Esdras 6:1-22
6 Entón o rei Darío deu a orde de que se fixese unha investigación nos arquivos* de Babilonia, onde se gardaban os tesouros.
2 Co tempo encontrouse un rolo na fortaleza de Ecbátana, na provincia de Media, no que se escribira esta nota oficial*:
3 “No primeiro ano do rei Ciro, o rei Ciro deu unha orde relacionada coa casa de Deus en Xerusalén: ‘Que os xudeus reconstrúan a casa para ter onde ofrecer sacrificios e que se asenten ben os seus cimentos. A casa ten que medir 60 cóbados* de alto e 60 cóbados de ancho.
4 Terá tres filas de pedras enormes e unha de madeira enriba. A casa do rei pagará os gastos.
5 Ademais, que se devolvan os recipientes de ouro e de prata da casa de Deus, os que Nabucodonosor sacou do templo de Xerusalén e que trouxo a Babilonia. E que se poñan no lugar que lles corresponde no templo de Xerusalén, a casa de Deus’”.
6 “Así que eu, Darío, ordénovos a Tatenai, que é o gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates, a Xetar-Bozenai e ós vosos compañeiros, que son os gobernadores de menor rango da rexión que está ó oeste do río Éufrates, que vos manteñades lonxe dese sitio.
7 Non entorpezades as obras desa casa de Deus. O gobernador dos xudeus e os anciáns dos xudeus van reconstruír esa casa de Deus no sitio no que estaba antes.
8 Ademais, para axudar ós anciáns dos xudeus a reconstruír esa casa de Deus, douvos esta orde: pagádelles inmediatamente os gastos cos fondos do tesouro real que saen dos impostos da rexión que está ó oeste do río Éufrates. Facede isto para que non se pare a obra.
9 E cada día sen falta dádelles ós sacerdotes que están en Xerusalén o que vos pidan, todo o que necesiten: touros novos, carneiros e cordeiros para as ofrendas queimadas que se lle fan ó Deus do ceo, e tamén trigo, sal, viño e aceite.
10 Así sempre poderán presentar ofrendas que lle agraden ó Deus dos ceos e orar pola vida do rei e dos seus fillos.
11 Tamén dei a orde de que se alguén desobedece este decreto, hai que arrancar unha viga de madeira da súa casa, levantar a persoa e cravala* nela. E a súa casa ten que converterse nun retrete público* polo seu delito.
12 Que o Deus que fixo que o seu nome resida alí* derribe a calquera rei ou pobo que desobedeza esta orde e intente destruír esa casa de Deus, que está en Xerusalén. Eu, Darío, dou esta orde. Que se cumpra inmediatamente”.
13 Así que Tatenai, que era o gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates, Xetar-Bozenai e os seus compañeiros fixeron inmediatamente todo o que mandou o rei Darío.
14 Os anciáns dos xudeus seguiron traballando e avanzando na reconstrución grazas ó ánimo que lles deron as profecías do profeta Axeo e de Zacarías, o neto de Idó. E acabaron a reconstrución tal como mandara o Deus de Israel e tal como mandaran Ciro, Darío e o rei Artaxerxes de Persia.
15 Acabaron a casa o día tres do mes de adar*, no sexto ano do reinado do rei Darío.
16 Entón os israelitas, os sacerdotes, os levitas e o resto dos que volveron do desterro inauguraron* con alegría a casa de Deus.
17 Ofreceron para a inauguración da casa de Deus 100 touros, 200 carneiros e 400 cordeiros. E como ofrenda polo pecado de todo Israel ofreceron 12 machos das cabras, un por cada tribo.
18 Ademais, organizaron os sacerdotes segundo os seus grupos e os levitas segundo os seus grupos para servir a Deus en Xerusalén, tal como está escrito no libro de Moisés.
19 Os que volveron do desterro celebraron a Pascua o día 14 do primeiro mes*.
20 Tódolos sacerdotes e os levitas estaban puros porque todos, sen excepción, se purificaran. Así que mataron os animais do sacrificio da Pascua por tódolos que volveran do desterro, polos outros sacerdotes e por eles mesmos.
21 Despois, os israelitas que volveran do desterro comeron do sacrificio. Comérono con tódolos que se uniran a eles e que se separaran dos costumes impuros das nacións daquela terra para adorar* a Xehová, o Deus de Israel.
22 Ademais, celebraron con alegría a Festa dos Pans Sen Fermento durante sete días, porque Xehová fixo que estivesen contentos e tamén porque fixera que o rei de Asiria se puxese da súa parte e os apoiase* mentres construían a casa do Deus verdadeiro, o Deus de Israel.
Notas ó pé
^ Lit. “na casa dos rexistros”.
^ Ou “este memorando”.
^ Ou “empalala”.
^ Ou quizais “nun vertedoiro”, “nunha esterqueira”.
^ É dicir, en Xerusalén ou no templo.
^ Ou “dedicaron”.
^ O primeiro mes que se menciona aquí vai desde mediados de marzo ata mediados de abril. Ver apén. B15.
^ Lit. “buscar”.
^ Lit. “e lles fortalecese as mans”.

