Nehemías 1:1-11

  • Noticias de Xerusalén (1-3)

  • Oración de Nehemías (4-11)

1  Estas son as palabras de Nehemías*, o fillo de Hacalías: era o mes de quisleu*, no ano 20, e eu estaba no castelo* de Susa. 2  Por aquel tempo chegou Hananí, un dos meus irmáns, con outros homes de Xudá. Pregunteilles polos xudeus que volveran do desterro e tamén por Xerusalén. 3  Eles responderon: “Os que volveron do desterro e que agora viven naquela provincia* están nunha situación terrible e humillante. As murallas de Xerusalén están desfeitas e as portas foron queimadas”. 4  Cando escoitei isto, senteime e púxenme a chorar. Estiven moitos días lamentándome, facendo xaxún* e orándolle ó Deus dos ceos. 5  E dixen: “Oh, Xehová, Deus dos ceos, o Deus grande e impoñente, que cumpre o seu pacto e que lles mostra amor leal ós que o aman e obedecen os seus mandamentos. 6  Por favor, mantén os teus oídos atentos e os teus ollos ben abertos, e escoita a oración do teu servo, a oración que che fago hoxe. Día e noite oro polos teus servos, os israelitas, e confeso os pecados que cometeu o pobo de Israel contra ti. Pecamos, tanto eu como a casa do meu pai. 7  Está claro que nos botamos a perder e que pecamos contra ti ó desobedecer os mandamentos, as normas e as decisións xudiciais* que lle deches ó teu servo Moisés. 8  ”Por favor, recorda o que lle dixeches* ó teu servo Moisés: ‘Se me sodes infieis, eu dispersareivos polos pobos. 9  Pero se volvedes a min e obedecedes os meus mandamentos, aínda que se vos dispersase ata o último recuncho da terra, eu xuntareivos e traereivos ó lugar que escollín para o meu nome’. 10  Eles son os teus servos e o teu pobo. Ti rescatáchelos coa túa gran forza e co teu poder*. 11  Xehová, por favor, mantén os teus oídos atentos á oración do teu servo, e escoita tamén a oración dos teus servos que queren respectar* o teu nome. Por favor, fai que hoxe lle vaia ben ó teu servo e que o rei se compadeza de min”. Nesa época eu era copeiro do rei.

Notas ó pé

Que significa “Xah dá consolo”.
Ou “no palacio”, “na fortaleza”.
Ou “naquel distrito xurisdicional”.
Ver glosario decisións xudiciais.
Ou “a advertencia que lle deches”.
Ou “coa túa poderosa man”.
Lit. “temer”.