Apocalipse 11:1-19

  • As dúas testemuñas (1-13)

    • Profetizan 1260 días vestidas con tea de saco (3)

    • Son asasinadas e non son enterradas (7-10)

    • Volven a vivir despois de tres días e medio (11, 12)

  • O segundo ai xa pasou, vén o terceiro (14)

  • A sétima trompeta (15-19)

    • O Reino do noso Deus e do seu Cristo (15)

    • Os que están destruíndo a terra serán destruídos (18)

11  E déuseme unha cana* parecida a unha vara de medir* e, mentres, unha voz dicíame: “Levántate e mide o santuario do templo* de Deus, o altar e os que adoran alí. 2  Pero pasa por alto o patio* que está fóra do santuario do templo e non o midas, porque se lles deu ás nacións. E elas esmagarán cos pés a cidade santa durante 42 meses. 3  Farei que as miñas dúas testemuñas profeticen 1260 días vestidas con tea de saco”. 4  Estas testemuñas están representadas polas dúas oliveiras e os dous candelabros, e están de pé diante do Señor da terra. 5  Se alguén quere facerlles dano, da boca delas sae un lume que acaba cos seus inimigos. Así é como morrerá calquera que queira facerlles dano. 6  Elas teñen autoridade para pechar o ceo e facer que non chova durante os días nos que profeticen. Tamén teñen autoridade para converter as augas en sangue e para facerlle dano á terra tódalas veces que queiran con toda clase de pragas. 7  Cando acaben de dar o seu testemuño, a besta salvaxe que sobe do abismo* vai loitar contra elas, vainas vencer e vainas matar. 8  Os seus cadáveres quedarán na rúa principal da gran cidade (que en sentido simbólico se chama Sodoma e Exipto), onde o seu Señor tamén foi executado no madeiro. 9  Xente de diferentes pobos, tribos, idiomas e nacións mirará os seus cadáveres durante tres días e medio, e non deixará que os enterren nunha tumba. 10  E os que viven na terra alegraranse, celebrarán a súa morte e mandaranse regalos uns ós outros, porque estes dous profetas atormentaran ós que viven na terra. 11  Despois dos tres días e medio, entrou nelas o espírito de vida que vén de Deus e puxéronse de pé. Os que as viron sentiron moito medo. 12  Entón escoitouse unha voz forte que viña do ceo e que lles dicía: “Subide aquí”. E as dúas testemuñas subiron ó ceo nunha nube, e os seus inimigos estaban mirando*. 13  Naquel momento* houbo un gran terremoto e a décima parte da cidade foi destruída. O terremoto matou a 7000 persoas, e os que sobreviviron asustáronse moito e déronlle gloria ó Deus do ceo. 14  O segundo ai xa pasou. Pero, atención! O terceiro vén rapidamente. 15  O sétimo anxo tocou a súa trompeta. Entón escoitáronse voces fortes no ceo que dicían: “O Reino do noso Deus e do seu Cristo empezou a gobernar sobre toda a humanidade, e el* reinará para sempre”. 16  Os 24 anciáns que estaban sentados nos seus tronos diante de Deus botáronse ó chan, inclinaron a cabeza e adoraron a Deus. 17  Dixeron: “Dámosche as grazas, Xehová* Deus (o Todopoderoso, o que é e o que era), porque usaches o teu gran poder e empezaches a reinar. 18  Pero as nacións enchéronse de ira. E entón veu a túa propia ira e o tempo fixado para que se xulgue ós mortos e para recompensar ós teus escravos, os profetas, e tamén ós santos e ós que temen* o teu nome (tanto ós pequenos coma ós grandes), e para destruír os que están destruíndo* a terra”. 19  Entón abriuse o santuario* do templo de Deus no ceo e viuse a arca do seu pacto no santuario do templo. E houbo lóstregos, voces, tronos, un terremoto e moito graínzo*.

Notas ó pé

^ Lit. “vara”.
^ É dicir, o edificio central do templo onde estaban o Santo e o Santísimo.
^ Ou “víronas”.
^ Lit. “Naquela hora”.
^ É probable que se refira a Deus.
^ Ver glosario temor de Deus.
^ Ou “arruinar os que están arruinando”.
^ Ou “pedrazo”.