Ezequiel 39:1-29
39 ”E ti, fillo do home, profetiza contra Gog e dille: ‘Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: “Estou en contra de ti, Gog, xefe principal* de Mesec e Tubal.
2 Farei que deas media volta, guiareite, farei que subas dende as partes máis remotas do norte e traereite ás montañas de Israel.
3 Dun golpe quitareiche o arco da man esquerda e farei que che caian as frechas da man dereita.
4 Caerás morto nas montañas de Israel, ti, tódalas túas tropas e os pobos que te acompañen. Dareite como alimento a todo tipo de aves rapaces e ós animais salvaxes do campo”’.
5 ”O Señor Soberano Xehová di: ‘Caerás morto no medio do campo, porque fun eu o que falou’.
6 ”‘Mandarei lume contra Magog e contra os que viven seguros nas illas, e terán que saber que eu son Xehová.
7 Farei que se coñeza o meu santo nome no meu pobo Israel, e non deixarei que se volva a profanar o meu santo nome. E as nacións terán que saber que eu son Xehová, o Santo en Israel’.
8 ”O Señor Soberano Xehová di: ‘Si, isto estase acercando e vaise cumprir. Este é o día do que falei.
9 Os habitantes das cidades de Israel sairán e farán fogueiras coas armas (cos escudos grandes e pequenos*, cos arcos e coas frechas, coas mazas* e coas lanzas). Usaranas para facer lume durante sete anos.
10 Non necesitarán ir buscar madeira ó campo nin recoller leña do bosque porque usarán as armas para facer lume’.
”O Señor Soberano Xehová di: ‘Saquearán ós que os saquearon e quedarán co botín dos que lles roubaron’.
11 ”‘Ese día dareille a Gog unha sepultura en Israel, no val dos que viaxan ó leste do mar, e o val bloquearalles o camiño ós que pasen. Alí enterrarán a Gog e a tódalas súas multitudes*, e chamaranlle val de Hamon-Gog*.
12 A casa de Israel pasará sete meses enterrándoos para purificar a terra.
13 Toda a xente do país colaborará para enterralos, e isto daralles fama o día no que me glorifique’, di o Señor Soberano Xehová.
14 ”‘Para purificar o país, nomearanse homes que o percorran continuamente e que enterren os corpos que queden sobre a superficie da terra. Eles seguirán buscando durante sete meses.
15 Cando os que percorran o país vexan un óso humano, poñeranlle unha marca ó lado. Entón, os que se encargan de enterralos vanos enterrar no val de Hamon-Gog.
16 Alí tamén haberá unha cidade chamada Hamoná*. E eles terán que purificar a terra’.
17 ”Fillo do home, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Dilles a toda clase de aves e a tódolos animais salvaxes do campo: “Xuntádevos e vide. Reunídevos ó redor do meu sacrificio, o que estou preparando para vós. É un gran sacrificio nas montañas de Israel. Comeredes carne e beberedes sangue.
18 Comeredes a carne dos poderosos e beberedes o sangue dos xefes* da terra (os carneiros, os cordeiros, as cabras e os touros), tódolos animais cebados de Basán.
19 Do sacrificio que estou preparando para vós, comeredes graxa ata fartarvos e beberedes sangue ata emborracharvos”’.
20 ”O Señor Soberano Xehová di: ‘Na miña mesa, encherédesvos coa carne de cabalos e de xinetes, coa carne de homes poderosos e de toda clase de guerreiros’.
21 ”‘Mostrarei a miña gloria entre as nacións, e tódalas nacións verán a sentenza que executei e o poder* que demostrei entre elas.
22 A partir dese día, a casa de Israel terá que saber que eu son Xehová, o seu Deus.
23 E as nacións terán que saber que a casa de Israel foi ó desterro por culpa dos seus propios erros, porque me foron infieis. Por iso lles dei as costas* e os entreguei ós seus inimigos, e todos morreron pola espada.
24 Trateinos como merecían pola súa impureza e polos seus pecados, e deilles as costas’.
25 ”Polo tanto, isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Farei que volvan os desterrados de Xacob e mostrareille misericordia a toda a casa de Israel. Defenderei con tódalas miñas forzas o* meu santo nome.
26 Despois de ser avergonzados por tódalas infidelidades que cometeron contra min, vivirán seguros na súa terra, sen que ninguén os asuste.
27 Por medio deles mostrarei diante de moitas nacións que son santo, cando os traia de volta de entre os pobos e os reúna de entre as terras dos seus inimigos’.
28 ”‘Eles* terán que saber que eu son Xehová, o seu Deus, cando despois de envialos ó desterro entre as nacións, volva a xuntalos na súa terra, sen deixar atrás a ningún deles.
29 Xa non seguirei dándolles as costas, porque derramarei o meu espírito santo sobre a casa de Israel’, di o Señor Soberano Xehová”.
Notas ó pé
^ Ou “príncipe supremo”.
^ Ou “e cos broqueis”, é dicir, escudos pequenos que usaban os arqueiros.
^ Ou quizais “coas picas”, unha clase de lanza longa.
^ Ou “tropas”.
^ Ou “val das Multitudes de Gog”.
^ Que significa “multitudes”.
^ Lit. “a miña man”.
^ Lit. “lles escondín o meu rostro”.
^ Lit. “Mostrarei devoción exclusiva polo”.
^ É dicir, os israelitas.

