Apocalipse 4:1-11

  • A visión da presenza celestial de Xehová (1-11)

    • Xehová sentado no seu trono (2)

    • Os 24 anciáns en tronos (4)

    • Os catro seres viventes (6)

4  Despois disto vin unha porta aberta no ceo, e a primeira voz que escoitei falando comigo era coma o son dunha trompeta. Díxome: “Sube aquí, que che vou ensinar as cousas que teñen que suceder”. 2  Despois disto, enseguida cheguei a estar baixo a influencia do espírito santo. Entón, vin un trono no ceo e a alguén sentado nel. 3  O que estaba sentado tiña a aparencia do xaspe e da cornalina*, e rodeando o trono había un arco iris que parecía unha esmeralda. 4  Arredor do trono había 24 tronos, e neses tronos vin sentados a 24 anciáns*. Estaban vestidos con roupa branca e levaban unha coroa de ouro na cabeza. 5  Do trono saían lóstregos, voces e ruídos fortes de tronos. Diante del había sete lámpadas de lume ardendo, que representan os sete espíritos de Deus. 6  Diante do trono tamén había unha especie de mar de vidro, parecido ó cristal. No centro, xunto ó trono* e arredor del, había catro seres viventes cheos de ollos por diante e por detrás. 7  O primeiro ser vivente parecía un león, o segundo parecía un touro novo, o terceiro tiña a cara parecida á dun home e o cuarto parecía unha aguia voando. 8  Cada un dos catro seres viventes tiña seis alas, que estaban cheas de ollos por fóra e por dentro. E día e noite din sen parar: “Santo, santo, santo é Xehová* Deus, o Todopoderoso, que era, que é e que vén”. 9  Cada vez que os seres viventes lle dan gloria, honra e grazas ó que está sentado no trono e que vive para sempre, 10  os 24 anciáns bótanse ó chan diante do que está sentado no trono e adoran ó que vive para sempre. Tamén botan as súas coroas diante do trono e din: 11  “Xehová*, noso Deus, ti mereces recibir a gloria, a honra e o poder, porque ti creaches tódalas cousas e pola túa vontade* chegaron a existir e foron creadas”.

Notas ó pé

Pedra preciosa de cor vermella.
Lit. “No medio do trono”.
Ou “porque ti o quixeches así”.