Ezequiel 13:1-23
13 Xehová volveume a comunicar unha mensaxe. Díxome:
2 “Fillo do home, profetiza contra os profetas de Israel e dilles ós que inventan as súas propias profecías: ‘Escoitade a mensaxe de Xehová.
3 Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “Pobres dos profetas insensatos que seguen as súas propias ideas* sen que recibisen ningunha visión da miña parte!
4 Oh, Israel, os teus profetas volvéronse coma raposos no medio das ruínas.
5 Profetas, non iredes onde están as brechas das murallas de pedra para reconstruílas e protexer a casa de Israel. Por iso, Israel non poderá sobrevivir na batalla do día de Xehová”.
6 “Tiveron visións falsas e o que predixeron era mentira. Andan dicindo ‘Esta é a mensaxe de Xehová’, pero Xehová non os enviou, e aínda así esperan que as súas palabras se cumpran.
7 E logo non é certo que a visión que tivestes é falsa e que predixestes algo que era mentira? Dicides ‘Esta é a mensaxe de Xehová’, cando eu non vos dixen nada”’.
8 ”‘Polo tanto, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “‘Como o que dixestes é falso e as vosas visións son mentira, estou en contra de vós’, di o Señor Soberano Xehová”.
9 A miña man está contra eses profetas que teñen visións falsas e que predín algo que é mentira. Non estarán entre as persoas nas que confío nin estarán inscritos no rexistro da casa de Israel, e tampouco volverán á terra de Israel. E teredes que saber que eu son o Señor Soberano Xehová.
10 Todo isto pasará porque eles extraviaron o meu pobo dicindo “Hai paz!”, cando non hai paz. Cando alguén constrúe unha parede que é fráxil, eles revístena con cal*’.
11 ”A eses que revisten a parede con cal, dilles que vai caer. Virá unha chuvia torrencial e caerá graínzo, e ventos moi fortes de tormenta botarana abaixo.
12 E cando a parede caia, a xente preguntaralles: ‘Onde está a capa de cal que lle puxestes?’.
13 ”Polo tanto, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Debido á ira que sinto farei que veñan ventos moi fortes de tormenta, debido ó enfado tan grande que sinto farei que veña unha chuvia torrencial e debido á miña furia destrutora farei que veña graínzo.
14 Botarei abaixo a parede que revestistes con cal, farei que caia ó chan e os seus cimentos quedarán á vista. Cando a cidade caia, vós morreredes dentro dela. E teredes que saber que eu son Xehová’.
15 ”‘Cando solte toda a miña ira contra a parede e contra os que a revestiron con cal, direivos “Xa non hai parede e os que a revestiron con cal xa non están.
16 Os profetas de Israel desapareceron, eses que profetizaban sobre Xerusalén e que tiñan visións de que había paz nela cando en realidade non había paz”’, di o Señor Soberano Xehová.
17 ”E ti, fillo do home, enfróntate ás fillas do teu pobo que están inventando as súas propias profecías e profetiza contra elas.
18 Dilles: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “Pobres das mulleres que cosen bandas para os brazos* e que lles fan veos para a cabeza a persoas de tódalas estaturas coa intención de atrapar a xente! Acaso pensades que podedes salvar as vosas propias vidas mentres estades atrapando o meu pobo?
19 E logo, ídesme deshonrar* no medio do meu pobo matando ós que non terían que morrer e deixando vivos ós que non deberían vivir? E todo por uns puñados de cebada e uns cachos de pan? Iso é o que estades facendo ó mentirlle ó meu pobo, que escoita as vosas mentiras”’.
20 ”Polo tanto, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Mulleres, aquí estou en contra das bandas para os brazos que usades para atrapar a xente coma se fosen paxaros. Arrancareinas dos brazos e liberarei ós que estades atrapando coma paxaros.
21 Arrancarei os veos e rescatarei ó meu pobo das vosas mans. Xa non poderedes atrapalos, e teredes que saber que eu son Xehová.
22 Coas vosas mentiras desanimastes ós xustos, cando eu non estaba facendo que sentisen angustia*. Ademais, animastes ós malvados para que non deixen o seu mal camiño, e por culpa diso non seguirán vivindo.
23 Por iso, mulleres, xa non teredes máis visións falsas nin faredes adiviñacións. Rescatarei ó meu pobo das vosas mans, e teredes que saber que eu son Xehová’”.

