Ezequiel 3:1-27

  • Ezequiel come o rolo que Deus lle dá (1-15)

  • Noméase vixía a Ezequiel (16-27)

    • Non advertir a alguén implica culpa de sangue (18-21)

3  Entón el díxome: “Fillo do home, come o que tes diante*. Come este rolo e despois vaille falar á casa de Israel”. 2  Así que abrín a boca e el deume o rolo para que o comese. 3  E tamén dixo: “Fillo do home, come este rolo que che dou e enche o estómago con el”. Así que empecei a comelo, e na boca sabíame tan doce coma o mel. 4  Despois díxome: “Fillo do home, vai onde están os da casa de Israel e transmítelles as miñas palabras. 5  Porque non estás sendo enviado a un pobo que fale un idioma difícil de entender ou que sexa descoñecido, senón á casa de Israel. 6  Non estás sendo enviado a moitos pobos que falan un idioma difícil de entender ou que sexa descoñecido e que ti non poidas comprender. Se te enviase onda eles, escoitaríante. 7  Pero a casa de Israel non vai querer escoitarte, porque non quere escoitarme a min. Tódolos da casa de Israel teñen a cabeza e o corazón duros. 8  Mira! Fixen que a túa cara e a túa fronte sexan tan duras coma as deles. 9  Fixen que a túa fronte sexa coma un diamante, máis dura que unha pedra*. Non lles teñas medo e que as súas caras non te aterroricen, porque son un pobo rebelde”. 10  Entón el díxome: “Fillo do home, escoita tódalas palabras que che digo e reflexiona con coidado nelas. 11  Vai falar cos desterrados do teu pobo*. Tanto se escoitan como se non, dilles: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová’”. 12  Despois un espírito* levoume, e detrás de min escoitei unha voz moi forte que dicía: “Que Xehová sexa louvado pola súa gloria!”. 13  Tamén escoitei o son das ás dos seres viventes ó rozar unhas coas outras, o son das rodas que estaban xunto a eles e un ruído moi forte. 14  O espírito colleume e levoume. Eu fun (estaba amargado e indignado*), e sentín que o poder* de Xehová actuaba con moita forza en min. 15  Así que fun onda o pobo desterrado, que vivía xunto ó río Quebar, en Tel-Abib. Quedei alí con eles, e sentinme confundido durante sete días. 16  Cando pasaron os sete días, recibín esta mensaxe de Xehová: 17  “Fillo do home, nomeeite vixía* para a casa de Israel. Cando escoites unha palabra miña, tes que advertilos da miña parte. 18  Se lle digo a alguén malvado ‘Vas morrer’ pero ti non o avisas nin o advirtes de que deixe o seu mal camiño para que así siga vivindo, entón el morrerá polos seus pecados porque é malvado, pero a ti reclamareiche o seu sangue*. 19  En cambio, se ti advirtes a alguén malvado e el non deixa o seu mal camiño nin a súa maldade, el vai morrer polos seus pecados, pero ti salvarás a túa vida. 20  Por outro lado, se alguén xusto se aparta da súa xustiza e actúa mal*, poñerei un obstáculo* diante del e morrerá. Se ti non o advertiches, el morrerá polos seus pecados e non se recordarán os seus actos xustos, pero a ti reclamareiche o seu sangue*. 21  En cambio, se ti advertiches a alguén xusto de que non peque e el non peca, seguirá vivindo porque o advertiron, e ti salvarás a túa vida”. 22  Naquel lugar, o poder* de Xehová veu sobre min e díxome: “Levántate e vai á chaira, e alí falarei contigo”. 23  Así que levanteime e fun á chaira. Alí estaba a gloria de Xehová, e era coma a gloria que vira xunto ó río Quebar. Boteime ó chan e baixei a cabeza. 24  Entón o espírito de Deus entrou en min e fixo que me puxese de pé. El* falou comigo e díxome: “Vai e encérrate na túa casa. 25  A ti, fillo do home, atarante con cordas para que non poidas saír e presentarte diante deles. 26  E farei que se che pegue a lingua ó ceo da boca. Quedarás mudo e non poderás corrixilos, porque son un pobo rebelde. 27  Pero cando eu fale contigo, farei que recuperes a fala, e terás que dicirlles: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová’. Quen queira escoitar que escoite, pero quen non queira escoitar que non escoite, porque son un pobo rebelde.

Notas ó pé

^ Lit. “o que encontres”.
^ Ou “o pedernal”.
^ Lit. “cos desterrados dos fillos do teu pobo”.
^ En hebreo esta palabra pode referirse ó espírito de Deus ou a un anxo.
^ Lit. “e no furor do meu espírito”.
^ Lit. “a man”.
^ Ou “atalaia”, “vixilante”. Ver glosario vixía.
^ Ou “fareite responsable do seu sangue”.
^ Ou “actúa inxustamente”.
^ Ou “tropezo”.
^ Ou “fareite responsable do seu sangue”.
^ Lit. “a man”.
^ Parece ser que se refire a Xehová.