Esdras 8:1-36

  • Lista dos que volveron con Esdras (1-14)

  • Os preparativos para a viaxe (15-30)

  • Marchan de Babilonia e chegan a Xerusalén (31-36)

8  Estes foron os xefes das casas paternas e o rexistro da xenealoxía dos que subiron comigo de Babilonia durante o reinado do rei Artaxerxes: 2  dos fillos de Finehás, Guerxom; dos fillos de Itamar, Daniel; dos fillos de David, Hatús; 3  dos fillos de Secanías, que era dos fillos de Parós, Zacarías, e con el subiron 150 homes que estaban rexistrados na xenealoxía; 4  dos fillos de Pahat-Moab, Eliehoenai, que era fillo de Zerahías, e con el 200 homes; 5  dos fillos de Zatú, Secanías, que era fillo de Xahaziel, e con el 300 homes; 6  dos fillos de Adín, Ébed, que era fillo de Xonatán, e con el 50 homes; 7  dos fillos de Elam, Xesaías, que era fillo de Atalía, e con el 70 homes; 8  dos fillos de Xefatías, Zebadías, que era fillo de Miguel, e con el 80 homes; 9  dos fillos de Xoab, Abdías, que era fillo de Xehiel, e con el 218 homes; 10  dos fillos de Baní, Xelomit, que era fillo de Xosifías, e con el 160 homes; 11  dos fillos de Bebai, Zacarías, que era fillo de Bebai, e con el 28 homes; 12  dos fillos de Azgad, Xohanán, que era fillo de Hacatán, e con el 110 homes; 13  dos fillos de Adonicam, os últimos que volveron chamábanse Elifélet, Xeiel e Semaia, e con eles 60 homes, 14  e dos fillos de Bigvai, Utai e Zabbud, e con eles 70 homes. 15  Xunteinos a todos á beira do río que chega a Ahavá e acampamos alí durante tres días. Pero cando me puxen a buscar entre a xente do pobo e os sacerdotes, non encontrei ningún levita. 16  Así que mandei chamar a Eliezer, Ariel, Semaia, Elnatán, Xarib, Elnatán, Natán, Zacarías e Mexulam, que eran os xefes, e a Xoiarib e Elnatán, que eran mestres. 17  E mandeilles que fosen falar con Idó, o líder dun lugar chamado Casifiá. Díxenlles que lles pedisen a Idó e ós seus irmáns, que eran os servos do templo* que estaban en Casifiá, que nos trouxesen servos para a casa do noso Deus. 18  Como Deus estaba con nós*, trouxéronnos a Xerebías (un home sensato descendente de Mahlí, o neto de Leví, o fillo de Israel) e tamén ós seus fillos e ós seus irmáns. En total eran 18 homes. 19  Tamén nos trouxeron a Haxabías e a Xesaías, dos meraritas, e ós irmáns del e ós seus fillos. En total eran 20 homes. 20  Ademais, trouxéronnos 220 homes que eran descendentes dos servos do templo ós que David e os líderes do pobo* puxeran ó servizo dos levitas. Todos eles estaban rexistrados por nome na xenealoxía. 21  Entón mandei que se fixese xaxún* alí, ó lado do río Ahavá, para humillarnos diante do noso Deus e para pedirlle que nos guiase durante a viaxe que iamos facer cos nosos fillos e con tódolos nosos bens. 22  Deume vergonza pedirlle soldados e xinetes ó rei para que nos protexesen dos inimigos durante todo o camiño, porque lle dixeramos: “Deus está con* tódolos que o buscan, pero a súa forza e a súa furia están contra tódolos que o abandonan”. 23  Por iso fixemos xaxún e pedímoslle ó noso Deus que nos axudase con isto, e el escoitou as nosas súplicas. 24  Despois escollín 12 xefes dos sacerdotes: a Xerebías e a Haxabías e a 10 dos seus irmáns. 25  E pesei diante deles a prata, o ouro e os utensilios que o rei, os seus conselleiros, os seus oficiais de alto rango* e tódolos israelitas que estaban alí deran para a casa do noso Deus. 26  Despois de pesar todo, deilles 650 talentos* de prata, 100 utensilios de prata valorados en 2 talentos, 100 talentos de ouro, 27  20 cuncas pequenas feitas de ouro valoradas en 1000 dáricos* e 2 utensilios de cobre de boa calidade, de cor vermella brillante e tan valiosos coma o ouro. 28  Entón díxenlles: “Vós sodes santos para Xehová e os utensilios tamén son santos, e a prata e o ouro son unha ofrenda voluntaria para Xehová, o Deus dos vosos antepasados. 29  Coidade ben destas cousas ata que cheguedes a Xerusalén. Alí pesarédelas nos cuartos* da casa de Xehová diante dos xefes dos sacerdotes e dos levitas e diante dos oficiais de alto rango das casas paternas de Israel”. 30  E os sacerdotes e os levitas colleron a prata, o ouro e os utensilios que se pesaran, para levalos á casa do noso Deus, que está en Xerusalén. 31  O día 12 do primeiro mes* marchamos de onda o río Ahavá e viaxamos a Xerusalén. Deus estivo con nós e protexeunos dos inimigos e das emboscadas polo camiño. 32  Así que chegamos a Xerusalén e quedamos alí tres días. 33  Ó cuarto día pesamos a prata, o ouro e os utensilios na casa do noso Deus, e démosllos ó sacerdote Meremot, que era fillo de Urilla. El estaba con Eleazar, que era fillo de Finehás, e cos levitas Xozabad, que era fillo de Xesúa, e Noadías, que era fillo de Binuí. 34  Contouse e pesouse todo, e anotouse o peso total. 35  Os desterrados que volveran do cativerio fixéronlle sacrificios queimados ó Deus de Israel. Ofreceron 12 touros por tódalas persoas de Israel, 96 carneiros e 77 cordeiros. Tamén presentaron 12 machos das cabras como ofrenda polo pecado. Ofreceuse todo isto como ofrenda queimada para Xehová. 36  Despois démoslles as ordes do rei ós sátrapas* do rei e ós gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates. Eles apoiaron o pobo e déronlle todo o que necesitaba para a casa do Deus verdadeiro.

Notas ó pé

^ Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.
^ Lit. “a man bondadosa do noso Deus estaba sobre nós”.
^ Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.
^ Lit. “A man bondadosa do noso Deus está sobre”.
^ Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.
^ Un talento equivalía a 34,2 kg. Ver apén. B14.
^ O dárico era unha moeda persa de ouro. Ver apén. B14.
^ Ou “comedores”. Estes cuartos usábanse como almacéns, comedores ou para outras cousas.
^ O primeiro mes que se menciona aquí vai desde mediados de marzo ata mediados de abril. Ver apén. B15.
^ Título que significa “protectores do reino”. Aquí refírese ós gobernadores das provincias do Imperio Persa.