Apocalipse 8:1-13

  • Ábrese o sétimo selo (1-6)

  • Tócanse as primeiras catro trompetas (7-12)

  • Anúncianse os tres ais (13)

8  Cando o Cordeiro abriu o sétimo selo, houbo silencio no ceo durante aproximadamente media hora. 2  E vin os sete anxos que están de pé diante de Deus, e déronselles sete trompetas. 3  Chegou outro anxo cun braseiro* de ouro para queimar incenso, e quedou de pé xunto ó altar. Déuselle moito incenso para que o ofrecese (xunto coas oracións de tódolos santos*) no altar de ouro que estaba diante do trono. 4  E o fume do incenso que o anxo queimou* subiu diante de Deus xunto coas oracións dos santos. 5  Pero o anxo enseguida colleu o braseiro, encheuno con brasas* do altar e tirounas á terra. E houbo tronos, voces, lóstregos e un terremoto. 6  E os sete anxos que tiñan as sete trompetas preparáronse para tocalas. 7  O primeiro tocou a súa trompeta. Entón houbo graínzo* e lume mesturados con sangue, e foron lanzados á terra. E queimáronse a terceira parte da terra, a terceira parte das árbores e toda a vexetación verde. 8  O segundo anxo tocou a súa trompeta. Entón algo parecido a unha montaña grande en chamas foi lanzado ó mar. E a terceira parte do mar converteuse en sangue, 9  a terceira parte dos animais que había no mar morreu e a terceira parte dos barcos foi destruída. 10  O terceiro anxo tocou a súa trompeta. Entón caeu do ceo unha estrela grande que brillaba coma unha lámpada*. Caeu sobre a terceira parte dos ríos e sobre as fontes*. 11  O nome da estrela é Asente*. E a terceira parte das augas converteuse en asente. Morreu moita xente por culpa das augas, porque se volveran amargas. 12  O cuarto anxo tocou a súa trompeta. Entón feriuse a terceira parte do sol, da lúa e das estrelas, para que se escurecese a terceira parte deles e que a terceira parte do día e da noite non tivesen luz. 13  Vin unha aguia que voaba no medio do ceo e escoitei que dicía con voz forte: “Ai! Ai! Ai dos que vivan na terra cando soen os toques de trompeta que faltan e que os tres anxos están a punto de tocar!”.

Notas ó pé

Ou “incensario”.
Ou “que viña da man do anxo”.
Lit. “lume”.
Ou “pedrazo”.
Ou “que ardía coma un facho”.
Ou “os mananciais”.