Nehemías 3:1-32

  • A reconstrución das murallas (1-32)

3  O sumo sacerdote Eliaxib e os seus irmáns, os sacerdotes, puxéronse a reconstruír a Porta das Ovellas. Despois dedicárona a Deus* e colocaron as follas da porta. Tamén dedicaron a Deus a parte da muralla que vai ata a Torre de Meá e ata a Torre de Hananel. 2  Os homes de Xericó reconstruíron a seguinte parte da muralla. E Zacur, que era fillo de Imrí, reconstruíu a seguinte. 3  Os fillos de Hasenaá reconstruíron a Porta do Peixe. Colocaron as vigas para a porta e puxéronlle as follas, as pechaduras e as barras. 4  Meremot, que era fillo de Urilla e neto de Hacós, reparou a seguinte parte da muralla. Mexulam, que era fillo de Berequías e neto de Mexezabel, reparou a seguinte. E Sadoc, que era fillo de Baaná, a seguinte. 5  Os tecoítas repararon a seguinte parte da muralla, pero os seus homes importantes non quixeron rebaixarse traballando* para os encargados da obra. 6  Xoiadá, que era fillo de Paséah, e Mexulam, que era fillo de Besodeías, repararon a Porta da Cidade Vella. Colocaron as vigas para a porta e puxéronlle as follas, as pechaduras e as barras. 7  Melatías o gabaonita e Xadón o meronotita repararon a seguinte parte da muralla. Eles eran homes de Gabaón e de Mizpá que estaban baixo a autoridade* do gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates. 8  Uziel, que era un dos que traballaba o ouro e que era fillo de Haraías, reparou a seguinte parte da muralla. E Hananías, que era un dos fabricantes de ungüentos*, reparou a seguinte parte. Eles pavimentaron* Xerusalén ata o Muro Ancho. 9  Refaías, que era fillo de Hur, reparou a seguinte parte da muralla. El era gobernante* da metade do distrito de Xerusalén. 10  Xedaías, que era fillo de Harumaf, reparou a seguinte parte, que estaba diante da súa casa. E Hatús, que era fillo de Haxabneías, reparou a seguinte. 11  Malquilla, que era fillo de Harim, e Haxub, que era fillo de Pahat-Moab, repararon outra parte da muralla, e tamén a Torre dos Fornos. 12  A seguinte parte da muralla reparárona Salum, que era fillo de Halohés, e as súas fillas. El era gobernante da outra metade do distrito de Xerusalén. 13  Hanún e os habitantes de Zanoa repararon a Porta do Val. Reconstruírona e despois colocáronlle as follas, as pechaduras e as barras. Tamén repararon uns 445 metros* da muralla, ata chegar á Porta dos Montóns de Cinza. 14  Malquilla, que era fillo de Recab e gobernante do distrito de Bet-Haquerem, reparou a Porta dos Montóns de Cinza. Reconstruíuna e colocoulle as follas, as pechaduras e as barras. 15  Xalún, que era fillo de Colhozé e gobernante do distrito de Mizpá, reparou a Porta da Fonte. Reconstruíuna, púxolle o teito e colocoulle as follas, as pechaduras e as barras. Tamén reparou a muralla do Estanque do Canal, que está ó lado do Xardín do Rei, ata chegar á Escaleira que baixa da Cidade de David. 16  Nehemías, que era fillo de Azbuc e gobernante da metade do distrito de Bet-Sur, reparou a seguinte parte da muralla, desde en fronte do Cemiterio Real de David ata o estanque artificial e ata a Casa dos Poderosos. 17  A seguinte parte da muralla reparárona os levitas baixo a supervisión de Reúm, que era fillo de Baní. Ademais Haxabías, que era gobernante da metade do distrito de Queilá, reparou a seguinte parte en representación do seu distrito. 18  Outros levitas repararon a seguinte parte da muralla. Estaban baixo a supervisión de Bavai, que era fillo de Henadad e gobernante da outra metade do distrito de Queilá. 19  Ézer, que era fillo de Xesúa e gobernante de Mizpá, reparou a seguinte parte da muralla, que estaba en fronte da subida ó Arsenal, no Contraforte*. 20  Baruc, que era fillo de Zabai, traballou con moito entusiasmo e reparou a seguinte parte da muralla, desde o Contraforte ata a entrada da casa de Eliaxib, o sumo sacerdote. 21  Meremot, que era fillo de Urilla e neto de Hacós, reparou a seguinte parte da muralla, desde un lado da casa de Eliaxib, onde estaba a entrada, ata o outro lado da casa. 22  A seguinte parte da muralla reparárona os sacerdotes do distrito do Xordán*. 23  Benxamín e Haxub repararon a seguinte parte, que estaba diante da súa casa. E Azarías, que era fillo de Maaseia e neto de Ananía, reparou a seguinte parte, que estaba cerca da súa casa. 24  Binuí, que era fillo de Henadad, reparou a seguinte parte, desde a casa de Azarías ata o Contraforte e ata a esquina da muralla. 25  Palal, que era fillo de Uzai, reparou a seguinte parte, diante do Contraforte e da torre que sae da Casa* do Rei, a que está máis arriba, no Patio da Garda. E Pedaías, que era fillo de Parós, reparou a seguinte parte da muralla. 26  Os servos do templo* que vivían en Ofel repararon a parte que vai ata diante da Porta da Auga, ó leste, e a torre que sobresae da muralla. 27  Os tecoítas repararon a seguinte parte, desde diante da gran torre que sobresae da muralla ata a muralla de Ofel. 28  Os sacerdotes repararon a parte que está máis arriba da Porta dos Cabalos. Cada un traballou diante da súa casa. 29  Sadoc, que era fillo de Imer, reparou a seguinte parte da muralla, que estaba diante da súa casa. E Semaia, que era fillo de Secanías e garda da Porta do Leste, reparou a seguinte parte. 30  Hananías, que era fillo de Xelemías, e Hanún, que era o sexto fillo de Salaf, repararon a seguinte parte da muralla. E Mexulam, que era fillo de Berequías, reparou a seguinte parte, que estaba diante da súa casa*. 31  Malquilla, que era membro do gremio dos que traballaban o ouro, reparou a seguinte parte, que vai ata a casa dos servos do templo e dos comerciantes, diante da Porta da Inspección e ata o cuarto que estaba no alto da esquina da muralla. 32  E os que traballaban o ouro e os comerciantes repararon a parte que vai desde o cuarto que estaba no alto da esquina da muralla ata a Porta das Ovellas.

Notas ó pé

^ Ou “santificárona”.
^ Lit. “non quixeron poñer o seu pescozo para traballar”.
^ Lit. “pertencían ó trono”.
^ Ou “perfumes”.
^ Ou “pavimentaron con lousas de pedra”.
^ Ou “príncipe”. Ver glosario príncipe.
^ Lit. “1000 cóbados”. Ver apén. B14.
^ Ou “na Columna de Apoio”.
^ Ou quizais “do distrito veciño”.
^ Ou “do Palacio”.
^ Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.
^ Ou “do seu salón”.