Apocalipse 2:1-29

  • As mensaxes a Éfeso (1-7), a Esmirna (8-11), a Pérgamo (12-17) e a Tiatira (18-29)

2  ”Escríbelle ó anxo da congregación de Éfeso: ‘Isto é o que di o que ten as sete estrelas na súa man dereita e camiña entre os sete candelabros de ouro: 2  “Coñezo os teus feitos, o teu duro traballo e o teu aguante. Tamén sei que non podes tolerar os homes malos e que puxeches a proba os que din ser apóstolos pero non o son, e que descubriches que son uns mentireiros. 3  Ademais, estás demostrando aguante. Seguiches servíndome fielmente por causa do meu nome e non te cansaches. 4  Pero teño algo na túa contra: que perdiches* o amor que tiñas ó principio. 5  ”’”Así que recorda desde onde caíches, arrepíntete e fai as cousas que facías ó principio. Se non o fas, virei e quitarei o teu candelabro do seu sitio, a non ser que te arrepintas. 6  Pero tes isto ó teu favor: que odias as cousas que fai a seita* de Nicolás, cousas que eu tamén odio. 7  Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións: a quen venza permitireille comer da árbore da vida*, que está no paraíso de Deus”’. 8  ”Escríbelle ó anxo da congregación de Esmirna: ‘Isto é o que di el, o Primeiro e o Último, o que estivo morto e volveu a vivir: 9  “Coñezo o teu sufrimento* e a túa pobreza, aínda que es rico. Tamén coñezo a blasfemia dos que din ser xudeus pero en realidade non o son. Eles son un grupo que pertence a* Satanás. 10  Non teñas medo dos sufrimentos que che esperan. Mira! O Demo* seguirá meténdovos no cárcere a algúns de vós para que sexades probados por completo, e seredes perseguidos* durante 10 días. Mantente fiel ata a morte e eu dareiche a coroa da vida. 11  Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións: ó que venza, a morte segunda* nunca lle fará ningún dano”’. 12  ”Escríbelle ó anxo da congregación de Pérgamo: ‘Isto é o que di o que ten a espada de dous fíos, longa e afiada: 13  “Sei onde vives: onde está o trono de Satanás. Aínda así, séguesme sendo leal*. Ademais, non renegaches da túa fe en min nin sequera nos días de Antipas, a miña testemuña fiel, a quen mataron na vosa cidade, onde vive Satanás. 14  ”’”Pero teño algunhas cousas na túa contra: que tes aí ós que se aferran ás ensinanzas de Balaam, quen lle ensinou a Balac a tentar os* fillos de Israel para que comesen carne sacrificada a ídolos e para que cometesen actos de inmoralidade sexual*. 15  Ademais, tamén tes ós que se aferran ás ensinanzas da seita de Nicolás. 16  Así que arrepíntete. Se non o fas, virei pronto e loitarei contra eles coa espada longa que sae da miña boca. 17  ”’”Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións: ó que venza dareille do maná escondido e tamén unha pedriña branca. Na pedriña hai escrito un nome novo que ninguén coñece, só quen a recibe”’. 18  ”Escríbelle ó anxo da congregación de Tiatira: ‘Isto é o que di o Fillo de Deus, o que ten os ollos coma unha chama de lume e os pés coma o cobre refinado: 19  “Coñezo os teus feitos, o teu amor, a túa fe, o teu servizo a Deus* e o teu aguante. E sei que agora os teus feitos son máis que os do principio. 20  ”’”Pero teño algo na túa contra: que toleras a esa muller, Xezabel, que afirma ser profetisa e engana coas súas ensinanzas os meus escravos para que cometan actos de inmoralidade sexual* e para que coman carne sacrificada ós ídolos. 21  Deille tempo para que se arrepentise, pero ela non quere arrepentirse da súa inmoralidade sexual*. 22  Mira! Vou facer que enferme ata que non se poida levantar da cama. E farei que os que cometen adulterio con ela sufran moito*, a non ser que se arrepintan de actuar coma ela. 23  E ós fillos dela vounos matar cunha enfermidade mortal. Así tódalas congregacións saberán que eu son o que analiza os pensamentos máis íntimos* e os corazóns. E a cada un de vós pagareivos conforme ós vosos feitos. 24  ”’”Pero ó resto dos que estades en Tiatira, tódolos que non seguides as ensinanzas de Xezabel e non coñecedes as chamadas ‘cousas profundas de Satanás’, dígovos: ‘Non vos impoño ningunha outra carga. 25  Iso si, aferrádevos ó que tedes ata que eu veña. 26  Ó que venza e se manteña nos meus camiños* ata o fin dareille autoridade sobre as nacións, 27  tal como meu Pai me deu autoridade a min. E gobernará* á xente con vara de ferro, de maneira que quedarán feitos pedazos coma recipientes de barro. 28  Tamén lle darei a estrela da mañá. 29  Quen teña oídos, que escoite o que o espírito santo lles di ás congregacións’”’.

Notas ó pé

Lit. “deixaches”.
Ver glosario árbore da vida.
Lit. “a túa tribulación”.
Lit. “unha sinagoga de”.
A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador). Ver glosario Demo.
Lit. “teredes tribulación”.
É dicir, a morte eterna.
Lit. “segues aferrándote ó meu nome”.
Ou “poñer un tropezo diante dos”.
Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “ministerio”.
Ver glosario inmoralidade sexual.
En grego, porneia. Ver glosario inmoralidade sexual.
Ou “teñan gran tribulación”.
Ou “as emocións máis profundas”. Lit. “os riles”.
Lit. “feitos”.
Lit. “pastoreará”.