Esdras 4:1-24

  • Inténtase impedir que se reconstrúa o templo (1-6)

  • Os inimigos mándanlle unha queixa ó rei Artaxerxes (7-16)

  • A resposta do rei Artaxerxes (17-22)

  • Páranse as obras do templo (23, 24)

4  Os inimigos de Xudá e Benxamín escoitaron que os que volveran do desterro estaban construíndo un templo para Xehová, o Deus de Israel. 2  Así que foron falar inmediatamente con Zorobabel e cos xefes das casas paternas, e dixéronlles: “Deixádenos traballar con vós. Porque nós tamén adoramos* o voso Deus e levamos facéndolle sacrificios desde os días do rei Esar-Hadón de Asiria, que nos trouxo aquí”. 3  Pero Zorobabel, Xesúa e o resto dos xefes das casas paternas de Israel dixéronlles: “Vós non ides construír con nós unha casa para o noso Deus. Imos construír nós sós a casa de Xehová, o Deus de Israel, tal como nos mandou o rei Ciro de Persia”. 4  A xente que vivía nas zonas do arredor non paraba de desanimar os* xudeus e de desmoralizalos para que non seguisen coa reconstrución. 5  Contrataron conselleiros para frustrar os plans dos xudeus durante tódolos días do rei Ciro de Persia ata que empezou a reinar o rei Darío de Persia. 6  Ó principio do reinado de Asuero, escribiron unha acusación contra os habitantes de Xudá e Xerusalén. 7  E nos días do rei Artaxerxes de Persia, tanto Bislam como Mitrídates, Tabeel e o resto dos seus compañeiros escribíronlle unha carta ó rei Artaxerxes. Traducírona ó arameo e escribírona con letras arameas*. 8  * Reúm, que era o funcionario principal do goberno, e o escriba Ximxai escribíronlle unha carta ó rei Artaxerxes contra a xente de Xerusalén. 9  (A carta foi escrita por Reúm, que era o funcionario principal do goberno, o escriba Ximxai e o resto dos seus compañeiros, os xuíces e os gobernadores de menor rango, os secretarios, a xente de Érec, os babilonios, os habitantes de Susa, é dicir, os elamitas, 10  as outras nacións que o grande e honorable Asnapar levou ó desterro e estableceu nas cidades de Samaria, e o resto da xente da rexión que está ó oeste do río Éufrates*. 11  Esta é unha copia da carta que lle mandaron.) “Para o rei Artaxerxes de parte dos seus servos, os homes da rexión que está ó oeste do río Éufrates: 12  Facémoslle saber ó rei que chegaron a Xerusalén os xudeus que viñeron para o noso territorio desde onde estás ti. Están reconstruíndo a cidade rebelde e malvada, e están terminando as murallas e reparando os cimentos. 13  Tamén lle facemos saber ó rei que, se reconstrúen a cidade e acaban as murallas, non van pagar impostos, tributos nin peaxes. E isto faría que se ingresasen menos cartos nos tesouros dos reis. 14  Nós recibimos o noso salario* do palacio, e non podemos deixar que ninguén prexudique os intereses do rei. Por iso mandamos esta carta para avisar o rei 15  e para que se investigue no libro dos rexistros dos teus antepasados. Nel descubrirás que esta cidade é unha cidade rebelde, que prexudica os reis e as provincias, e que se fomentaron revoltas nela desde a antigüidade. Esa é a razón pola que se destruíu esta cidade. 16  Facémoslle saber ó rei que, se reconstrúen a cidade e acaban as murallas, perderás o control da rexión que está ó oeste do río Éufrates”. 17  O rei respondeulles a Reúm, que era o funcionario principal do goberno, ó escriba Ximxai, ós demais compañeiros seus que vivían en Samaria e ó resto da xente da rexión que está ó oeste do río Éufrates: “Saúdos! 18  Léronme con todo detalle* o documento oficial que me enviastes. 19  Mandei facer unha investigación e descubriuse que esa cidade lévase rebelando contra os reis desde hai moito tempo, e que nela houbo moitas rebelións e revoltas. 20  Tamén se descubriu que en Xerusalén houbo reis con moito poder que gobernaban toda a rexión que está ó oeste do río Éufrates e que cobraban impostos, tributos e peaxes. 21  Así que emitide a orde de que paren as obras, para que non se siga reconstruíndo a cidade ata que eu o mande. 22  Asegurádevos de que isto se leve a cabo para que non se prexudiquen aínda máis os intereses do rei”. 23  Cando se lles leu a copia da carta do rei Artaxerxes a Reúm, ó escriba Ximxai e ós seus compañeiros, eles foron inmediatamente a Xerusalén e obrigaron os xudeus a parar as obras. 24  Nese momento parouse a reconstrución da casa de Deus, que estaba en Xerusalén. E estivo parada ata o segundo ano do reinado do rei Darío de Persia.

Notas ó pé

Lit. “buscamos”.
Lit. “debilitar as mans dos”.
Ou quizais “Escribiuse en arameo e despois traduciuse”.
Os versículos que van desde Esd 4:8 ata o 6:18 escribíronse orixinalmente en arameo.
Ou “da rexión Transeufratina”, “da rexión Máis Alá do Río”.
Lit. “comemos o sal”.
Ou quizais “Traducíronme e léronme”.