Ezequiel 21:1-32

  • A espada do xuízo de Deus sacarase da súa funda (1-17)

  • O rei de Babilonia atacará Xerusalén (18-24)

  • O malvado xefe de Xerusalén será eliminado (25-27)

    • “Saca a coroa” (26)

    • “Ata que veña o que ten o dereito legal” (27)

  • Unha espada contra os amonitas (28-32)

21  Xehová volveume a comunicar unha mensaxe. Díxome: 2  “Fillo do home, mira cara a Xerusalén, fai unha declaración contra os lugares santos e profetiza contra a terra de Israel. 3  Dille á terra de Israel: ‘Isto é o que di Xehová: “Aquí estou en contra de ti. Vou sacar a miña espada da súa funda e eliminarei tanto ós xustos coma ós malvados. 4  Sacarei a miña espada da súa funda e atacareinos a todos*, dende o sur ata o norte, para eliminar tanto ós xustos coma ós malvados que hai no medio de ti. 5  Todo o mundo terá que saber que eu, Xehová, saquei a miña espada da súa funda. E non volverá a gardarse”’. 6  ”Ti, fillo do home, suspira mentres tremes* co medo. Si, suspira cheo de pena diante deles. 7  Se che preguntan ‘Por que suspiras?’, respóndelles ‘Por culpa dunha noticia’. Porque virá sen falta e tódolos corazóns derreteranse de medo, tódalas mans quedarán sen forzas, toda a xente* desanimarase e tódolos xeonllos pingarán auga*. O Señor Soberano Xehová di: ‘Virá sen falta, cumprirase’”. 8  Xehová volveume a comunicar unha mensaxe. Díxome: 9  “Fillo do home, profetiza e di: ‘Isto é o que di Xehová: “Unha espada! Unha espada que está afiada e pulida. 10  Está afiada para facer unha gran matanza, está pulida para brillar coma un lóstrego”’”. O pobo preguntou: “E logo non deberiamos alegrarnos?”. Pero Deus dixo: “‘Ela* rexeitará o cetro do meu propio fillo, como fai con calquera árbore. 11  ”’Entregueina para que a pulisen e a usasen. Esta espada está afiada e pulida, lista para poñela nas mans do que vai executar o castigo. 12  ”’Fillo do home, chora e laméntate, porque a espada virá contra o meu pobo, ela está contra tódolos xefes* de Israel. Eles serán vítimas da espada xunto co meu pobo. Así que tes que darte un golpe na perna como sinal de tristeza. 13  Fíxose unha inspección, e que pasará se a espada rexeita o cetro? Que o cetro deixará de existir’, di o Señor Soberano Xehová. 14  ”E ti, fillo do home, profetiza, dá palmadas e repite tres veces: ‘Unha espada!’. É a espada que mata, a espada que mata a moita xente, que os ataca dende todas partes. 15  Os seus corazóns derreteranse de medo e moitos caerán nas portas da cidade. Vou provocar unha matanza coa espada. Si, ela brilla coma o lóstrego e está pulida para a matanza! 16  Espada afiada, ataca á dereita e á esquerda! Vai a onde se che ordene! 17  Eu tamén darei palmadas e satisfarei a miña furia. Fun eu, Xehová, o que falou”. 18  Xehová volveume a comunicar unha mensaxe. Díxome: 19  “Ti, fillo do home, debuxa dous camiños para que pase a espada do rei de Babilonia. Ó principio os dous deben ser un só camiño que sae dunha terra, pero despois o camiño ten que dividirse en dous, e cada un irá cara a unha cidade diferente. No punto onde se divide tes que poñer un sinal*. 20  Debuxa un camiño para que a espada vaia contra Rabá dos amonitas e outro camiño para que vaia contra a cidade fortificada de Xerusalén, en Xudá. 21  Porque o rei de Babilonia parará onde o camiño se divide en dous, onde os camiños se separan. Farao para acudir á adiviñación. Entón sacudirá as frechas, consultará os seus ídolos* e examinará o fígado dun animal. 22  A adiviñación da súa man dereita mostrará que teñen que ir a Xerusalén para poñer arietes*, para ordenar a matanza, para dar o grito de guerra, para colocar arietes contra as portas, para construír unha rampla de ataque e un muro de asedio. 23  Para os que fixeron un xuramento con eles*, parecerá unha adiviñación falsa. Pero o rei de Babilonia recordará o erro dos israelitas e vainos capturar. 24  ”Polo tanto, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Vós mesmos provocastes que se recorde o voso erro ó destapar as vosas ofensas e ó deixar á vista os vosos pecados con todo o que fixestes. Agora acordáronse de vós e seredes levados á forza’. 25  ”Pero chegou o teu día, malvado xefe de Israel que estás ferido de morte. Chegou o momento do teu castigo final. 26  Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Quita o turbante e saca a coroa. Xa non será coma antes. Quen está abaixo será enxalzado e quen está arriba será rebaixado. 27  Unha ruína! Unha ruína! Deixareina* feita unha ruína! E non será de ninguén ata que veña o que ten o dereito legal, entón dareilla a el’. 28  ”E ti, fillo do home, profetiza e di: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová sobre os amonitas e os seus insultos’. Tes que dicir: ‘Unha espada! Sacouse unha espada para a matanza. Está pulida para devorar e para brillar coma un lóstrego. 29  A pesar das visións falsas e das predicións enganosas que fixeron sobre ti*, poñerante enriba dos mortos*, é dicir, dos homes malvados ós que lles chegou o seu día, o momento do seu castigo final. 30  Volve a gardar a espada na súa funda. Xulgareite no lugar no que fuches creado, na túa terra de orixe. 31  Derramarei a miña indignación sobre ti. Soprarei sobre ti o lume da miña furia e entregareite a homes crueis, expertos en destruír. 32  Chegarás a ser combustible para o lume. O teu sangue será derramado na terra e ninguén te vai recordar nunca máis, porque fun eu, Xehová, o que falou’”.

Notas ó pé

^ Ou “atacarei a toda carne”.
^ Ou “mentres as túas cadeiras tremen”.
^ Lit. “todo espírito”.
^ É dicir, a xente mexarase por culpa do medo.
^ É dicir, a espada de Xehová.
^ Lit. “unha man”.
^ Lit. “os terafim”.
^ É dicir, máquinas de guerra que se usaban para botar abaixo portas e murallas.
^ É dicir, para os habitantes de Xerusalén.
^ Ou “Deixarei a coroa”. Parece ser que se refire ó reinado.
^ Parece ser que se refire á cidade amonita de Rabá.
^ Lit. “dos pescozos dos asasinados”.