Esdras 9:1-15

  • Os israelitas casan con mulleres estranxeiras (1-4)

  • Esdras óralle a Xehová e confesa os pecados do pobo (5-15)

9  En canto se fixeron todas estas cousas, os oficiais de alto rango* acercáronse e dixéronme: “O pobo de Israel, os sacerdotes e os levitas non se separaron dos pobos veciños nin das súas prácticas detestables. Non se separaron das prácticas dos cananeos, dos hititas, dos perizitas, dos xebuseos, dos amonitas, dos moabitas, dos exipcios, nin dos amorreos. 2  Porque eles e os seus fillos casaron con mulleres deses pobos. Así que eles, que son a descendencia santa, mesturáronse cos pobos desas terras. E os oficiais de alto rango e os gobernantes locais foron os primeiros en cometer este pecado*”. 3  Tan pronto como escoitei iso, rachei a miña túnica interior e a miña túnica sen mangas, arranqueime pelos da cabeza e da barba, e senteime desconcertado. 4  Tódolos que respectaban profundamente* as palabras do Deus de Israel xuntáronse arredor de min polo pecado* que cometeran os que volveran do desterro. E eu quedei sentado e desconcertado ata a ofrenda de gran da tardiña. 5  Cando chegou a hora da ofrenda de gran da tardiña, deixei de humillarme diante de Deus e levanteime. Entón, coa roupa* rachada, púxenme de xeonllos e levantei as mans cara a Xehová, o meu Deus. 6  E dixen: “Meu Deus, síntome tan avergonzado que non me atrevo a levantar a cabeza para orarche. Meu Deus, os nosos errores acumuláronse* sobre as nosas cabezas e a nosa culpa chega ata o ceo. 7  Desde os días dos nosos antepasados ata agora, a nosa culpa é moi grande. E por esta razón, nós, os nosos reis e os nosos sacerdotes fomos entregados nas mans dos reis doutros países. Matáronnos coa espada, leváronnos ó desterro, saqueáronnos e humilláronnos, igual que pasa hoxe. 8  Pero agora contamos co teu favor por un momento, Xehová, noso Deus. Porque permitiches que algúns fósemos liberados do desterro e déchesnos seguridade* no teu lugar santo. Oh, noso Deus, fixéchelo para que os nosos ollos brillen de alegría e para animarnos un pouquiño durante a nosa escravitude. 9  Aínda que somos escravos, noso Deus, non nos abandonaches na escravitude. Mostráchesnos amor leal e concedíchesnos o favor dos reis de Persia. Desta forma, déchesnos ánimo para reconstruír a túa casa e restaurar as súas ruínas, e déchesnos unha muralla de protección* en Xudá e Xerusalén. 10  ”Noso Deus, que máis podemos dicir despois do que pasou? Deixamos os teus mandamentos, 11  os que nos deches por medio dos teus servos os profetas. Dixéchesnos: ‘A terra na que ides entrar para conquistala é impura porque as persoas que viven alí son impuras. Fan cousas detestables e encheron a terra dun extremo a outro coa súa impureza. 12  Así que non casedes as vosas fillas cos fillos desas persoas, nin aceptedes as súas fillas para os vosos fillos. Nunca fagades nada que lles axude a esas persoas a ter paz e prosperidade. Desta maneira, farédesvos fortes, comeredes o mellor da terra e deixarédela en herdanza para os vosos fillos para sempre’. 13  Todo o que nos pasou foi polas cousas malas que fixemos e pola nosa gran culpa. Aínda así, ti, noso Deus, non nos trataches como merecemos polos nosos errores, senón que permitiches que os que estamos aquí fósemos liberados do desterro. 14  Despois de todo o que pasamos, acaso imos volver a desobedecer os teus mandamentos e a casar* coa xente que fai esas cousas detestables? Se o fixésemos, acaso non te enfadarías tanto que nos destruirías por completo, sen que ninguén puidese escapar nin sobrevivir? 15  Oh, Xehová, Deus de Israel, ti es xusto, porque algúns de nós sobrevivimos ata o día de hoxe. Aquí estamos diante de ti coa nosa culpa, aínda que non merecemos estar diante de ti despois do que fixemos”.

Notas ó pé

Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.
Ou “esta infidelidade”.
Lit. “tremían ante”.
Ou “pola infidelidade”.
Ou “coa miña túnica interior e a miña túnica sen mangas”.
Ou “multiplicáronse”.
Lit. “unha estaca”.
Ou “unha muralla de pedra”.
Ou “facer alianzas matrimoniais”.