Ezequiel 41:1-26

  • O santuario do templo (1-4)

  • A parede do templo e as salas laterais (5-11)

  • O edificio que estaba no lado oeste (12)

  • Mídense os edificios (13-15a)

  • O interior do santuario (15b-26)

41  Entón levoume ó Santo* e mediu as columnas laterais, unha estaba ó lado esquerdo e outra ó lado dereito. Cada columna medía 3 metros* de fondo. 2  E o ancho de cada columna era de 2,5 metros*. A entrada medía 5 metros* de ancho. Tamén mediu o Santo, e medía 20 metros* de fondo e 10 metros* de ancho. 3  Despois entrou* e mediu as columnas laterais da entrada. Medían 1 metro* de fondo e 3,5 metros* de ancho. E o ancho da entrada era de 3 metros. 4  A continuación mediu o cuarto que estaba despois do Santo. Medía 10 metros de ancho e 10 metros de fondo. E díxome: “Este é o Santísimo”. 5  Entón mediu a parede do templo, e tiña 3 metros de grosor. As salas laterais que estaban arredor do templo medían 2 metros* de fondo. 6  Había tres pisos de salas laterais, e cada piso tiña 30 salas. Unhas salas estaban enriba das outras. Arredor das paredes do templo había saíntes que servían de apoio para as vigas das salas laterais, de maneira que as vigas das salas non estaban encaixadas na parede do templo. 7  Ós dous lados do templo había unha subida en forma de espiral* que se ía facendo cada vez máis ancha a medida que ía subindo cara ás salas de arriba. O ancho das salas tamén aumentaba en cada piso a medida que se subía dende a planta baixa ata a planta superior, pasando pola planta do medio. 8  Vin que había unha plataforma elevada todo arredor do templo, e a altura dos cimentos* das salas laterais era dunha cana completa, é dicir, de 3 metros. 9  A parede exterior das salas laterais tiña 2,5 metros de grosor. Entre a parede das salas laterais e o final da plataforma había unha zona aberta* que formaba parte do templo. 10  A cada lado do templo, entre o templo e os comedores*, había un espazo aberto que medía 10 metros de ancho. 11  Para acceder ás salas laterais había dúas entradas que estaban na zona aberta que había na plataforma. Unha estaba no lado norte e outra no lado sur. Esta zona aberta que había todo arredor do templo medía 2,5 metros de ancho. 12  No lado oeste había un edificio ó que se entraba dende o espazo aberto. O edificio medía 36 metros* de fondo e 46 metros* de ancho. A parede do edificio tiña 2,5 metros de grosor todo arredor. 13  El mediu o templo e medía 50 metros* de fondo. E o edificio* (incluíndo as súas paredes) xunto co espazo aberto tamén medía 50 metros de fondo. 14  A fachada do templo que daba ó leste mais os espazos abertos que había a cada lado medían 50 metros de ancho. 15  El mediu o ancho do edificio que daba ó espazo aberto que había detrás do templo, incluíndo as galerías que había nos dous lados, e medía 50 metros. Tamén mediu o Santo, o Santísimo e os pórticos do patio, 16  ademais das entradas, das ventás con aberturas que se estreitaban* e das galerías que había naquelas tres zonas. Cerca de cada entrada había paneis de madeira que ían dende o chan ata as ventás, e os marcos das ventás tamén estaban cubertos. 17  Tomáronse medidas por riba da entrada, tamén na parte interior e exterior do templo, e arredor de toda a parede. 18  Había figuras talladas de querubíns e de palmeiras. Cada palmeira estaba entre dous querubíns e cada querubín tiña dúas caras. 19  A cara humana miraba cara á palmeira que había nun lado e a cara de león* miraba cara á palmeira que había no outro lado. Estas figuras estaban talladas así por todo o templo. 20  Había figuras talladas de querubíns e de palmeiras por toda a parede do santuario, dende o chan ata o teito, incluso na zona que estaba enriba da entrada. 21  Os postes da porta* do santuario eran cadrados. Diante do lugar santo* había algo parecido 22  a un altar de madeira que medía 1,5 metros* de alto e 1 metro de ancho. Tiña postes nas esquinas, e a base e os laterais eran de madeira. Entón el díxome: “Esta é a mesa que está diante de Xehová”. 23  Tanto o Santo como o Santísimo tiñan portas dobres. 24  As portas tiñan dúas follas que se podían pregar, e había dúas follas en cada porta. 25  Nas portas do santuario había figuras talladas de querubíns e de palmeiras, igual que nas paredes. E na fachada do pórtico había unha cornixa* de madeira. 26  Ademais, nos dous lados do pórtico, nas salas laterais do templo e ó longo das cornixas había ventás con aberturas que se estreitaban e tamén figuras de palmeiras.

Notas ó pé

^ Lit. “templo”. Nos capítulos 41 e 42, a expresión hebrea refírese ó Santo (o santuario exterior) ou a todo o santuario (o templo, que incluía o Santo e o Santísimo).
^ Lit. “6 cóbados”. Refírese a cóbados longos. Ver apén. B14.
^ Lit. “5 cóbados”.
^ Lit. “10 cóbados”.
^ Lit. “40 cóbados”.
^ Lit. “20 cóbados”.
^ É dicir, entrou no santuario interior, no Santísimo.
^ Lit. “2 cóbados”.
^ Lit. “7 cóbados”.
^ Lit. “4 cóbados”.
^ Parece ser que se refire a unhas escaleiras de caracol.
^ Parece ser que se refire á plataforma da que se fala na primeira parte do versículo.
^ Parece ser que era un corredor estreito que había arredor do templo.
^ Ou “as salas”.
^ Lit. “70 cóbados”.
^ Lit. “90 cóbados”.
^ Lit. “100 cóbados”.
^ É dicir, o edificio que estaba no lado oeste do santuario.
^ Ou “das ventás biseladas”.
^ Ou “león novo con melena”.
^ Lit. “O poste (A xamba) da porta”. Parece ser que se refire á entrada do Santo.
^ Parece ser que se refire ó Santísimo.
^ Lit. “3 cóbados”.
^ Ou “un saínte”.