As boas noticias segundo Mateo 6:1-34

  • O SERMÓN DO MONTE (1-34)

    • Non facer cousas boas para que outros o vexan (1-4)

    • Como orar (5-15)

      • A oración modelo (9-13)

    • O xaxún (16-18)

    • Tesouros na terra e no ceo (19-24)

    • Deixar de angustiarse (25-34)

      • Seguir buscando primeiro o Reino (33)

6  ”Tede coidado con facer o que está ben* diante dos demais só para que eles vos vexan. Se facedes iso, o voso Pai que está nos ceos non vos dará ningunha recompensa. 2  Así que cando axudes a alguén que o necesita*, non o vaias anunciando por aí coma se foses tocando unha trompeta. Iso é o que fan os hipócritas nas sinagogas e nas rúas para que os demais lles dean honra. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 3  Por iso, cando axudes a alguén que o necesita, non lles vaias contando ós demais o que fas*. 4  Desa maneira, a axuda que lle deas a quen o necesita quedará en privado. Entón teu Pai, que o ve todo*, recompensarate. 5  ”Ademais, cando oredes, non o fagades coma os hipócritas, que lles gusta orar de pé nas sinagogas e nas esquinas das rúas principais para que os demais os vexan. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 6  Pero cando ti vaias orar, entra no teu cuarto, pecha a porta e óralle a teu Pai en privado. E teu Pai, que o ve todo, recompensarate. 7  Cando ores, non repitas as mesmas cousas unha e outra vez. Iso é o que fan os que non saben como hai que adorar a Deus*. Pensan que Deus os vai escoitar se fan oracións moi longas. 8  Non sexades coma eles. O voso Pai xa sabe o que necesitades incluso antes de que llo pidades. 9  ”Así é como debedes orar: ”‘Noso Pai que estás nos ceos, que o teu nome sexa santificado*. 10  Que veña o teu Reino. Que se faga a túa vontade tamén na terra coma no ceo. 11  Dános hoxe o pan que necesitamos para este día. 12  Perdoa as nosas débedas*, igual que nós tamén perdoamos os que están en débeda con nós*. 13  E non nos deixes caer* na tentación, senón líbranos* do Maligno*’. 14  ”Se perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai celestial tamén vos perdoará a vós. 15  Pero se non perdoades os demais cando vos ofenden, o voso Pai tampouco vos perdoará as vosas ofensas. 16  ”Cando fagades xaxún*, deixade de ir por aí poñendo cara triste coma os hipócritas. Eles descoidan o seu aspecto* para que os demais saiban que están facendo xaxún. Asegúrovos que esa é toda a recompensa que van ter. 17  Pero cando ti fagas xaxún, bota aceite perfumado na cabeza e lava a cara. 18  Desa maneira, os demais non saberán que estás facendo xaxún, só teu Pai saberá o que fas en privado. E el, que o ve todo, recompensarate. 19  ”Deixade de acumular tesouros aquí na terra, porque os bichos* e o óxido poden acabar con eles, e os ladróns poden roubalos. 20  En vez diso, acumulade tesouros no ceo, porque alí os bichos e o óxido non poden acabar con eles, e os ladróns non poden roubalos. 21  Onde estea o teu tesouro, aí tamén estará o teu corazón. 22  ”Os ollos son a lámpada do corpo. Se os teus ollos están ben enfocados*, todo o teu corpo brillará*. 23  Pero se os teus ollos miran con envexa*, todo o teu corpo estará escuro. Se a luz que hai en ti realmente é escuridade, canta escuridade hai dentro de ti! 24  ”Ninguén pode ser escravo de dous amos, porque vai amar a un e vai odiar* o outro, ou vaille ser leal a un e vai desprezar o outro. Non podedes ser escravos de Deus e das Riquezas ó mesmo tempo. 25  ”Por iso vos digo: deixade de angustiarvos pola vosa vida* pensando no que ides comer ou no que ides beber, ou polo voso corpo pensando no que ides vestir. Non vale máis a vida que a comida e o corpo que a roupa? 26  Fixádevos ben nos paxaros. Nin sementan, nin segan, nin gardan comida en almacéns, pero aínda así o voso Pai celestial dálles de comer. Non valedes vós máis ca eles? 27  Quen de vós, por angustiarse, pode facer que a súa vida dure unha hora* máis? 28  Ademais, por que vos angustiades pola roupa? Aprendede das flores* que medran no campo. Nin traballan nin fan a súa roupa, 29  pero eu dígovos que nin sequera o rei Salomón en toda a súa grandeza se vestiu tan ben coma unha delas. 30  Así que, se Deus viste así as plantas do campo, que hoxe están aquí e mañá se botan ó lume*, non vos vestirá a vós con moita máis razón, xente de pouca fe? 31  Por iso, nunca vos angustiedes e digades ‘Que imos comer?’ ou ‘Que imos beber?’ ou ‘Con que nos imos vestir?’. 32  Porque os que van detrás destas cousas con moita ansia son os que non coñecen a Deus*, pero o voso Pai celestial xa sabe que necesitades todas estas cousas. 33  ”Por iso, seguide buscando primeiro o Reino e a xustiza de Deus, e recibiredes tódalas cousas que necesitades. 34  Así que nunca vos angustiedes polo día seguinte, porque o día seguinte terá as súas propias preocupacións. Xa chega cos problemas que hai cada día.

Notas ó pé

^ Lit. “practicar a vosa xustiza”.
^ Ou “fagas dádivas de misericordia”.
^ Lit. “non deixes que a túa man esquerda saiba o que fai a túa man dereita”.
^ Ou “que mira desde un lugar secreto”.
^ Lit. “a xente das nacións”.
^ Ou “sexa tratado como santo”, “sexa tratado como sagrado”.
^ Ou “os nosos pecados”.
^ Ou “os que pecaron contra nós”.
^ Lit. “non nos metas”.
^ Ou “sálvanos”, “rescátanos”.
^ Ou “cambian o aspecto da súa cara”.
^ Ou “a traza”, é dicir, un insecto que na fase de larva come a madeira e as teas.
^ Ou “Se ves con claridade”. Lit. “Se o teu ollo é sinxelo”.
^ Ou “estará cheo de luz”.
^ É dicir, se buscan moitas cousas. Lit. “se o teu ollo é malvado”.
^ Ou “servir con menos dedicación”.
^ Ou “alma”. Ver glosario alma.
^ Lit. “un cóbado”. Ver apén. B14.
^ Ou “dos lirios”.
^ Ou “ó forno”.
^ Lit. “son as nacións”.