Esdras 1:1-11

  • O rei Ciro ordena reconstruír o templo (1-4)

  • Os preparativos para saír do desterro en Babilonia (5-11)

1  No primeiro ano do rei Ciro de Persia, Xehová motivou o* rei Ciro de Persia para que proclamase un decreto por todo o seu reino e que se cumprise o que Xehová dixera mediante Xeremías. O decreto, que tamén se puxo por escrito, dicía: 2  “Isto é o que di o rei Ciro de Persia: ‘Xehová, o Deus dos ceos, deume tódolos reinos da terra e encargoume que lle constrúa unha casa en Xerusalén, que está en Xudá. 3  Que o voso Deus estea con vós, os que formades parte do seu pobo. Subide a Xerusalén, que está en Xudá, e reconstruíde a casa de Xehová, o Deus de Israel. El é o Deus verdadeiro e a súa casa estaba en Xerusalén*. 4  Que os veciños* axuden a calquera que estea vivindo como estranxeiro, sexa onde sexa. Que lle dean ouro, prata, bens e gando, e tamén as ofrendas voluntarias que queiran facer para a casa do Deus verdadeiro, que estaba en Xerusalén’”. 5  Entón, os xefes das casas paternas de Xudá e de Benxamín, e os sacerdotes e os levitas, é dicir, tódalas persoas ás que o Deus verdadeiro motivara*, preparáronse para subir e reconstruír a casa de Xehová, que estaba en Xerusalén. 6  E os seus veciños axudáronlles dándolles* obxectos de ouro e de prata, bens, gando e outras cousas valiosas, e tamén tódalas ofrendas voluntarias. 7  Ademais, o rei Ciro mandou que lles devolvesen os obxectos da casa de Xehová que Nabucodonosor levara de Xerusalén e que puxera na casa do seu deus. 8  O rei Ciro de Persia fixo que se sacasen os obxectos baixo a supervisión do tesoureiro Mitrídates, e el fixo que se anotasen nunha lista para Xesbasar*, o xefe da tribo de Xudá. 9  Esta foi a lista: 30 cestas feitas de ouro, 1000 cestas feitas de prata, 29 recipientes de reposto, 10  30 cuncas pequenas feitas de ouro, 410 cuncas pequenas feitas de prata e outros 1000 utensilios. 11  En total había 5400 utensilios de ouro e de prata. Xesbasar levou todo isto cando os desterrados saíron de Babilonia e volveron a Xerusalén.

Notas ó pé

Lit. “incitou o espírito do”.
Ou quizais “e el está en Xerusalén”.
Lit. “os homes do seu lugar”.
Lit. “lles incitara o seu espírito”.
Lit. “fortalecéronlles as mans con”.
Posiblemente Zorobabel, mencionado en Esd 2:2 e 3:8.