Apocalipse 5:1-14

  • Un rolo con sete selos (1-5)

  • O Cordeiro colle o rolo (6-8)

  • O Cordeiro merece abrir os selos (9-14)

5  Vin que o que estaba sentado no trono tiña na man dereita un rolo escrito polos dous lados* e ben selado con sete selos. 2  E vin un anxo poderoso que dicía con voz forte: “Quen merece abrir o rolo e romper os seus selos?”. 3  Pero ninguén, nin no ceo nin na terra nin debaixo da terra, podía abrir o rolo e ver o que tiña escrito. 4  Así que, como non había ninguén que merecese abrir o rolo e ver o que estaba escrito nel, púxenme a chorar desconsoladamente. 5  Pero un dos anciáns díxome: “Deixa de chorar. Mira! O León da tribo de Xudá, a raíz de David, venceu. Así que el pode abrir o rolo e os seus sete selos”. 6  No medio* do trono e dos catro seres viventes e no medio dos anciáns vin un cordeiro de pé que parecía que fora sacrificado. Tiña sete cornos e sete ollos. (Os ollos representan os sete espíritos de Deus que foron enviados por toda a terra.) 7  Inmediatamente o Cordeiro acercouse e colleu o rolo que tiña na man dereita o que estaba sentado no trono. 8  Cando colleu o rolo, os catros seres viventes e os 24 anciáns botáronse ó chan diante do Cordeiro. Cada un dos anciáns tiña unha arpa e tamén tiñan cuncas de ouro cheas de incenso*. (O incenso representa as oracións dos santos*.) 9  E cantan unha canción nova que di: “Mereces coller o rolo e abrir os seus selos, porque fuches sacrificado e co teu sangue compraches para Deus persoas de toda tribo, idioma, pobo e nación. 10  Ti fixeches que fosen un reino e sacerdotes ó servizo do noso Deus. E reinarán sobre a terra”. 11  Mirei, e escoitei a voz de moitos anxos que estaban arredor do trono, dos seres viventes e dos anciáns. Eran milleiros de milleiros, si, centos de millóns*, 12  e dicían con voz forte: “O Cordeiro que foi sacrificado merece recibir o poder, as riquezas, a sabedoría, a forza, a honra, a gloria e a bendición”. 13  E escoitei que tódalas criaturas que hai no ceo, na terra, debaixo da terra e no mar, todas elas, dicían: “Que o que está sentado no trono e o Cordeiro reciban a bendición, a honra, a gloria e o poder para sempre”. 14  Os catro seres viventes dicían: “Amén!”. E os anciáns puxéronse de xeonllos e adoraron a Deus.

Notas ó pé

Lit. “por dentro e por fóra”.
Ou “No centro”.
Lit. “miríades de miríades”.