Apocalipse 15:1-8

  • Sete anxos con sete pragas (1-8)

    • A canción de Moisés e do Cordeiro (3, 4)

15  Vin no ceo outro sinal, grande e marabilloso: sete anxos con sete pragas. Estas son as últimas pragas porque, cando acaben, a furia de Deus tamén chegará ó seu fin. 2  Tamén vin algo que parecía un mar de vidro mesturado con lume. Os que venceran á besta salvaxe, á súa imaxe e ó número do seu nome estaban de pé ó lado do mar de vidro, e tiñan arpas de Deus nas mans. 3  Estaban cantando a canción de Moisés, o escravo de Deus, e a canción do Cordeiro. Dicían: “As túas obras son grandes e marabillosas, Xehová* Deus, o Todopoderoso. Os teus camiños son xustos e verdadeiros, Rei da eternidade. 4  Xehová*, quen non te vai temer? Quen non glorificará o teu nome? Porque só ti es leal. Tódalas nacións virán onda ti e adorarante, porque os teus xustos decretos foron revelados”. 5  Despois disto vin que se abriu no ceo o santuario da tenda do Testemuño, 6  e os sete anxos coas sete pragas saíron do santuario. Ían vestidos de liño limpo e brillante, e levaban faixas de ouro axustadas á altura do peito. 7  Un dos catro seres viventes deulles ós sete anxos sete cuncas de ouro que estaban cheas da furia de Deus, quen vive para sempre. 8  E o santuario encheuse de fume debido á gloria de Deus e ó seu poder. E ninguén podía entrar no santuario ata que acabasen as sete pragas dos sete anxos.

Notas ó pé