Ezequiel 4:1-17

  • Representación do asedio de Xerusalén (1-17)

    • Ezequiel carga coa culpa do pobo durante 390 días e 40 días (4-7)

4  ”E ti, fillo do home, colle un ladrillo e pono diante túa. Grava nel o debuxo dunha cidade: Xerusalén. 2  Fai coma se estiveses sitiando a cidade, rodéaa cun muro de asedio, constrúe unha rampla para atacala, e arredor dela monta campamentos e coloca arietes*. 3  Colle unha prancha de ferro e colócaa coma se fose un muro de ferro entre ti e a cidade. Despois mira fixamente a cidade e quedará cercada, ti es quen a vai cercar. Isto servirá de sinal para a casa de Israel. 4  ”Entón déitate sobre o teu lado esquerdo e carga sobre ti* a culpa da casa de Israel. Cargarás coa súa culpa durante tódolos días que esteas deitado sobre ese lado. 5  Tes que facer isto durante 390 días, que corresponden ós anos da súa culpa, e cargarás coa culpa da casa de Israel. 6  Debes facer isto durante todos eses días. ”Entón tes que volver a deitarte, pero esta vez sobre o teu lado dereito, e cargarás coa culpa da casa de Xudá durante 40 días. Un día por cada ano, un día por cada ano, iso é o que eu che mandei. 7  Mira fixamente o cerco de Xerusalén e, co teu brazo descuberto, profetiza contra ela. 8  ”Mira, atareite con cordas para que non poidas dar a volta e deitarte sobre o outro lado ata que rematen os días nos que tes que asediar a cidade. 9  ”Tes que coller trigo, cebada, fabas, lentellas, millo miúdo* e espelta, poñelos nun recipiente e facer o teu pan con todo iso. Comerás isto durante tódolos días que esteas deitado sobre o teu lado esquerdo, durante 390 días. 10  Pesarás uns 230 gramos* de pan ó día e comeralo. Tes que comelo nun horario específico. 11  ”Terás a auga racionada, beberás arredor de medio litro*. Tes que bebela nun horario específico. 12  ”Comerás o pan igual que comerías un pan redondo de cebada. Tes que cocelo diante deles usando excrementos humanos secos como combustible”. 13  Xehová tamén dixo: “Así é como os israelitas comerán o seu pan, que será impuro, entre as nacións polas que eu os vou espallar”. 14  Entón dixen: “Iso non, Señor Soberano Xehová. Dende que era novo ata agora non me contaminei comendo a carne dun animal que fose encontrado morto ou desgarrado, nin entrou na miña boca ningunha carne impura*”. 15  Así que contestoume: “Está ben, douche permiso para que cozas o teu pan usando como combustible esterco de vaca en vez de excrementos humanos”. 16  Despois engadiu: “Fillo do home, farei que deixe de chegar alimento* a Xerusalén. Comerán con moita angustia o pan racionado e beberán con medo a auga racionada. 17  Isto sucederá para que, cando lles falte o pan e a auga, se miren uns ós outros desconcertados e se consuman polos seus pecados.

Notas ó pé

^ É dicir, máquinas de guerra que se usaban para botar abaixo portas e murallas.
^ Lit. “el”, é dicir, o lado esquerdo de Ezequiel.
^ Ou “paínzo”.
^ Lit. “20 siclos”. Ver apén. B14.
^ Lit. “a sexta parte dun hin”. Ver apén. B14.
^ Ou “noxenta”.
^ Lit. “romperei as varas do pan en Xerusalén”. Ó parecer refírese ás varas para colgar e almacenar o pan.