible e dolorosa fixo sufrir ás persoas que tiñan a marca da besta salvaxe e que adoraban a súa imaxe. 3  O segundo anxo derramou a súa cunca no mar. E o mar converteuse en sangue, coma a dun morto, e tódolos seres vivos* que había no mar morreron. 4  O terceiro anxo derramou a súa cunca nos ríos e nas fontes*, e convertéronse en sangue. 5  Entón escoitei que o anxo que tiña autoridade sobre as augas dicía: “Ti, aquel que é e que era, o Leal, ti es xusto, porque ditaches estas sentenzas*. 6  Como as persoas derramaron o sangue dos santos e dos profetas, ti décheslles de beber sangue. É o que merecen”. 7  E escoitei que o altar dicía: “Si, Xehová* Deus, o Todopoderoso, as túas sentenzas* son verdadeiras e xustas”. 8  O cuarto anxo derramou a súa cunca no sol. E ó sol permitíuselle queimar as persoas con lume. 9  E a intensa calor queimou as persoas. Pero blasfemaron contra o nome de Deus, quen ten autoridade sobre estas pragas, e non se arrepentiron nin lle deron gloria. 10  O quinto anxo derramou a súa cunca sobre o trono da besta salvaxe. Entón o seu reino escureceuse. E a xente empezou a morder a lingua pola dor, 11  pero blasfemaron contra o Deus do ceo debido ás súas dores e ás súas feridas*, e non se arrepentiron do que fixeran. 12  O sexto anxo derramou a súa cunca no gran río Éufrates*. E a auga do río secou para prepararlles o camiño ós reis que viñan do leste*. 13  E vin tres mensaxes inspiradas e impuras*, parecidas a ras, que saían da boca do dragón, da boca da besta salvaxe e da boca do falso profeta. 14  De feito, son mensaxes inspiradas por demos e realizan sinais. Van dirixidas ós reis de toda a terra*, para reunilos para a guerra do gran día de Deus, o Todopoderoso. 15  “Escoita! Veño coma un ladrón. Feliz o que se mantén desperto e coa roupa posta*. Así non andará espido e a xente non verá a súa vergonza”. 16  E as mensaxes inspiradas reuniron os reis no lugar que en hebreo se chama Armaxedón*. 17  O sétimo anxo derramou a súa cunca no aire. Entón unha voz forte saíu do trono que está no santuario e dixo: “Xa está feito!”. 18  E houbo lóstregos, voces, tronos e un gran terremoto. Nunca houbera un terremoto tan grande e forte desde que o home foi creado na terra. 19  A gran cidade quedou dividida en tres partes e as cidades de tódalas nacións foron destruídas. E Deus acordouse de Babilonia a Grande e deulle a copa co viño da furia da súa ira. 20  Ademais, tódalas illas fuxiron e as montañas desapareceron. 21  Entón desde o ceo caeron grandes pedras de graínzo* sobre a xente. Cada pedra pesaba aproximadamente un talento*. E a xente blasfemou contra Deus debido á praga de graínzo, porque a praga era extraordinariamente grande.

Notas ó pé

Ou “úlcera”.
Ou “tódalas almas vivas”. Ver glosario alma.
Ou “nos mananciais”.
Ou “estes xuízos”.
Ou “os teus xuízos”.
Ou “úlceras”.
Lit. “do nacemento do sol”.
Lit. “tres espíritos impuros”.
Ou “terra habitada”.
Ou “non se quita os seus mantos”.
En grego, Har-Maguedón. Vén dun termo hebreo que significa “montaña de Meguidó”. Ver glosario Armaxedón.
Ou “pedrazo”.
Un talento grego equivalía a 20,4 kg. Ver apén. B14.