Nehemías 5:1-19
5 Pero os homes do pobo e as súas mulleres queixáronse moito dos seus irmáns xudeus.
2 Algúns dicían: “Temos moitos fillos e fillas, así que necesitamos conseguir cereais para poder comer e non morrer”.
3 Outros dicían: “Como case non hai alimento, estamos poñendo como garantía os nosos campos, as nosas viñas e as nosas casas para conseguir cereais”.
4 Tamén había algúns que dicían: “Para pagar o tributo do rei pedimos que nos prestasen cartos e puxemos como garantía os nosos campos e as nosas viñas.
5 Somos do mesmo sangue que os nosos irmáns*, e os nosos fillos non valen menos que os seus. Aínda así, temos que entregar como escravos os nosos fillos e as nosas fillas. De feito, algunhas das nosas fillas xa son escravas. E non podemos facer nada para evitalo, porque os nosos campos e as nosas viñas xa son doutros”.
6 Cando escoitei as súas queixas e o que dicían, enfadeime moitísimo.
7 Despois de analizar o problema con moito coidado*, reprendín os nobres e os gobernantes locais. Díxenlles: “Todos vós estades pedíndolles intereses ós* vosos irmáns”.
Ademais, convoquei unha asemblea moi grande para resolver o asunto.
8 E díxenlles: “Fixemos todo o posible por volver a comprar os nosos irmáns xudeus que foran vendidos ás nacións. E agora ides volver a vender os vosos irmáns? Teremos que compralos outra vez?”. Cando escoitaron isto, quedaron calados porque non sabían que dicir.
9 Entón engadín: “Non está ben o que facedes. Acaso non deberiades demostrar que temedes o noso Deus para que as nacións, as nosas inimigas, non poidan burlarse de nós?
10 Eu, os meus irmáns e os meus axudantes estamos prestando cartos e cereais. Por favor, que se deixe de prestar con intereses.
11 Por favor, devolvede hoxe mesmo os campos, as viñas, as plantacións de oliveiras e as casas. E devolvede tamén os intereses* que pedistes por prestar cartos, cereais, viño novo e aceite”.
12 Eles contestaron: “Devolveremos todo iso e non pediremos nada a cambio. Faremos tal como nos dis”. Así que chamei os sacerdotes e fixen que os culpables xurasen que cumprirían a súa promesa.
13 Ademais, sacudín a miña roupa* e díxenlles: “Que o Deus verdadeiro sacuda así o home que non cumpra esta promesa, e que o deixe sen casa e sen propiedades. Que sexa sacudido desta maneira e que quede sen nada”. Ó escoitar isto, toda a congregación dixo: “Amén!*”. Despois puxéronse a louvar a Xehová. E o pobo cumpriu o que prometera.
14 Ademais, desde o día no que o rei me nomeou gobernador da terra de Xudá (desde o ano 20 ata o ano 32 do rei Artaxerxes, 12 anos en total), nin eu nin os meus axudantes comemos a comida á que ten dereito o gobernador.
15 Pero os gobernadores anteriores explotaran o pobo e cobráranlles 40 siclos* de prata tódolos días para pan e viño. Os seus axudantes tamén oprimiran o pobo. En cambio, eu non o fixen porque temo a Deus.
16 De feito, eu mesmo participei na reconstrución da muralla e tódolos meus axudantes tamén estiveron traballando alí, e non compramos ningún terreo.
17 Na miña mesa comían 150 xudeus e gobernantes locais, e tamén xente doutras nacións que viña visitarnos.
18 Cada día preparábanse cos meus cartos* un touro, seis ovellas das mellores e tamén aves. E cada 10 días servíase toda clase de viño en abundancia. Aínda así, eu non reclamei a comida á que ten dereito o gobernador, porque o pobo xa tiña bastante cos traballos que estaban facendo.
19 Meu Deus, acórdate de min e bendíceme* por todo o que fixen por este pobo.
Notas ó pé
^ Lit. “A nosa carne é como a carne dos nosos irmáns”.
^ Lit. “de reflexionar sobre estas cousas no meu corazón”.
^ Ou “estades practicando a usura cos”.
^ Lit. “a centésima parte”, é dicir, o 1% mensual.
^ Lit. “sacudín o meu peito”, é dicir, a parte da roupa que estaba á altura do peito e que se usaba como peto no pasado.
^ Ou “Así sexa!”.
^ Lit. “para min”.
^ Ou “acórdate de min para ben”.

