Nehemías 6:1-19
6 Sanbalat, Tobías, Guéxem o árabe e o resto dos nosos inimigos souberon que eu reconstruíra a muralla e que xa non quedaba ningunha brecha (aínda que as follas das portas estaban sen colocar).
2 Entón Sanbalat e Guéxem enviáronme inmediatamente esta mensaxe: “Ven, poñamos unha data para xuntarnos nunha das aldeas da chaira do val de Onó”. Pero en realidade era un plan para facerme dano.
3 Así que enviei mensaxeiros para que lles dixesen: “Estou ocupado cun traballo moi importante e non podo baixar. Como vou deixar que se pare a obra para ir vervos?”.
4 Pero eles enviáronme a mesma mensaxe catro veces, e tódalas veces lles respondín o mesmo.
5 Entón Sanbalat envioume o seu axudante para que me dese por quinta vez a mesma mensaxe. El levaba na man unha carta aberta
6 que dicía: “Escóitase o rumor entre as nacións de que ti e os xudeus estades tramando un plan para rebelarvos. Guéxem tamén o di. Por iso estás reconstruíndo a muralla. E polo que se di, ti vas ser o seu rei.
7 Ademais, tamén nomeaches profetas para que vaian dicindo por toda Xerusalén: ‘Xudá ten un rei!’. Estes rumores vanlle chegar ó rei, así que ven para que poidamos falar do tema”.
8 Pero eu mandeille esta resposta: “Nada do que contas é certo. Estalo inventando todo ti*”.
9 Eles intentaban meternos medo, e pensaban: “Así vanse desanimar* e nunca rematarán a obra”. Por iso che pido, meu Deus, que me deas forzas*.
10 Entón fun á casa de Semaia, que era fillo de Delaías e neto de Mehetabel, mentres el estaba encerrado alí. Díxome: “Quedemos para encontrarnos na casa do Deus verdadeiro, dentro do templo, e pechemos as portas, porque van vir para matarte. Van vir para matarte pola noite”.
11 Pero dixen: “Debería fuxir un home que ten o meu cargo? Pode un home coma min entrar no templo e seguir con vida? Non vou entrar!”.
12 Entón deime conta de que non o enviara Deus, senón que lle pagaran Tobías e Sanbalat para que profetizase contra min.
13 Pagáranlle porque querían asustarme e facerme pecar. Así terían motivos para manchar a miña reputación e falar mal de min.
14 Meu Deus, acórdate de todo o que fixeron Tobías e Sanbalat. Acórdate tamén da profetisa Noadías e dos demais profetas que intentaron meterme medo moitas veces.
15 Finalmente acabouse a muralla o día 25 de elul*, en 52 días.
16 Cando os nosos inimigos souberon isto e cando as nacións que estaban ó noso arredor o viron, sentíronse moi avergonzados* e déronse conta de que as obras se fixeran coa axuda do noso Deus.
17 Naquel tempo, os nobres de Xudá enviábanlle moitas cartas a Tobías, e el respondíalles.
18 Moita xente en Xudá xurara serlle leal a Tobías, porque era xenro de Secanías, o fillo de Ará, e o seu fillo Xehohanán casara coa filla de Mexulam, o fillo de Berequías.
19 Ademais, falábanme ben de Tobías todo o tempo e despois contábanlle o que eu dicía. Entón, el mandábame cartas para asustarme.

