Apocalipse 22:1-21

  • O río de auga de vida (1-5)

  • Conclusión (6-21)

    • “Que tódolos que queiran collan gratis da auga da vida” (17)

    • “Ven, Señor Xesús” (20)

22  Entón el ensinoume un río de auga de vida, e as súas augas eran cristalinas*. O río saía do trono de Deus e do Cordeiro, 2  e pasaba polo medio da rúa principal da cidade. Nas dúas beiras do río había árbores de vida que producían 12 colleitas e que daban froito cada mes. As follas das árbores servían para curar as nacións. 3  Xa non haberá ningunha maldición, senón que o trono de Deus e do Cordeiro estará na cidade. Os seus escravos daranlle servizo sagrado, 4  verán o seu rostro e levarán o nome del na fronte. 5  Tampouco volverá a haber noite, e non necesitarán a luz de ningunha lámpada nin a luz do sol, porque Xehová* Deus vainos iluminar, e eles reinarán para sempre. 6  O anxo díxome: “Estas palabras son fieis* e verdadeiras. Si, Xehová*, o Deus que inspirou os profetas, enviou o seu anxo para mostrarlles ós seus escravos o que ten que pasar dentro de pouco. 7  Mira! Veño pronto. Felices os que obedecen as palabras da profecía deste rolo”. 8  Eu, Xoán, fun o que escoitou e viu estas cousas. Despois de velas e escoitalas, boteime ó chan diante dos pés do anxo* que mas ensinara para adoralo. 9  Pero el díxome: “Coidado! Non fagas iso! Eu son só un escravo coma ti e coma os teus irmáns, os profetas, e coma os que obedecen as palabras deste rolo. Adora a Deus”. 10  E tamén me dixo: “Non gardes en segredo* as palabras da profecía deste rolo, porque o tempo fixado está cerca. 11  Que o inxusto siga facendo cousas inxustas e que o que fai cousas sucias siga facendo cousas sucias. Pero que o xusto siga na súa xustiza e que o santo siga na súa santidade. 12  ”‘Mira! Veño pronto e voulle pagar a cada un conforme ás súas accións. 13  Eu son o Alfa e o Omega*, o primeiro e o último, o principio e o final. 14  Felices os que lavan as súas túnicas, porque así terán dereito a comer do froito das árbores da vida e poderán entrar na cidade polas súas portas. 15  Fóra están os cans*, os que practican espiritismo*, os que son sexualmente inmorais*, os asasinos, os idólatras e tódolos que aman a mentira e teñen o costume de mentir’. 16  ”‘Eu, Xesús, enviei o meu anxo para darvos testemuño destas cousas para o beneficio das congregacións. Eu son a raíz e a descendencia de David, e a estrela brillante da mañá*’”. 17  O espírito santo e a noiva non deixan de dicir: “Ven!”. Que tódolos que escoiten isto tamén digan: “Ven!”. E que veñan tódolos que teñan sede. Que tódolos que queiran collan gratis da auga da vida. 18  “A tódolos que escoitan as palabras da profecía deste rolo dígolles*: se alguén lles engade algo a estas cousas, Deus engadiralle a el as pragas que están escritas neste rolo, 19  e se alguén quita algo das palabras do rolo desta profecía, Deus quitaralle a el a súa parte das cousas escritas neste rolo, é dicir, non poderá comer do froito das árbores da vida* nin entrar na cidade santa. 20  ”O que dá testemuño destas cousas di: ‘Si, veño pronto’”. “Amén! Ven, Señor Xesús”. 21  Que a bondade inmerecida do Señor Xesús estea cos santos.

Notas ó pé

Ou “claras coma o cristal”.
Ou “confiables”.
Lit. “Non seles”.
Ou “o A e o Z”. Alfa e omega son, respectivamente, a primeira e a última letra do alfabeto grego.
É dicir, os que teñen o costume de facer cousas que Deus considera noxentas.
Ou “ocultismo”. Ver glosario espiritismo.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ver glosario luceiro.
Lit. “doulles testemuño”.
Ver glosario árbore da vida.