Apocalipse 6:1-17

  • O Cordeiro abre os primeiros seis selos (1-17)

    • O vencedor no cabalo branco (1, 2)

    • O xinete do cabalo da cor do lume quita a paz da terra (3, 4)

    • O xinete do cabalo negro trae a fame (5, 6)

    • O xinete do cabalo pálido chámase Morte (7, 8)

    • Os que foran asasinados están debaixo do altar (9-11)

    • Un gran terremoto (12-17)

6  Vin que o Cordeiro abriu un dos sete selos e escoitei a un dos catro seres viventes dicir cunha voz que soaba coma un trono: “Adiante!*”. 2  Entón, vin un cabalo branco. O seu xinete tiña un arco. Déuselle unha coroa e saíu vencendo ós seus inimigos para completar a súa vitoria. 3  Cando o Cordeiro abriu o segundo selo, escoitei o segundo ser vivente dicir: “Adiante!”. 4  E saíu outro cabalo, que era da cor do lume. Ó seu xinete permitíuselle quitar a paz da terra para que as persoas se matasen unhas ás outras, e déuselle unha espada grande. 5  Cando o Cordeiro abriu o terceiro selo, escoitei o terceiro ser vivente dicir: “Adiante!”. Entón, vin un cabalo negro. O seu xinete tiña unha balanza na man. 6  No medio dos catro seres viventes escoitei o que parecía unha voz que dicía: “Un litro* de trigo por un denario* e tres litros de cebada por un denario. Non desperdicies o aceite de oliva nin o viño”. 7  Cando o Cordeiro abriu o cuarto selo, escoitei a voz do cuarto ser vivente dicir: “Adiante!”. 8  Entón, vin un cabalo pálido. O seu xinete chamábase Morte, e a Tumba* seguíao de cerca. E déuselles autoridade sobre a cuarta parte da terra para matar cunha espada longa, con fame, con enfermidades mortais e cos animais salvaxes da terra. 9  Cando o Cordeiro abriu o quinto selo, vin debaixo do altar as almas* dos que foran asasinados por ser fieis á palabra de Deus e polo testemuño que deran. 10  E gritaban con voz forte: “Señor Soberano, santo e verdadeiro, ata cando vas esperar para xulgar os que viven na terra e vingar a nosa morte*?”. 11  A cada un deles déuselle unha túnica branca. Tamén se lles dixo que esperasen un pouco máis ata que se completase o número dos seus compañeiros escravos, dos seus irmáns que estaban a punto de ser asasinados como foran eles. 12  Entón vin que o Cordeiro abriu o sexto selo. Houbo un gran terremoto, o sol púxose tan escuro coma unha tea de saco negra feita con pelo de animal*, a lúa enteira púxose vermella coma o sangue 13  e as estrelas do ceo caeron á terra, igual que caen os figos verdes dunha figueira cando un vento forte a abanea. 14  O ceo desapareceu coma un rolo que se vai enrolando, e tódalas montañas e tódalas illas foron arrancadas do seu lugar. 15  Entón os reis da terra, os altos funcionarios, os comandantes militares, os ricos, os poderosos, tódolos escravos e tódalas persoas libres escondéronse nas covas e entre as rocas das montañas. 16  E unha e outra vez dinlles ás montañas e ás rocas: “Tapádenos e escondédenos do que está sentado no trono e da ira do Cordeiro, 17  porque o gran día da ira deles xa chegou, e quen pode sobrevivir*?”.

Notas ó pé

Lit. “Ven!”.
Ou “quénice”. Ver apén. B14.
Moeda romana de prata que equivalía á paga dun día. Ver apén. B14.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Ó parecer, refírese ó sangue (que representa a vida) derramado no altar. Ver glosario alma.
Lit. “o noso sangue”.
Probablemente con pelo de cabra.
Ou “manterse en pé”.