Apocalipse 13:1-18

  • A besta salvaxe de sete cabezas sae do mar (1-10)

  • A besta de dous cornos sae da terra (11-13)

  • A imaxe da besta de sete cabezas (14, 15)

  • A marca e o número da besta salvaxe (16-18)

13  El* quedou de pé na area da beira do mar. Entón vin unha besta salvaxe que saía do mar. Tiña 10 cornos e 7 cabezas. Nos seus cornos levaba 10 coroas* e nas súas cabezas nomes blasfemos. 2  A besta salvaxe que vin parecíase a un leopardo, pero os seus pés eran coma os dun oso e a súa boca coma a dun león. E o dragón deulle á besta o seu poder, o seu trono e moita autoridade. 3  Vin que nunha das súas cabezas parecía que lle fixeran unha ferida mortal, pero esa ferida foi curada. E toda a terra seguiu a besta salvaxe con admiración. 4  Adoraron o dragón porque el lle dera autoridade á besta salvaxe, e tamén adoraron a besta salvaxe dicindo: “Quen é coma a besta salvaxe? E quen pode loitar contra ela?”. 5  A besta salvaxe recibiu autoridade* para dicir cousas arrogantes e blasfemias, e para actuar durante 42 meses. 6  Despois ela abriu a súa boca para dicir blasfemias contra Deus, para blasfemar contra o seu nome e contra o sitio onde vive, é dicir, contra os que viven no ceo. 7  Á besta salvaxe permitíuselle loitar contra os santos* e vencelos, e déuselle autoridade sobre toda tribo, pobo, idioma e nación. 8  E os que viven na terra vana adorar. Desde o principio da humanidade* non se escribiu o nome de ningún deles no rolo da vida do Cordeiro que foi sacrificado. 9  Quen teña oídos que escoite. 10  Se alguén ten que ser capturado, será capturado. Se alguén mata coa espada*, matarano coa espada. Por iso os santos necesitan ter aguante e fe. 11  Entón vin outra besta salvaxe que saía da terra. Tiña dous cornos coma os dun cordeiro, pero empezou a falar coma un dragón. 12  Ela exerce a mesma autoridade que ten a primeira besta salvaxe, e faino diante dela. Obriga a terra e os seus habitantes a adorar a primeira besta salvaxe, a que foi curada da súa ferida mortal. 13  E fai grandes sinais. Incluso fai que baixe lume do ceo á terra diante da humanidade. 14  Engana ós que viven na terra cos sinais que se lle permitiu facer diante da besta salvaxe, e dilles ós que viven na terra que lle fagan unha imaxe á besta salvaxe, á que tiña unha ferida de espada pero reviviu. 15  E permitíuselle darlle vida* á imaxe da besta salvaxe, para que a imaxe da besta salvaxe falase e mandase matar a tódolos que se negasen a adorar a imaxe da besta salvaxe. 16  Obrígaos a todos (a pequenos e grandes, a ricos e pobres, a libres e escravos) a recibir unha marca na man dereita ou na fronte, 17  para que ninguén poida comprar ou vender excepto os que teñan a marca, é dicir, o nome da besta salvaxe ou o número do seu nome. 18  Quen teña perspicacia que calcule o número da besta salvaxe, porque é un número humano*. O seu número é 666. Só poderán entender isto os que teñan sabedoría.

Notas ó pé

É dicir, o dragón.
Lit. “diademas”.
Lit. “unha boca”.
Lit. “desde a fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.
Ou quizais “Se alguén ten que morrer pola espada”.
Lit. “alento”.
Ou “número de home”.