Apocalipse 14:1-20

  • O Cordeiro e os 144.000 (1-5)

  • As mensaxes de tres anxos (6-12)

    • Un anxo polo medio do ceo anuncia boas noticias (6, 7)

  • Felices os que morren sendo discípulos do Señor (13)

  • As dúas colleitas da terra (14-20)

14  Entón, vin o Cordeiro de pé no monte Sión*, e con el había 144.000 que teñen escritos na fronte o nome do Cordeiro e o nome do seu Pai. 2  Escoitei un son que saía do ceo e que era coma o ruído de moita auga en movemento e coma o dun trono forte. O son que escoitei era coma o de cantores que tocan as súas arpas mentres cantan. 3  Eles están cantando o que parece ser unha canción nova diante do trono e diante dos catro seres viventes e dos anciáns. Ninguén podía aprender ben esa canción, só os 144.000 que foron comprados da terra. 4  Estes son os que non se contaminaron con mulleres, de feito son virxes. Son os que seguen o Cordeiro sen importar a onde vaia. Foron comprados de entre a humanidade como primicias* para Deus e para o Cordeiro, 5  e non se encontrou ningún engano na súa boca. Non teñen ningún defecto. 6  Vin outro anxo que voaba polo medio do ceo*. Tiña boas noticias* eternas que anunciarlles ós que viven na terra: a toda nación, tribo, idioma e pobo. 7  Dicía con voz forte: “Temede a Deus* e dádelle gloria, porque chegou a hora do seu xuízo. Así que adorade o que fixo o ceo, a terra, o mar e as fontes*”. 8  Despois veu un segundo anxo, que dicía: “Caeu! Babilonia a Grande caeu! A que fixo que tódalas nacións bebesen do seu viño, que provoca un forte desexo de cometer actos de* inmoralidade sexual* con ela”. 9  Despois seguiunos un terceiro anxo, que dicía con voz forte: “Se alguén adora a besta salvaxe e a súa imaxe, e recibe unha marca na fronte ou na man, 10  tamén beberá do viño da furia de Deus, servido sen diluír na copa da súa ira. E faráselle sufrir* con lume e xofre diante dos santos anxos e do Cordeiro. 11  O fume que sae do lume que os fai sufrir* subirá para sempre. E os que adoran a besta salvaxe e a súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome non deixarán de sufrir nin de día nin de noite. 12  Por iso os santos (os que obedecen os mandamentos de Deus e se aferran á fe en* Xesús) necesitan ter aguante”. 13  E escoitei unha voz que viña do ceo e dicía: “Escribe isto: ‘Felices son os que morren a partir de agora sendo discípulos do Señor*. Si, o espírito santo di que descansen do seu duro traballo, porque as cousas que fixeron non se esquecerán*’”. 14  Entón, vin unha nube branca, e sentado nela había alguén parecido a un fillo do home. Levaba unha coroa de ouro na cabeza e un fouciño afiado na man. 15  Outro anxo saíu do santuario do templo, e berroulle con voz forte ó que estaba sentado na nube: “Empeza a usar o fouciño e a segar! Chegou a hora da sega, porque a colleita da terra está totalmente madura!”. 16  E o que estaba sentado na nube pasou o fouciño pola terra, e a terra foi segada. 17  Saíu outro anxo do santuario do templo que está no ceo. El tamén tiña un fouciño afiado. 18  E do altar saíu outro anxo, e tiña autoridade sobre o lume. E berroulle con voz forte ó que tiña o fouciño afiado: “Empeza a usar o fouciño afiado e recolle as uvas* da vide da terra, porque as súas uvas xa están maduras!”. 19  O anxo pasou o fouciño pola terra, cortou a vide da terra e botouna no gran lagar* da furia de Deus. 20  As uvas* pisáronse fóra da cidade, e do lagar saíu tanto sangue que chegou á altura dos freos que levaban os cabalos na boca e ata unha distancia duns 296 quilómetros*.

Notas ó pé

^ Ou “primeiros froitos”. Ver glosario primicias.
^ Ou “polo aire”, “no alto”. A palabra grega refírese á parte do ceo onde voan os paxaros.
^ Ver glosario boas noticias.
^ Ver glosario temor de Deus.
^ Ou “os mananciais”.
^ Ou “bebesen do viño da paixón da súa”.
^ En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
^ Lit. “será atormentado”.
^ Ou “do seu confinamento”, “do seu encerro”.
^ Lit. “de”.
^ Ou “en unión co Señor”.
^ Lit. “as cousas que fixeron van con eles”.
^ Ou “os acios”.
^ Lit. “O lagar”.
^ Lit. “1600 estadios”. Un estadio equivalía a 185 m. Ver apén. B14.