Apocalipse 1:1-20
1 Unha revelación* de Xesucristo, que Deus lle deu, para mostrarlles ós seus escravos as cousas que teñen que suceder dentro de pouco. Xesucristo enviou o seu anxo*, e por medio del presentoulle esta revelación usando sinais* ó seu escravo Xoán,
2 quen deu testemuño da palabra de Deus e da mensaxe que transmitiu* Xesucristo, é dicir, de tódalas cousas que viu.
3 Feliz o que lea en voz alta as palabras desta profecía, e felices os que escoiten e obedezan as cousas que se escribiron nela, porque o tempo fixado está cerca.
4 De parte de Xoán para as sete congregacións que están na provincia de Asia*:
Que recibades bondade inmerecida e paz de parte de “aquel que é, que era e que vén”, de parte dos sete espíritos que están diante do trono de Deus
5 e de parte de Xesucristo, a Testemuña Fiel, o Primoxénito de entre os mortos e o Gobernante dos reis da terra.
Que a el, que nos ama e nos liberou dos nosos pecados por medio do seu propio sangue
6 (e que fixo que fósemos un reino e sacerdotes para o seu Deus e Pai), vaia a gloria e o poder para sempre. Amén.
7 Mirade! Virá coas nubes e todos o verán, incluso os que o traspasaron. E por causa del, tódalas tribos da terra lamentaranse dándose golpes no peito. Si, amén.
8 Xehová* Deus di: “Eu son o Alfa e o Omega*, aquel que é, que era e que vén, o Todopoderoso”.
9 Eu, Xoán, o voso irmán e compañeiro na persecución*, no reino e no aguante como seguidor de Xesús, estiven na illa que se chama Patmos por falar sobre Deus e por dar testemuño acerca de Xesús.
10 Por inspiración* cheguei a estar no día do Señor, e escoitei detrás de min unha voz poderosa que era coma o son dunha trompeta,
11 que dicía: “Escribe nun rolo o que ves e envíallelo ás sete congregacións: Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Tiatira, Sardis, Filadelfia e Laodicea”.
12 Cando me xirei para ver quen me falaba, vin sete candelabros de ouro.
13 No medio dos candelabros vin a alguén parecido a un fillo do home. Ía vestido cunha túnica que lle chegaba ata os pés e levaba posta unha faixa de ouro á altura do peito.
14 Ademais, a súa cabeza e o seu pelo eran brancos coma a la branca, igual que a neve, e os seus ollos eran coma unha chama de lume.
15 Os seus pés eran coma o cobre refinado cando brilla no forno, e a súa voz era tan forte coma o ruído de moita auga en movemento*.
16 Na man dereita tiña sete estrelas, da súa boca saía unha espada de dous fíos, longa e afiada, e a súa cara era coma o sol cando brilla con toda a súa forza.
17 Cando o vin, caín diante dos seus pés coma se estivese morto.
E el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: “Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Último
18 e o que vive. Estiven morto, pero agora vivo para sempre, e teño as chaves da morte e da Tumba*.
19 Así que escribe as cousas que viches, as que están pasando agora e as que pasarán despois.
20 Este é o segredo sagrado das sete estrelas que viches na miña man dereita e dos sete candelabros de ouro: as sete estrelas representan os anxos das sete congregacións e os sete candelabros representan as sete congregacións.
Notas ó pé
^ En grego, apokálipsis. Este nome vén dun verbo que significa “quitar a cuberta” ou “retirar o veo”.
^ Lit. “e do testemuño que deu”.
^ Ou “o A e o Z”. Alfa e omega son, respectivamente, a primeira e a última letra do alfabeto grego. Ver glosario alfa e omega.
^ Lit. “tribulación”.
^ Ou “Estando cheo de espírito santo”.
^ Ou “dunha gran catarata”.

