Esdras 7:1-28

  • Esdras chega a Xerusalén (1-10)

  • A carta de Artaxerxes a Esdras (11-26)

  • Esdras louva a Xehová (27, 28)

7  Despois dun tempo, durante o reinado do rei Artaxerxes de Persia, Esdras* volveu de Babilonia. Esdras era fillo de Seraia, que era fillo de Azarías, que era fillo de Hilquías, 2  que era fillo de Salum, que era fillo de Sadoc, que era fillo de Ahitub, 3  que era fillo de Amarías, que era fillo de Azarías, que era fillo de Meraiot, 4  que era fillo de Zerahías, que era fillo de Uzí, que era fillo de Buquí, 5  que era fillo de Abixúa, que era fillo de Finehás, que era fillo de Eleazar, que era fillo do sacerdote principal Aarón. 6  Este Esdras subiu de Babilonia. Era un copista* experto na* Lei de Moisés, a que dera Xehová, o Deus de Israel. O rei deulle todo o que pediu porque Xehová, o seu Deus, estaba con el*. 7  Algúns israelitas, sacerdotes, levitas, cantores, porteiros e servos do templo* tamén subiron a Xerusalén no sétimo ano do rei Artaxerxes. 8  Esdras chegou a Xerusalén no quinto mes*, no sétimo ano do rei. 9  O primeiro día do primeiro mes*, Esdras saíu de Babilonia. E chegou a Xerusalén o primeiro día do quinto mes, porque o seu Deus estaba con el. 10  Esdras preparara o seu corazón para* consultar a Lei de Xehová, poñela en práctica e ensinarlles ás persoas de Israel as normas e as decisións xudiciais* da Lei. 11  Esta é unha copia da carta que o rei Artaxerxes lle deu a Esdras, o sacerdote e copista, que era un experto no estudo* dos mandamentos e normas que Xehová lle dera a Israel: 12  * “De parte de Artaxerxes, o rei de reis, para o sacerdote Esdras, o copista da Lei do Deus dos ceos: Que teñas moita paz. 13  Dei unha orde para que poidan ir contigo a Xerusalén tódolos israelitas do meu reino que estean dispostos a ir, incluídos os sacerdotes e os levitas. 14  O rei e os seus sete conselleiros mándante para investigar se se está cumprindo a Lei do teu Deus en Xudá e Xerusalén, a lei que tes contigo*. 15  Ademais, leva a prata e o ouro que o rei e os seus conselleiros quixeron darlle ó Deus de Israel, que ten a súa casa en Xerusalén. 16  Leva tamén toda a prata e o ouro que che dean* en toda a provincia de Babilonia, e os regalos que a xente e os sacerdotes queiran dar para a casa do seu Deus, que está en Xerusalén. 17  Con eses cartos, compra canto antes touros, carneiros e cordeiros, e tamén o que se necesita para as ofrendas de gran e as ofrendas líquidas* correspondentes. E tes que ofrecer isto no altar da casa do teu Deus en Xerusalén. 18  ”E co resto da prata e do ouro, facede o que vos pareza ben a ti e ós teus irmáns, de acordo coa vontade do voso Deus. 19  Ademais, tes que entregar diante de Deus en Xerusalén tódolos recipientes que che dean para o servizo da casa do teu Deus. 20  E calquera outra cousa que faga falta e que teñas que dar para a casa do teu Deus, págaa cos fondos do tesouro real. 21  ”Eu, o rei Artaxerxes, deilles a orde a tódolos tesoureiros da rexión que está ó oeste do río Éufrates de que lle entreguen inmediatamente ó sacerdote Esdras, o copista da Lei do Deus dos ceos, todo o que el lles pida: 22  como máximo, 100 talentos* de prata, 100 coros* de trigo, 100 batos* de viño e 100 batos de aceite, e tamén todo o sal que queira. 23  Que tódalas cousas que o Deus dos ceos mande facer para a súa casa se fagan con dilixencia. Así, o Deus dos ceos non se enfadará coa* xente do reino, co rei e cos seus fillos. 24  Ademais, fago saber que non está permitido cobrarlles impostos nin tributos nin peaxes ós sacerdotes, ós levitas, ós músicos, ós porteiros, ós servos do templo ou ó resto dos que traballen nesta casa de Deus. 25  ”E ti, Esdras, usa a sabedoría que o teu Deus che deu e nomea maxistrados e xuíces para xulgar a tódolos habitantes da rexión que está ó oeste do río Éufrates, é dicir, a tódolos que coñecen as leis do teu Deus. Pero se entre eles hai alguén que aínda non coñece estas leis, tedes que ensinarllas. 26  E tódolos que desobedezan a Lei do teu Deus e a lei do rei teñen que ser condenados inmediatamente, xa sexa á morte, ó desterro, a pagar unha multa ou á prisión”. 27  Que Xehová, o Deus dos nosos antepasados, sexa louvado! Porque puxo no corazón do rei o desexo de facer máis fermosa a casa de Xehová en Xerusalén. 28  Deus demostroume amor leal e concedeume o favor do rei, dos seus conselleiros e dos seus oficiais de alto rango*. Por iso, armeime de valor* porque Xehová o meu Deus estaba comigo, e xuntei a algúns xefes de Israel para que subisen comigo a Xerusalén.

Notas ó pé

^ Que significa “axuda”.
^ Ou “escriba”.
^ Ou “un copista hábil da”.
^ Lit. “a man de Xehová, o seu Deus, estaba sobre el”.
^ Ou “netineos”. Lit. “entregados”. Ver glosario netineos.
^ O quinto mes que se menciona aquí vai desde mediados de xullo ata mediados de agosto. Ver apén. B15.
^ O primeiro mes que se menciona aquí vai desde mediados de marzo ata mediados de abril. Ver apén. B15.
^ Ou “decidira no seu corazón”.
^ Ver glosario decisións xudiciais.
^ Ou “un copista das palabras”.
^ Os versículos que van desde Esd 7:12 ata o 7:26 escribíronse orixinalmente en arameo.
^ Lit. “na túa man”.
^ Lit. “que encontres”.
^ Ou “libacións”.
^ Un talento equivalía a 34,2 kg. Ver apén. B14.
^ Un coro equivalía a 220 litros. Ver apén. B14.
^ Un bato equivalía a 22 litros. Ver apén. B14.
^ Ou “a ira do Deus dos ceos non virá contra a”.
^ Ou “príncipes”. Ver glosario príncipe.
^ Ou “fortalecinme”.