Nehemías 2:1-20

  • Envíase a Nehemías a Xerusalén (1-10)

  • Nehemías inspecciona as murallas (11-20)

2  Un día, no mes de nisán* do ano 20 do reinado de Artaxerxes, trouxéronlle viño ó rei. Coma sempre, eu collín o viño e servinllo. Pero nunca estivera triste diante do rei. 2  Así que o rei díxome: “Véxote triste. Que che pasa? Non estás enfermo, así que debes estar preocupado por algo”. Nese momento tiven moito medo. 3  Entón díxenlle: “Que o rei viva moitos anos! Como non vou estar triste se a cidade onde están enterrados os meus antepasados está en ruínas e as súas portas foron queimadas?”. 4  E o rei preguntoume: “Que queres facer?”. Eu oreille inmediatamente ó Deus dos ceos, 5  e contestei: “Se ó rei lle parece ben e se o teu servo ten a túa aprobación, envíame a Xudá, á cidade onde están enterrados os meus antepasados, para que poida reconstruíla”. 6  Entón o rei, que tiña a raíña sentada ó seu lado, preguntoume: “Canto vai durar a túa viaxe? E cando volverás?”. Ó rei pareceulle ben que fose, e eu díxenlle canto tempo estaría fóra. 7  Despois díxenlle ó rei: “Se ó rei lle parece ben, que me dean cartas para os gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates*, para que me deixen pasar libremente ata que chegue a Xudá. 8  Que tamén me dean unha carta para Asaf, o garda do Parque do Rei*, para que el me dea madeira coa que facer as vigas para as portas da Fortaleza da Casa*, para as murallas da cidade e para a casa onde vou vivir”. Así que o rei deume as cartas, porque o meu Deus* estaba comigo. 9  Tempo despois cheguei onda os gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates e entregueilles as cartas do rei. Ademais, o rei enviara comigo xefes militares e xinetes. 10  Cando Sanbalat o horonita e Tobías o funcionario* amonita escoitaron todo isto, non lles gustou nada que alguén viñese a axudar ó pobo de Israel. 11  Por fin cheguei a Xerusalén. Tres días despois 12  levanteime pola noite e pedinlles a algúns homes que viñesen comigo, pero non lle dixen a ninguén o que Deus me motivara a* facer por Xerusalén. O único animal que levamos era no que eu ía montado. 13  Así que esa noite saín pola Porta do Val, pasei por diante da Fonte da Gran Serpe e cheguei á Porta dos Montóns de Cinza. Inspeccionei as murallas de Xerusalén, que estaban en ruínas, e as súas portas, que estaban totalmente queimadas. 14  Despois seguín ata a Porta da Fonte e ata o Estanque do Rei, pero non había suficiente espazo para que pasase o animal sobre o que ía montado. 15  De todas formas, mentres aínda era de noite, seguín subindo polo val* inspeccionando a muralla. Despois dei a volta, entrei pola Porta do Val e volvín. 16  Os gobernantes locais non sabían a onde fora nin o que estaba facendo, porque aínda non lles contara nada nin ós xudeus, nin ós sacerdotes, nin ós nobres, nin ós gobernantes locais, nin ós demais traballadores. 17  Finalmente díxenlles: “Xa vedes en que situación tan lamentable estamos. Xerusalén está en ruínas e as súas portas foron queimadas. Veña! Imos reconstruír as murallas de Xerusalén e así acabaremos con esta humillación”. 18  Despois expliqueilles como Deus me estaba axudando* e conteilles o que me dixera o rei. Entón eles contestaron: “Veña! Empecemos coa reconstrución!”. Así que animáronse uns ós outros* para facer este traballo. 19  Pero cando Sanbalat o horonita, Tobías o funcionario* amonita e Guéxem o árabe souberon isto, comezaron a burlarse de nós, a tratarnos con desprezo e a dicirnos: “Que facedes? Estádesvos rebelando contra o rei?”. 20  Pero eu respondinlles: “O Deus dos ceos é quen fará que todo nos saia ben. E nós, os seus servos, reconstruiremos a muralla. Pero vós en Xerusalén non tedes nada, non tedes dereitos legais nin históricos que vos permitan reclamar algo aquí”.

Notas ó pé

Ou “da rexión Transeufratina”, “da rexión Máis Alá do Río”.
Ou “do bosque do rei”.
Ou “do Templo”.
Lit. “a man bondadosa do meu Deus”.
Lit. “servo”.
Lit. “puxera no meu corazón”.
Ou “uadi”. Ver glosario uadi.
Lit. “como a man bondadosa de Deus estaba sobre min”.
Lit. “fortaleceron as súas mans”.
Lit. “servo”.