Apocalipse 18:1-24

  • A caída de “Babilonia a Grande” (1-8)

    • “Meu pobo, saíde dela” (4)

  • Lamentos pola caída de Babilonia (9-19)

  • Alegría no ceo pola caída de Babilonia (20)

  • Babilonia será lanzada ó mar coma unha pedra (21-24)

18  Despois disto vin que outro anxo baixaba do ceo con moita autoridade, e a súa gloria iluminou a terra. 2  E berrou con voz forte: “Caeu! Babilonia a Grande caeu! Chegou a ser unha casa para os demos, un lugar onde se esconden tódolos demos* e tódalas aves impuras e odiadas. 3  Porque tódalas nacións foron vítimas do viño dela, que provoca un forte desexo de cometer actos de* inmoralidade sexual* con ela. Os reis da terra tiveron relacións sexuais inmorais con ela, e os comerciantes da terra fixéronse ricos grazas a tódalas cousas luxosas que ela acumulara e das que non se avergonzaba”. 4  E escoitei outra voz que viña do ceo e que dicía: “Meu pobo, saíde dela se non queredes ser cómplices dos seus pecados nin recibir parte das súas pragas. 5  Porque os seus pecados acumuláronse ata chegar ó ceo, e Deus acordouse dos actos inxustos* dela. 6  Tratádea da mesma maneira que ela tratou os demais, facédelle o dobre do que ela fixo. Na copa na que ela preparou a bebida, preparádelle o dobre a ela. 7  Facede que o seu sufrimento e o seu lamento sexa tanto coma a gloria que ela mesma se deu e coma o luxo desvergonzado no que viviu. Porque ela non deixa de dicir no seu corazón: ‘Estou sentada coma unha raíña. Non son viúva e nunca estarei de loito’. 8  Por iso, nun só día virán as súas pragas (morte, loito e fame), e será queimada totalmente con lume. Porque Xehová* Deus, o que a xulgou, é poderoso. 9  ”Cando os reis da terra, que tiveron relacións sexuais inmorais* con ela e compartiron o seu luxo desvergonzado, vexan o fume que sairá cando sexa queimada, chorarán e daranse golpes no peito pola dor que senten por ela. 10  Quedarán de pé a certa distancia por medo a sufrir igual ca ela. Dirán: ‘Que pena! Que pena, Babilonia, a cidade grande e poderosa, porque nunha soa hora chegou o teu xuízo*!’. 11  ”Ademais, os comerciantes da terra chorarán e lamentaranse por ela, porque xa non haberá ninguén que lles compre tódalas súas mercancías: 12  ouro, prata, pedras preciosas, perlas, liño de boa calidade, tea de cor púrpura, seda, tea de cor vermella intensa*, e todo tipo de obxectos feitos con madeira aromática, con marfil, con madeiras preciosas, con cobre, con ferro e con mármore. 13  Tamén canela, cardamomo*, incenso, aceite perfumado, olíbano*, viño, aceite de oliva, fariña fina, trigo, vacas, ovellas, cabalos, carruaxes, escravos e vidas humanas. 14  Si, Babilonia, as cousas boas* que desexabas abandonáronte. Tódalas mercancías exquisitas e marabillosas desapareceron para ti, e non volverán nunca máis. 15  ”Os comerciantes que vendían estas cousas, os que se fixeran ricos grazas a ela, estarán de pé a certa distancia por medo a sufrir igual ca ela. Chorarán e lamentaranse 16  dicindo: ‘Que pena! Que pena, a gran cidade, vestida con liño de boa calidade, con roupa de cor púrpura e de cor vermella intensa*, e adornada con moitas xoias de ouro, pedras preciosas e perlas, 17  porque as súas grandes riquezas foron destruídas nunha soa hora!’. ”E tódolos capitáns de barco, navegantes, mariñeiros e os que viven do mar quedaron de pé a certa distancia. 18  E ó ver o fume que saía mentres se queimaba, berraban: ‘Que outra cidade é coma a gran cidade?’. 19  Botábanse po sobre a cabeza e, mentres choraban e se lamentaban, berraban: ‘Que pena! Que pena, a gran cidade, onde tódolos que tiñan barcos se fixeron ricos grazas á súa riqueza, porque nunha soa hora foi destruída!’. 20  ”Alégrate, ceo, polo que lle pasou! Alegrádevos tamén vós, os santos*, os apóstolos e os profetas! Porque Deus actuou ó voso favor ó ditar a súa sentenza* contra ela”. 21  E un anxo forte levantou unha pedra parecida a unha gran pedra de muíño e lanzouna ó mar dicindo: “Así, dun só golpe, será lanzada cara abaixo Babilonia, a gran cidade, e nunca máis volverá a existir. 22  Nunca máis se volverá a escoitar en ti o son dos cantores tocando as súas arpas, nin o dos músicos, nin o dos frautistas, nin o dos trompetistas. Nunca máis se volverá a ver en ti a ningún artesán de ningún oficio. E nunca máis se volverá a escoitar en ti o son da pedra de muíño. 23  Nunca máis volverá a brillar en ti a luz de ningunha lámpada nin se volverá a oír en ti a voz dun noivo nin dunha noiva. Porque os teus comerciantes eran os homes máis importantes da terra e porque enganaches a tódalas nacións coas túas prácticas espiritistas*. 24  Si, nela encontrouse o sangue dos profetas, dos santos e de tódolos que foron asasinados na terra”.

Notas ó pé

Ou quizais “todo alento impuro”, “toda mensaxe inspirada impura”.
Ou “foron vítimas do viño da paixón da súa”.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “actos de maldade”, “crimes”.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “castigo”.
Ou “escarlata”.
Ou “especia da India”.
Lit. “o bo froito”.
Ou “escarlata”.
Ou “o seu xuízo”.
Ou “prácticas de ocultismo”.