Nehemías 8:1-18
8 Todo o pobo reuniuse co mesmo propósito na praza que está diante da Porta da Auga. E dixéronlle ó copista* Esdras que trouxese o libro da Lei de Moisés que Xehová lle dera a Israel.
2 Así que, o primeiro día do sétimo mes, o sacerdote Esdras levou o libro da Lei diante da congregación que estaba formada por homes, mulleres e tódolos que eran capaces de entender o que se dicía.
3 E púxose a lelo en voz alta na praza que está diante da Porta da Auga. Estivo lendo desde o amencer ata o mediodía diante dos homes, das mulleres e de tódolos que eran capaces de entender o que se dicía. E todos escoitaban con atención o que se lía do libro da Lei.
4 O copista* Esdras estaba de pé enriba dunha plataforma de madeira que se fixera para esa ocasión. Á súa dereita estaban de pé Matitías, Xema, Anaías, Urías, Hilquías e Maaseia. E á súa esquerda estaban Pedaías, Mixael, Malquilla, Haxum, Hasbadana, Zacarías e Mexulam.
5 Esdras abriu o libro, e como estaba nun sitio elevado todo o pobo puido velo. Cando o abriu, todos se puxeron de pé.
6 Entón Esdras louvou a Xehová, o Deus grande e verdadeiro. E todo o pobo respondeu “Amén!* Amén!”, e levantaron as mans. Despois puxéronse de xeonllos diante de Xehová e inclináronse cara ó chan.
7 E os levitas Xesúa, Baní, Xerebías, Xamín, Acub, Xabetai, Hodías, Maaseia, Quelitá, Azarías, Xozabad, Hanán e Pelaías estiveron explicándolle a Lei ó pobo, que estaba de pé.
8 E seguiron lendo en voz alta o libro da Lei do Deus verdadeiro e explicando de maneira clara o que quería dicir. Así axudáronlle ó pobo a entender o que se estaba lendo*.
9 O gobernador* Nehemías, o sacerdote e copista* Esdras, e os levitas que estaban ensinándolle á xente, dixéronlles a todos: “Hoxe é un día santo para Xehová, o voso Deus. Non vos lamentedes nin choredes”. Porque todo o pobo estaba chorando mentres escoitaba as palabras da Lei.
10 Nehemías díxolles: “Ide e comede a mellor comida*, tomade bebidas doces e compartide a comida cos que non teñen. Porque hoxe é un día santo para o noso Señor. Non esteades tristes, porque a felicidade que dá Xehová fai que sexades fortes*”.
11 E os levitas tranquilizaban a xente dicíndolles: “Non choredes, porque hoxe é un día santo. Non esteades tristes”.
12 Así que todo o pobo foi comer e beber. Compartiron a súa comida con outros e estiveron moi alegres, porque entenderan o que lles explicaran.
13 O segundo día, os xefes das casas paternas de todo o pobo, os sacerdotes e os levitas reuníronse con Esdras o copista* para entender mellor as palabras da Lei.
14 Entón viron que na Lei que Xehová lles dera mediante Moisés estaba escrito que os israelitas tiñan que vivir en cabanas* durante a festa do sétimo mes.
15 Tamén dicía que tiñan que ir por tódalas cidades e por toda Xerusalén anunciando: “Ide á rexión das montañas e traede ramas frondosas de oliveiras, piñeiros, mirtos, palmeiras e doutras árbores frondosas para facer cabanas, tal como está escrito”.
16 Así que o pobo foi buscar ramas. Trouxéronas e puxéronse a facer cabanas nas súas azoteas*, nos seus patios, nos patios da casa do Deus verdadeiro, na praza da Porta da Auga e na praza da Porta de Efraín.
17 Tódolos* que volveran do cativerio fixeron cabanas e viviron nelas durante a festa. Os israelitas estaban moi alegres, porque era a primeira vez que se celebraba a festa desta maneira desde a época de Xosué, o fillo de Nun.
18 E leuse tódolos días do libro da Lei do Deus verdadeiro, desde o primeiro día ata o último. A festa durou sete días e no oitavo día celebrouse unha asemblea solemne, tal como estaba establecido.
Notas ó pé
^ Ou “escriba”.
^ Ou “escriba”.
^ Ou “Así sexa!”.
^ Ou “Así déronlle sentido á lectura”.
^ Ou “tirxatá”. Título que os persas lle daban ó gobernador dunha provincia.
^ Ou “escriba”.
^ Lit. “as cousas graxentas”.
^ Lit. “porque a felicidade de Xehová é a vosa fortaleza”. É dicir, un castelo ou fortificación.
^ Ou “escriba”.
^ Refírese a refuxios temporais.
^ Ou “terrazas”.

