Ezequiel 7:1-27

  • “Chegou o fin!” (1-27)

    • Nunca houbo outra desgraza igual (5)

    • Tirarán os cartos polas rúas (19)

    • O templo será profanado (22)

7  Xehová volveume a comunicar unha mensaxe. Díxome: 2  “Fillo do home, isto é o que o Señor Soberano Xehová lle di á terra de Israel: ‘Chegou o fin! Chegou o fin ós catro extremos desta terra. 3  Agora chegou o teu fin, e soltarei a miña ira contra ti. Xulgareite tendo en conta o teu comportamento e pedireiche contas por tódalas cousas detestables que fixeches. 4  Non sentirei pena* por ti nin sentirei compaixón, porque farei que caian sobre ti as consecuencias da túa conduta. Sufrirás as consecuencias das cousas detestables que fixeches. E terás que saber que eu son Xehová’. 5  ”Isto é o que di o Señor Soberano Xehová: ‘Mira! Vén unha desgraza, e nunca houbo outra igual. 6  Acércase o fin. O fin virá, virá de repente* contra ti. Mira! Está chegando. 7  Habitante do país, chegou a túa vez. Xa chega o momento, o día está cerca. Nas montañas hai pánico en vez de gritos de alegría. 8  ”’Moi pronto derramarei sobre ti a miña furia e soltarei toda a miña ira contra ti. Xulgareite tendo en conta o teu comportamento e pedireiche contas por tódalas cousas detestables que fixeches. 9  Non sentirei pena nin compaixón. Farei que caian sobre ti as consecuencias da túa conduta. Sufrirás as consecuencias das cousas detestables que fixeches. E terás que saber que eu, Xehová, estoute castigando. 10  ”’Acércase o día! Está chegando! Chegou a túa vez. A vara floreceu e a arrogancia brotou. 11  A violencia aumentou e converteuse nunha vara de maldade. Non sobreviviredes nin ti, nin as túas riquezas, nin as túas multitudes, nin o teu prestixio. 12  Chegará o momento, o día virá. Que o que compra non se alegre e o que vende non se lamente, porque a ira vén contra toda a multitude*. 13  Aínda que se lle perdoe a vida, o que vende non volverá á propiedade que vendeu, porque a visión afectaralle a toda a multitude. Ninguén volverá e ninguén poderá salvar a súa vida por culpa do seu pecado*. 14  ”’Tocaron a trompeta e todos están preparados, pero ninguén vai á batalla, porque a miña ira vén contra toda a multitude. 15  A espada está fóra, e as pestes e a fame están dentro. Os que estean fóra da cidade morrerán pola espada, e os que estean dentro da cidade morrerán polas pestes e a fame. 16  Os que consigan escapar vivos irán ás montañas e serán coma as pombas dos vales, cada un deles lamentarase polos seus erros. 17  As súas mans quedarán sen forzas e os seus xeonllos pingarán auga*. 18  Vestiranse con tea de saco e tremerán de medo. Todos quedarán avergonzados e tódalas cabezas quedarán calvas*. 19  ”’Tirarán a súa prata polas rúas e o seu ouro daralles noxo. Nin a súa prata nin o seu ouro poderán salvalos no día da furia de Xehová. Non quedarán satisfeitos nin encherán o seu estómago, porque a súa prata e o seu ouro foron un obstáculo* que os fixo pecar. 20  Sentíanse orgullosos da beleza dos seus adornos, e usaron prata e ouro para facer as súas imaxes detestables, os seus ídolos noxentos. Por iso farei que a súa prata e o seu ouro lles dean noxo. 21  Dareilles estas riquezas* como botín ós estranxeiros e daréillelas como trofeo ós malvados da terra, e eles profanaranas. 22  ”’Apartareime deles*, e o meu lugar oculto* será profanado. Os ladróns entrarán nel e profanarano. 23  ”’Fai unhas cadeas*, porque a terra está chea do sangue dos que foron xulgados inxustamente e a cidade está chea de violencia. 24  Traerei a peor xente das nacións, e quedarán coas súas casas. Acabarei co orgullo dos que son poderosos e os seus santuarios serán profanados. 25  Cando chegue a súa angustia buscarán a paz, pero non haberá paz. 26  Virá un desastre detrás doutro e unha mala noticia detrás doutra. A xente preguntaralle a un profeta se tivo unha visión, pero a lei* dos sacerdotes e os consellos dos anciáns deixarán de existir. 27  O rei poñerase de loito, o xefe* vestirase de desesperación* e as mans da xente do país tremerán de medo. Tratareinos tendo en conta o seu comportamento e xulgareinos como eles xulgaron a outros. E terán que saber que eu son Xehová’”.

Notas ó pé

^ Lit. “O meu ollo non sentirá pena”.
^ Lit. “despertará”.
^ É dicir, non se beneficiarán nin os que compran nin os que venden propiedades, porque todos serán destruídos.
^ Ou quizais “por medio do seu pecado”.
^ É dicir, mexaranse por culpa do medo.
^ É dicir, a xente afeitará a cabeza en sinal de lamento.
^ Ou “tropezo”.
^ É dicir, a prata e o ouro que usaban para facer ídolos.
^ É dicir, do pobo de Deus. Lit. “Apartarei o meu rostro”.
^ Ó parecer refírese á parte máis interior do santuario de Xehová.
^ É dicir, unhas cadeas para os prisioneiros.
^ Ou “as ensinanzas”.
^ Ou “desolación”.