Esdras 5:1-17
5 Despois, o profeta Axeo e o profeta Zacarías, que era neto de Idó, puxéronse a falarlles ós xudeus que estaban en Xudá e en Xerusalén no nome do Deus de Israel, que estaba con eles.
2 Foi entón cando Zorobabel, que era fillo de Sealtiel, e Xesúa, que era fillo de Xehosadac, empezaron a reconstruír outra vez a casa de Deus, que estaba en Xerusalén. E os profetas de Deus estaban con eles e apoiábanos.
3 Naquel tempo, Tatenai, que era o gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates, Xetar-Bozenai e os compañeiros deles foron a onde estaban eles e preguntáronlles: “Quen vos deu a orde de construír esta casa e acabar esta estrutura*?”.
4 Tamén lles preguntaron: “Como se chaman os homes que están traballando nesta construción?”.
5 Pero Deus estaba coidando dos* anciáns dos xudeus. E non lles fixeron parar as obras porque primeiro querían mandarlle un informe a Darío e recibir un documento oficial coa súa resposta.
6 Esta é unha copia da carta que Tatenai, que era o gobernador da rexión que está ó oeste do río Éufrates, Xetar-Bozenai e os compañeiros deles, que eran os gobernadores de menor rango da rexión que está ó oeste do río Éufrates, lle mandaron ó rei Darío.
7 O informe que lle escribiron dicía:
“Para o rei Darío:
”Que teñas paz!
8 Facémoslle saber ó rei que fomos á casa do gran Deus, na provincia de Xudá. Vimos que a están reconstruíndo con pedras enormes e que están poñendo madeira nas paredes. O pobo está traballando con moito entusiasmo e as obras avanzan moi rápido grazas ós seus esforzos.
9 Entón, preguntámoslles ós seus anciáns: ‘Quen vos deu a orde de construír esta casa e acabar esta estrutura*?’.
10 Tamén lles preguntamos os seus nomes para escribilos e facerche saber quen son os encargados.
11 ”Isto é o que nos contestaron: ‘Somos os servos do Deus dos ceos e da terra. Estamos reconstruíndo a casa que construíu e acabou un gran rei hai moitos anos.
12 Pero os nosos pais enfadaron o Deus dos ceos, e por iso el os entregou ó rei Nabucodonosor de Babilonia, o caldeo. Ese foi o rei que destruíu esta casa e levou a xente ó desterro a Babilonia.
13 Agora ben, no primeiro ano do rei Ciro de Babilonia, o rei Ciro emitiu unha orde para que se reconstruíse esta casa de Deus.
14 Ademais, o rei Ciro mandou sacar do templo de Babilonia os recipientes de ouro e de prata da casa de Deus, os que Nabucodonosor sacara do templo de Xerusalén e levara ó templo de Babilonia. E déronlle os recipientes a un home que se chama Xesbasar*, a quen Ciro fixo gobernador.
15 Ciro díxolle: “Colle estes recipientes, lévaos ó templo que está en Xerusalén e fai que se reconstrúa a casa de Deus no sitio no que estaba antes”.
16 Cando Xesbasar chegou, puxo os cimentos da casa de Deus, que está en Xerusalén. E desde entón estase reconstruíndo, pero aínda non se acabou’.
17 ”Así que se ó rei lle parece ben, pedimos que se investigue no tesouro real de Babilonia para comprobar se o rei Ciro deu a orde de reconstruír esa casa de Deus en Xerusalén. Tamén pedimos que se nos envíe a decisión do rei”.

