Ezequiel 33:1-33

  • As responsabilidades dun vixía (1-20)

  • Noticias sobre a conquista de Xerusalén (21, 22)

  • Mensaxe para os que viven nas ruínas (23-29)

  • O pobo non lle fai caso á mensaxe (30-33)

    • Ezequiel é “coma unha canción romántica” (32)

    • “Houbo un profeta entre eles” (33)

33  Xehová comunicoume unha mensaxe. Díxome: 2  “Fillo do home, fálalle á xente do teu pobo e dille:”‘Imaxinade que envío unha espada para que ataque un país, e que tódolos habitantes dese país escollen un home como vixía. 3  Cando el ve que a espada vai atacar o país, toca o corno e avisa a xente. 4  Se alguén escoita o son do corno pero non fai caso da advertencia e entón vén unha espada e o mata*, esa persoa será responsable da súa propia morte*. 5  Como escoitou o son do corno pero non fixo caso da advertencia, el será responsable da súa propia morte*. Se fixese caso da advertencia, salvaría a súa vida. 6  ”’En cambio, se o vixía ve que vén a espada, pero non toca o corno e a xente non recibe ningunha advertencia, e entón vén unha espada e mata a alguén, esa persoa morrerá polos seus pecados, pero reclamareille o sangue desa persoa ó vixía*’. 7  ”Fillo do home, a ti nomeeite vixía* para a casa de Israel. Cando escoites unha palabra miña, tes que advertilos da miña parte. 8  Se lle digo a alguén malvado ‘Vas morrer!’ pero ti non falas con el para advertilo de que deixe o seu mal camiño, entón el morrerá como un malvado polos seus pecados, pero a ti reclamareiche o seu sangue*. 9  En cambio, se ti advirtes a alguén malvado de que deixe o seu mal camiño pero el non quere cambiar, el vai morrer polos seus pecados, pero ti salvarás a túa vida. 10  ”E ti, fillo do home, dille á casa de Israel: ‘Vós dixestes: “A nosa rebeldía e os nosos pecados pesan moito sobre nós e déixannos esgotados. Entón, como imos seguir vivindo?”’. 11  Dilles: ‘O Señor Soberano Xehová di: “Tan certo como que estou vivo, non me alegro de que morra alguén malvado, pero si que me alegro de que alguén malvado cambie e siga vivindo. Deixade o voso mal camiño, deixádeo. Casa de Israel, por que deberiades morrer?”’. 12  ”E ti, fillo do home, dille á xente do teu pobo: ‘A xustiza da persoa que é xusta non a vai salvar se se rebela. A maldade da persoa que é malvada non a vai facer caer* se deixa a súa maldade. E ninguén xusto poderá seguir vivindo grazas á súa xustiza se empeza a pecar. 13  Se lle digo a alguén xusto “Vas seguir vivindo” pero el confía na súa propia xustiza e actúa mal*, non se recordará ningún dos seus actos xustos, senón que morrerá polo mal que fixo. 14  ”’E se lle digo a alguén malvado “Vas morrer” pero el se aparta do seu pecado, fai o que é xusto e correcto, 15  devolve o que colleu como garantía e tamén o que roubou, e segue os estatutos que levan á vida evitando facer o que está mal, seguirá vivindo. Non vai morrer. 16  Non se lle terá en conta ningún dos pecados que cometeu. Por facer o que é xusto e correcto, seguirá vivindo’. 17  ”Pero o teu pobo dixo ‘Xehová actúa de maneira inxusta’, cando en realidade é a forma de actuar deles a que é inxusta. 18  ”Se alguén xusto se aparta da súa xustiza e actúa mal, morrerá. 19  Pero se alguén malvado se aparta da súa maldade e fai o que é xusto e correcto, seguirá vivindo. 20  ”Pero vós dixestes: ‘Xehová actúa de maneira inxusta’. Casa de Israel, eu xulgarei a cada un tendo en conta a súa maneira de actuar”. 21  Finalmente, no ano 12 do noso desterro, no décimo mes, no día cinco do mes, un home que escapara de Xerusalén veume ver e dixo: “A cidade foi conquistada!”. 22  A noite antes de que chegase o home que escapara, o poder* de Xehová veu sobre min e fixo que puidese falar outra vez. Pola mañá, cando o home veu a verme, eu xa non estaba mudo. 23  Entón Xehová comunicoume unha mensaxe. Díxome: 24  “Fillo do home, os que viven nesas ruínas están dicindo sobre a terra de Israel: ‘Abrahán, aínda que era un só home, chegou a ser o dono desta terra. Pero nós somos moitos, así que seguro que esta terra é propiedade nosa’. 25  ”Polo tanto, dilles: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “Vós estades comendo carne co seu sangue, confiades nos vosos ídolos noxentos* e seguides derramando sangue. Así que, por que teriades que ser donos desta terra? 26  Confiastes nas vosas espadas, dedicástesvos a facer cousas detestables e todos cometestes adulterio coa* muller doutro. Así que, por que teriades que ser donos desta terra?”’. 27  ”Tes que dicirlles: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “Tan certo como que estou vivo, os que viven nas ruínas morrerán pola espada. Farei que os que están no medio do campo sexan alimento para os animais salvaxes, e os que están nas fortalezas e nas covas morrerán por estar enfermos. 28  Farei que esta terra se converta nun deserto totalmente abandonado, e acabarei coa súa arrogancia e co seu orgullo. As montañas de Israel quedarán abandonadas e ninguén pasará por elas. 29  E terán que saber que eu son Xehová cando converta esta terra nun deserto totalmente abandonado por culpa de tódalas cousas detestables que fixeron”’. 30  ”Fillo do home, o teu pobo está falando de ti xunto ós muros e nas entradas das casas. Dinse uns ós outros, cada un ó seu irmán: ‘Vide e escoitemos a mensaxe que vén de Xehová’. 31  Xuntaranse moitos para sentarse diante de ti como o faría o meu pobo, e escoitarán as túas palabras pero non as poñerán en práctica. Porque aínda que de boca para fóra te eloxian*, o seu corazón desexa con avaricia conseguir ganancias deshonestas. 32  Mira! Ti es para eles coma unha canción romántica cantada cunha voz moi bonita e moi ben tocada cun instrumento de corda. Escoitarán as túas palabras, pero ninguén as poñerá en práctica. 33  E cando se cumpran, porque se cumprirán, terán que saber que houbo un profeta entre eles”.

Notas ó pé

^ Lit. “o quita”.
^ Lit. “o seu sangue estará sobre a súa cabeza”.
^ Lit. “o seu sangue estará sobre el”.
^ Ou “pero farei responsable do seu sangue ó vixía”.
^ Ou “atalaia”, “vixilante”.
^ Ou “fareite responsable do seu sangue”.
^ Ou “tropezar”.
^ Ou “actúa inxustamente”.
^ Lit. “a man”.
^ É posible que o termo hebreo estea relacionado cunha palabra que significa “esterco” e que se usa para expresar desprezo.
^ Lit. “contaminastes a”.
^ Ou “falan con lascivia”.