Ezequiel 8:1-18

  • Ezequiel vai a Xerusalén por medio dunha visión (1-4)

  • Ve cousas detestables no templo (5-18)

    • Mulleres chorando polo deus Tamuz (14)

    • Homes adorando o sol (16)

8  No sexto ano*, no sexto mes, no día cinco do mes, mentres eu estaba sentado na miña casa e os anciáns de Xudá estaban sentados diante miña, o poder* do Señor Soberano Xehová veu sobre min. 2  Cando mirei, había unha silueta que parecía lume. Do que parecía ser a súa cintura cara abaixo había lume, e da súa cintura cara arriba resplandecía coma un metal brillante*. 3  Entón estirou o que parecía ser unha man e agarroume polo pelo, e nunha visión de Deus un espírito* levoume polo aire*. Levoume a Xerusalén, á entrada da porta interior que dá ó norte, onde estaba a imaxe idolátrica de celos que provoca celos. 4  E alí estaba a gloria do Deus de Israel. Era como a visión que tivera na chaira. 5  Despois el díxome: “Fillo do home, por favor, mira cara ó norte”. Así que levantei a mirada cara ó norte e alí, ó norte da porta do altar, na entrada, estaba aquela imaxe* de celos. 6  E tamén me dixo: “Fillo do home, viches as cousas terribles e detestables que está facendo aquí a casa de Israel, cousas que fan que me afaste do meu santuario? Pois verás cousas detestables aínda máis terribles”. 7  Despois levoume á entrada do patio e vin que había un burato no muro. 8  El díxome: “Fillo do home, por favor, fai máis grande o burato do muro”. Así que fíxeno e vin unha entrada. 9  E díxome: “Entra e mira as cousas malas e detestables que están facendo”. 10  Entón entrei e vin imaxes de toda clase de animais que se arrastran e de animais repugnantes, e vin tódolos ídolos noxentos* da casa de Israel. Estas imaxes estaban gravadas por todo o muro. 11  E alí diante estaban de pé 70 anciáns da casa de Israel. Entre eles estaba Xaazanías, o fillo de Safán. Cada un levaba o seu incensario na man e o fume perfumado do incenso ascendía. 12  E el díxome: “Fillo do home, ves o que están facendo os anciáns da casa de Israel na escuridade, nos cuartos interiores onde teñen os seus ídolos expostos? Porque andan dicindo: ‘Xehová non nos está vendo. Xehová abandonou o país’”. 13  E entón díxome: “Verás que están facendo cousas detestables que son aínda máis terribles”. 14  Entón levoume á entrada da porta norte da casa de Xehová, e alí vin que unhas mulleres estaban sentadas chorando polo deus Tamuz. 15  El tamén me dixo: “Fillo do home, ves isto? Pois verás cousas detestables que son aínda máis terribles ca estas”. 16  Despois levoume ó patio interior da casa de Xehová. Alí, na entrada do templo de Xehová, entre o pórtico e o altar, había uns 25 homes inclinándose cara ó leste, diante do sol, e estábanlle dando as costas ó templo de Xehová. 17  El díxome: “Fillo do home, ves isto? E logo non lle chega á casa de Xudá con facer estas cousas detestables? Están enchendo de violencia o país e seguen provocándome. E agora están pasando a rama* polo meu nariz. 18  Así que responderei con furia. Non sentirei pena* nin compaixón. Aínda que me berren moi forte nos oídos, non os escoitarei”.

Notas ó pé

^ Refírese ó sexto ano do desterro do rei Xoaquín, de Ezequiel e doutros xudeus. Ver Ez 1:2.
^ Lit. “a man”.
^ Ou “o electro”, é dicir, unha aliaxe ou mestura brillante de ouro e prata.
^ En hebreo esta palabra pode referirse ó espírito de Deus ou a un anxo.
^ Lit. “entre a terra e os ceos”.
^ Ou “aquel símbolo”.
^ É posible que o termo hebreo estea relacionado cunha palabra que significa “esterco” e que se usa para expresar desprezo.
^ Parece ser que se refire a unha rama que se usaba na adoración a ídolos.
^ Lit. “O meu ollo non sentirá pena”.