As boas noticias segundo Mateo 8:1-34

  • Xesús cura un leproso (1-4)

  • A fe dun oficial do exército (5-13)

  • Xesús cura moitas persoas en Capernaúm (14-17)

  • Como ser seguidor de Xesús (18-22)

  • Xesús calma un temporal (23-27)

  • Xesús mándalles a uns demos meterse nuns porcos (28-34)

8  Cando Xesús baixou do monte, seguiuno moitísima xente. 2  Entón acercóuselle un leproso, inclinouse diante del* e díxolle: “Señor, sei que se queres podes curarme*”. 3  Xesús estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”. E a lepra desapareceu inmediatamente. 4  Despois díxolle: “Asegúrate de non contarllo a ninguén. En vez diso, preséntate diante do sacerdote e leva a ofrenda que mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”. 5  Cando Xesús entrou en Capernaúm, acercóuselle un oficial do exército para suplicarlle que lle axudase, 6  e díxolle: “Señor, o meu servo ten unha parálise e está deitado na casa sufrindo moitísimo”. 7  Xesús respondeulle: “Cando chegue alí curareino”. 8  Pero o oficial contestoulle: “Señor, non son digno de que entres na miña casa. Chega con que deas a orde e o meu servo quedará curado. 9  Porque eu tamén obedezo ordes e dou ordes ós soldados que están baixo o meu mando. Cando lle digo a un ‘Vaite!’, el vaise. Cando lle digo a outro ‘Ven!’, el vén. E cando lle digo ó meu escravo ‘Fai isto!’, el faino”. 10  Ó escoitar iso, Xesús quedou sorprendido, e díxolles ós que o seguían: “Asegúrovos que non encontrei ninguén en Israel cunha fe tan grande. 11  Dígovos que moitos virán do leste e do oeste, e sentaranse* á mesa no Reino dos ceos con Abrahán, Isaac e Xacob, 12  mentres que os fillos do Reino serán botados fóra, á escuridade. Aí é onde chorarán cheos de desesperación e de rabia*”. 13  Entón, Xesús díxolle ó oficial: “Volve para a túa casa. Como demostraches fe, que se cumpra o que pediches”. E o servo curou xusto nese momento. 14  Xesús entrou na casa de Pedro e viu que a súa sogra estaba na cama e tiña febre. 15  Entón, tocoulle a man e a febre desapareceu. Despois ela levantouse e púxose a atendelo. 16  Á tardiña, a xente levoulle a Xesús moitas persoas que estaban posuídas polos demos. E el botou os demos fóra cunha simple orde. Tamén curou a tódolos que estaban sufrindo. 17  Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Isaías: “Foi el quen levou as nosas enfermidades e cargou coas nosas dores”. 18  Cando Xesús viu que o rodeaba unha multitude, mandoulles ós seus discípulos que cruzasen con el ó outro lado do mar. 19  Entón acercóuselle un escriba e díxolle: “Mestre, seguireite vaias onde vaias”. 20  Pero Xesús contestoulle: “Os raposos teñen raposeiras e os paxaros teñen niños, pero o Fillo do Home* non ten onde pousar a cabeza”. 21  Entón un dos seus discípulos díxolle: “Señor, déixame ir e enterrar primeiro a meu pai”. 22  Xesús respondeulle: “Ti sígueme e deixa que os mortos enterren os seus mortos”. 23  Despois Xesús subiu a unha barca e os seus discípulos foron con el. 24  De repente, levantouse un temporal tan grande no mar que as ondas enchían de auga a barca. Pero Xesús estaba durmindo. 25  Os discípulos acercáronse para despertalo e dixéronlle: “Señor, sálvanos que afogamos!”. 26  Pero el díxolles: “Homes de pouca fe, por que tedes tanto medo?*”. Entón, púxose de pé, reprendeu o vento e o mar, e todo quedou en completa calma. 27  Eles quedaron impresionados e dixeron: “Pero, quen é este home? Incluso o vento e o mar lle fan caso”. 28  Cando chegou á outra beira, á rexión dos gadarenos, saíron de onde estaban as tumbas* dous homes posuídos polos demos e acercáronselle. Eran tan violentos que ninguén se atrevía a pasar por ese camiño. 29  Entón, puxéronse a berrar: “Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? Viñeches a castigarnos* antes do tempo fixado por Deus?”. 30  Ó lonxe, había moitos porcos comendo. 31  Así que os demos empezaron a suplicarlle: “Se nos vas botar fóra, mándanos entrar naqueles porcos”. 32  Xesús díxolles: “Ide!”. Os demos saíron dos homes e metéronse nos porcos. Entón, tódolos porcos botáronse ó mar polo acantilado* abaixo e morreron afogados. 33  Os que coidaban os porcos saíron correndo e foron á cidade. Alí contárono todo, incluso o que lles pasara ós homes que estaban posuídos polos demos. 34  Entón, toda a xente da cidade saíu a buscar a Xesús e, cando o encontraron, suplicáronlle que marchase daquela rexión.

Notas ó pé

^ Ou “rendeulle homenaxe”.
^ Lit. “limparme”.
^ Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.
^ Ou “reclinaranse”.
^ Lit. “e apertarán os dentes”.
^ Ver glosario Fillo do Home.
^ Ou “por que vos acovardades?”.
^ Ou “tumbas conmemorativas”.
^ Lit. “atormentarnos”.
^ Ou “pola pendente”.