Apocalipse 19:1-21

  • Louvade a Xehová polos seus xuízos (1-10)

    • A voda do Cordeiro (7-9)

  • Un xinete nun cabalo branco (11-16)

  • A gran cea de Deus (17, 18)

  • A besta salvaxe é derrotada (19-21)

19  Despois disto escoitei o que parecía a voz forte dunha gran multitude no ceo. Dicían: “Louvade a Xah!* A salvación, a gloria e o poder son do noso Deus, 2  porque os seus xuízos son verdadeiros e xustos. El executou a sentenza* contra a gran prostituta (a que corrompeu a terra coa súa inmoralidade sexual*) e vingou o sangue dos seus escravos que ela tiña nas mans*”. 3  E enseguida dixeron por segunda vez: “Louvade a Xah!* O fume dela seguirá subindo para sempre”. 4  Os 24 anciáns e os catro seres viventes puxéronse de xeonllos e adoraron a Deus, que está sentado no trono, e dixeron: “Amén! Louvade a Xah!*”. 5  Tamén saíu do trono unha voz que dixo: “Louvade o noso Deus, todos vós, os seus escravos, os que o temedes, tanto os pequenos coma os grandes”. 6  Escoitei algo que parecía a voz dunha gran multitude. Era coma o ruído de moita auga en movemento e coma o de tronos fortes. Dicían: “Louvade a Xah!* Porque Xehová*, o noso Deus, o Todopoderoso, empezou a reinar! 7  Esteamos felices e cheos de alegría, e deámoslle gloria, porque chegou a voda do Cordeiro e a súa muller xa está preparada. 8  Si, a ela déuselle o honor de ir vestida de liño limpo, brillante e de boa calidade, porque o liño de boa calidade representa os actos xustos dos santos”. 9  E o anxo díxome: “Escribe isto: ‘Felices os que están invitados á cea da voda do Cordeiro’”. E tamén me dixo: “Estas son as palabras verdadeiras de Deus”. 10  Entón, boteime ó chan diante dos seus pés para adoralo, pero el díxome: “Coidado! Non fagas iso! Eu son só un escravo coma ti e coma os teus irmáns, que tedes a misión de dar testemuño acerca de Xesús. Adora a Deus! Porque dar testemuño acerca de Xesús é o que inspira as profecías”. 11  Vin o ceo aberto, e entón apareceu un cabalo branco. O seu xinete chámase Fiel e Verdadeiro, e xulga e loita con xustiza. 12  Os seus ollos son coma unha chama de lume, e na súa cabeza hai moitas coroas*. Leva un nome escrito que ninguén máis coñece, só el. 13  Vai vestido cun manto que está manchado* de sangue, e chámaselle por este nome: A Palabra de Deus. 14  Ademais, os exércitos do ceo seguíano en cabalos brancos e ían vestidos de liño branco, limpo e de boa calidade. 15  Da boca del sae unha espada longa e afiada para atacar as nacións. E vainas gobernar* con vara de ferro. Ademais, pisa as uvas no lagar* da furia da ira de Deus, o Todopoderoso. 16  E no seu manto, á altura da parte de arriba da perna*, ten un nome escrito: Rei de reis e Señor de señores. 17  Tamén vin un anxo que estaba de pé no sol. El berrou con voz forte e díxolles a tódalas aves que voan polo medio do ceo*: “Vinde aquí! Xuntádevos para a gran cea de Deus. 18  Comede a carne de reis, de comandantes militares, de homes poderosos, de cabalos e dos seus xinetes. Comede a carne de todos, tanto de homes libres coma de escravos, de pequenos e de grandes”. 19  E vin que a besta salvaxe, e os reis da terra e os seus exércitos se xuntaran para loitar contra o que está sentado enriba do cabalo e contra o seu exército. 20  E a besta salvaxe foi capturada, e con ela o falso profeta que fixo diante dela os sinais cos que enganou ós que recibiron a marca da besta salvaxe e ós que adoran a súa imaxe. Mentres aínda estaban vivos, botaron ós dous no lago de lume* que arde con xofre. 21  Pero ós demais matáronos coa espada longa que saía da boca do que ía sentado enriba do cabalo. E tódalas aves quedaron cheas coa carne deles.

Notas ó pé

Ou “Aleluia!”. Xah é unha forma abreviada do nome Xehová.
Ou “o xuízo”.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Lit. “da man dela”.
Ou “Aleluia!”. Xah é unha forma abreviada do nome Xehová.
Ou “Aleluia!”. Xah é unha forma abreviada do nome Xehová.
Ou “Aleluia!”. Xah é unha forma abreviada do nome Xehová.
Lit. “diademas”.
Ou quizais “salpicado”.
Lit. “pastorear”.
Ou “á altura da coxa”.
Ou “polo aire”, “no alto”.
Ver glosario lago de lume.