Apocalipse 20:1-15

  • Satanás é atado durante 1000 anos (1-3)

  • Os que reinarán con Cristo durante 1000 anos (4-6)

  • Satanás é liberado e despois destruído (7-10)

  • Os mortos son xulgados diante do trono branco (11-15)

20  Vin un anxo que baixaba do ceo coa chave do abismo* e cunha cadea grande na man. 2  Colleu ó dragón, a serpe orixinal, que é o Demo* e Satanás, e atouno por 1000 anos. 3  Entón botouno no abismo*, encerrouno alí e selou a entrada para que non volvese enganar as nacións ata que acabasen os 1000 anos. Despois diso ten que ser liberado durante un pouco de tempo. 4  Vin tronos, e ós que se sentaron neles déuselles autoridade para xulgar. Si, vin as almas* dos que foran executados* por dar testemuño acerca de Xesús e por falar de Deus, os que non adoraran nin á besta salvaxe nin á súa imaxe e non recibiran a marca nin na fronte nin na man. Estes chegaron a vivir e reinaron co Cristo durante 1000 anos. 5  Esta é a primeira resurrección*. (O resto dos mortos non volveron a vivir ata que acabaron os 1000 anos.) 6  Feliz e santo é quen resucita na primeira resurrección. A morte segunda non ten autoridade sobre eles, senón que serán sacerdotes de Deus e do Cristo, e reinarán con el durante os 1000 anos. 7  Pero tan pronto acaben os 1000 anos, Satanás será liberado da súa prisión 8  e sairá para enganar as nacións que están nos catro extremos* da terra, a Gog e a Magog, para reunilas para a guerra. A súa cantidade é coma a dos grans de area do mar. 9  Elas avanzaron por toda a terra e rodearon o campamento dos santos e a cidade amada. Pero baixou lume do ceo e consumiunas. 10  E o Demo, que as estivera enganando, foi botado no lago de lume e xofre, onde xa estaban a besta salvaxe e o falso profeta. A eles faráselles sufrir* día e noite para sempre. 11  Vin un gran trono branco e ó que estaba sentado nel. A terra e o ceo escaparon de diante del e desapareceron sen deixar rastro. 12  E vin os mortos (os grandes e os pequenos) de pé diante do trono, e abríronse uns rolos. Tamén se abriu outro rolo: o rolo da vida. E os mortos foron xulgados polas súas accións de acordo co que estaba escrito nos rolos. 13  O mar entregou os mortos que había nel, e a morte e a Tumba* tamén entregaron os mortos que había nelas. E cada un foi xulgado polas súas accións. 14  A morte e a Tumba* foron botadas no lago de lume*. O lago de lume representa a morte segunda. 15  Ademais, tódolos que non tiñan o seu nome escrito no libro da vida tamén foron botados no lago de lume.

Notas ó pé

A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).
Ver Ap 6:9, nota.
Lit. “executados coa machada”.
Lit. “nas catro esquinas”.
Ou “Serán retidos”, “Serán encarcerados”. Lit. “Serán atormentados”.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Ou “Hades”. É dicir, o lugar simbólico onde descansan os mortos. Ver glosario tumba.
Ver glosario lago de lume.