Nehemías 13:1-31

  • Nehemías fai máis cambios (1-31)

    • Hai que dar as décimas partes (10-13)

    • Hai que respectar o sábado (15-22)

    • Condénase o matrimonio con estranxeiros (23-28)

13  Ese día léuselle ó pobo o libro de Moisés. E viron que dicía que os amonitas e os moabitas nunca deberían ser parte da congregación do Deus verdadeiro, 2  porque non lles deran nin pan nin auga ós israelitas. Todo o contrario, pagáranlle a Balaam para que os maldixese. Pero o noso Deus converteu esa maldición nunha bendición. 3  En canto o pobo escoitou a Lei, empezou a separar de Israel a tódolos que eran de orixe estranxeira*. 4  Antes diso, o sacerdote que se encargaba dos almacéns* da casa* do noso Deus era Eliaxib, que era familiar de Tobías. 5  Eliaxib permitíralle a Tobías usar un almacén* grande. Alí antes gardábanse a ofrenda de gran, o olíbano, os utensilios e a décima parte dos cereais, do viño novo e do aceite que lles correspondía ós levitas, ós cantores e ós porteiros. Tamén se gardaba alí a contribución para os sacerdotes. 6  Durante todo ese tempo eu non estaba en Xerusalén, porque volvera onda o rei Artaxerxes de Babilonia no ano 32 do seu reinado. Pero algún tempo despois pedinlle permiso para ausentarme. 7  Entón volvín a Xerusalén e deime conta da barbaridade que fixera Eliaxib para compracer a Tobías: puxera á súa disposición un almacén no patio da casa do Deus verdadeiro. 8  Isto indignoume tanto que tirei tódolos mobles de Tobías fóra do almacén*. 9  Despois mandei que limpasen os almacéns* e volvín a poñer alí os utensilios da casa do Deus verdadeiro, a ofrenda de gran e o olíbano*. 10  Tamén souben que os levitas non estiveran recibindo a parte que lles correspondía. Por iso os levitas e os cantores que servían alí tiveran que marchar, cada un para o seu campo. 11  Así que reprendín os gobernantes locais e díxenlles: “Por que permitistes que se desatendese a casa do Deus verdadeiro?”. Entón xuntei a tódolos que marcharan, e encargueilles que volvesen para atender as súas tarefas. 12  E todo Xudá levou a décima parte dos cereais, do viño novo e do aceite ós almacéns. 13  Entón puxen a cargo dos almacéns ó sacerdote Xelemías, ó copista* Sadoc e a Pedaías, que era un dos levitas. Como axudante deles puxen a Hanán, que era fillo de Zacur, que era fillo de Matanías. Todos eran homes de confianza. Eles tiñan a responsabilidade de entregarlles ós seus irmáns a parte que lle correspondía a cada un. 14  Meu Deus, acórdate de min e de todo o que fixen. E non borres da túa memoria o amor leal que demostrei pola túa casa e polos que serven alí*. 15  Naqueles días, vin que había xente en Xudá que pisaba uvas para facer viño* en sábado, que recollía cereais e cargábaos en burros e que traía a Xerusalén viño, uvas, figos e todo tipo de produtos en sábado. Así que advertinlles que deixasen de vender alimentos ese día*. 16  Ademais, os tirios que vivían na cidade traían peixe e mercancías de todo tipo, e vendíanllo en sábado ó pobo de Xudá en Xerusalén. 17  Entón reprendín os nobres de Xudá e díxenlles: “Como vos atrevedes a facer algo tan malo como profanar o sábado? 18  E logo non foi iso o que fixeron os vosos antepasados? Foi por iso que Deus nos trouxo todas estas desgrazas a nós e tamén á cidade. E agora vós estades facendo que Deus se enfade aínda máis con Israel ó profanar o sábado”. 19  Así que tan pronto como empezou a facerse de noite*, antes de que empezase o sábado, mandei que se cerrasen as portas de Xerusalén e que non se abrisen ata que terminase o sábado. Tamén lles encarguei a algúns dos meus axudantes que vixiasen as portas para que ninguén trouxese ningunha mercancía en sábado. 20  Por iso os comerciantes e os vendedores de toda clase de mercancías pasaron a noite fóra de Xerusalén unha ou dúas veces. 21  Entón díxenlles: “Que facedes aquí?”. E advertinlles: “Se volvedes pasar a noite en fronte da muralla botareivos de aquí á forza”. A partir daquel momento non viñeron máis en sábado. 22  Ademais, díxenlles ós levitas que tiñan que purificarse con regularidade e vir vixiar as portas para que o sábado seguise sendo un día santo. Meu Deus, acórdate tamén disto e tenmo en conta. Ti que tes tanto amor leal, ten compaixón de min. 23  Naqueles días tamén vin que algúns xudeus casaran con* mulleres asdoditas, amonitas e moabitas. 24  A metade dos seus fillos falaba asdodeo e a outra metade os idiomas doutros pobos, pero ningún sabía falar o idioma dos xudeus. 25  Así que reprendín a eses xudeus e maldicinos. A algúns deles pegueilles, arranqueilles os pelos* e díxenlles: “Xurade por Deus que non casaredes as vosas fillas cos seus fillos, que non casaredes os vosos fillos coas fillas deles e que vós tampouco casaredes con elas. 26  Acaso non foi por iso que pecou Salomón, o rei de Israel? Non había rei coma el en ningunha outra nación. O seu Deus queríalle moito, e por iso fixo que fose o rei de todo Israel. Pero as mulleres estranxeiras fixeron que incluso el pecase. 27  É incrible que vos atrevésedes a cometer este pecado tan grande! Como puidestes ser infieis a Deus casando con mulleres estranxeiras?”. 28  Un dos fillos de Xoiadá, que era fillo do sumo sacerdote Eliaxib, chegara a ser xenro de Sanbalat o horonita, así que boteino fóra. 29  Meu Deus, recorda que contaminaron o sacerdocio e tamén o pacto que se fixo cos sacerdotes e cos levitas. 30  Eu purifiquei o pobo de toda influencia* estranxeira e organicei as responsabilidades dos sacerdotes e dos levitas, segundo o servizo que prestaba cada un. 31  Ademais, fixen os preparativos para que se trouxese leña regularmente e tamén para que se trouxesen os primeiros froitos maduros. Meu Deus, acórdate de min e bendíceme*.

Notas ó pé

^ Ou “a tódolos de ascendencia mixta”.
^ Ou “comedores”.
^ Ou “do templo”.
^ Ou “comedor”.
^ Ou “comedor”.
^ Ou “comedores”.
^ Ou “escriba”.
^ Ou “e polo coidado dela”.
^ Lit. “pisaba os lagares”.
^ Ou quizais “advertinlles ese día que deixasen de vender alimentos”.
^ Ou “as sombras empezaron a cubrir as portas”.
^ Ou “levaran ás súas casas”.
^ É posible que tamén se refira á barba.
^ Ou “contaminación”.
^ Ou “acórdate de min para ben”.