Nehemías 4:1-23

  • As obras avanzan a pesar dos inimigos (1-14)

  • Os obreiros seguen traballando armados (15-23)

4  Cando Sanbalat escoitou que estabamos reconstruíndo a muralla, enfadouse e indignouse* moito, e púxose a burlarse dos xudeus. 2  Diante dos seus compañeiros e do exército de Samaria, dixo: “Que pretenden facer estes xudeus, co pouca cousa que son? Pensan que poden facelo eles sós? Vanse poñer a ofrecer sacrificios? Pensan que van acabar nun día? Cren que van poder devolverlles a vida ás pedras queimadas que están entre os montóns de ruínas?”. 3  E Tobías o amonita, que estaba ó seu lado, dixo: “Chega con que un raposo suba á muralla de pedra que están construíndo para que se veña abaixo”. 4  Entón orei: “Por favor, noso Deus, escoita, porque estannos tratando con desprezo. Fai que as súas burlas se volvan contra eles* e que os leven prisioneiros a outro país como botín de guerra. 5  Non ignores os seus erros nin borres os seus pecados, porque insultaron os obreiros”. 6  Así que seguimos reconstruíndo a muralla e cerramos tódalas brechas que tiña ata a metade da súa altura. E o pobo seguiu poñendo todo o seu corazón no traballo. 7  Pero Sanbalat, Tobías, os árabes, os amonitas e os asdoditas enfadáronse moito cando souberon que a reparación das murallas de Xerusalén seguía avanzando e que se ían cerrando as brechas. 8  Así que todos se aliaron para vir atacar Xerusalén e para facer que houbese problemas na cidade. 9  Entón, nós orámoslle ó noso Deus e puxemos gardas día e noite para protexernos deles. 10  Pero había xente de Xudá que dicía: “Os traballadores* xa non teñen forzas, e quedan moitísimas ruínas. Nunca poderemos reconstruír a muralla”. 11  Ademais, os nosos inimigos dicían: “Antes de que se dean conta do que está pasando ou nos vexan, estaremos no medio deles e matarémolos. Así pararemos as obras”. 12  E cando viñan os xudeus que vivían cerca dos nosos inimigos, avisábannos unha e outra vez*: “Van vir a atacarnos de todas partes”. 13  Así que puxen gardas detrás da muralla, nas partes máis baixas e desprotexidas, e organiceinos por familias. Estaban armados con espadas, lanzas e arcos. 14  Cando vin que tiñan medo, fun inmediatamente e díxenlles ós nobres, ós gobernantes locais e ó resto do pobo: “Non lles teñades medo. Acordádevos de Xehová, que é grande e impoñente, e loitade polos vosos irmáns, polos vosos fillos e fillas, polas vosas mulleres e polas vosas casas”. 15  Despois, os nosos inimigos souberon que descubriramos o que estaban tramando e que o Deus verdadeiro fixera fracasar o seu plan. Entón todos volvemos a traballar na muralla. 16  A partir daquel día, a metade dos meus homes traballaba na obra e a outra metade levaba lanzas, escudos, arcos e coirazas. E os gobernantes* apoiaban a* tódolos da casa de Xudá 17  que estaban reconstruíndo a muralla. Os traballadores que levaban as cargas traballaban cunha soa man, e na outra tiñan unha arma*. 18  Tódolos obreiros levaban unha espada na cintura mentres traballaban. E o que se encargaba de tocar o corno estaba ó meu lado. 19  Entón díxenlles ós nobres, ós gobernantes locais e ó resto do pobo: “Hai moito traballo que facer na muralla e estamos traballando moi separados uns dos outros. 20  Así que cando escoitedes o corno, vide todos a onde estea eu. O noso Deus loitará por nós”. 21  Desde que saía o sol ata que saían as estrelas, a metade de nós traballaba e a outra metade aguantaba as lanzas. 22  Entón díxenlle ó pobo: “Que os homes pasen a noite dentro de Xerusalén e que a cada un o acompañe o seu axudante. Pola noite farán garda e polo día traballarán na obra”. 23  Así que nin eu, nin os meus irmáns, nin os meus axudantes, nin os gardas que me seguían quitabamos a roupa. E todos levabamos unha arma na man dereita.

Notas ó pé

Ou “ofendeuse”.
Lit. “se volvan contra as súas propias cabezas”.
Ou “Os que levan cargas”.
Lit. “10 veces”.
Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.
Lit. “estaban detrás de”.
Ou “un proxectil”.