As boas noticias segundo Mateo 17:1-27

  • A transfiguración de Xesús (1-13)

  • Fe do tamaño dun gran de mostaza (14-21)

  • Xesús volve a predicir a súa morte (22, 23)

  • Pagan o imposto cunha moeda sacada da boca dun peixe (24-27)

17  Seis días despois, Xesús levou a Pedro, a Santiago e a Xoán (o irmán de Santiago) a unha montaña alta, e estiveron alí sós. 2  E Xesús transfigurouse* diante deles. A súa cara resplandecía coma o sol e a súa roupa volveuse brillante* coma a luz. 3  De repente, aparecéronselles Moisés e Elías falando con Xesús. 4  Entón, Pedro díxolle a Xesús: “Señor, que ben que esteamos aquí! Se queres, podo montar tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. 5  Mentres aínda estaba falando, de repente, cubriunos unha nube brillante. Entón, escoitouse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu querido Fillo. El ten a miña aprobación. Escoitádeo”. 6  Cando os discípulos oíron iso, tiveron moitísimo medo, botáronse ó chan e baixaron a cabeza. 7  Entón Xesús acercouse a eles, tocounos e díxolles: “Levantádevos. Non teñades medo”. 8  Cando levantaron a cabeza, só viron a Xesús. 9  Mentres baixaban da montaña, Xesús mandoulles: “Non lle faledes desta visión a ninguén ata que o Fillo do Home sexa resucitado* de entre os mortos”. 10  Pero os discípulos preguntáronlle: “E logo, por que din os escribas que Elías ten que vir antes que o Cristo?”. 11  El respondeulles: “É certo que primeiro ten que vir Elías para restablecer tódalas cousas. 12  Pero dígovos que Elías xa veu e eles non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron. Da mesma forma, tamén farán que o Fillo do Home sufra”. 13  Nese momento, os discípulos déronse conta de que lles estaba falando de Xoán o Bautista. 14  Cando chegaron onde estaba a multitude, un home acercouse a Xesús, púxose de xeonllos diante del e díxolle: 15  “Señor, ten compaixón* do meu fillo, porque é epiléptico e está moi maliño, e moitas veces cae no lume ou na auga. 16  Tróuxeno onda os teus discípulos, pero non puideron curalo”. 17  Xesús respondeu: “Esta xeración é moi retorcida e non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós? Ata cando terei que soportarvos? Traédemo aquí”. 18  Entón, Xesús reprendeu o demo que estaba dentro do rapaz, o demo saíu do rapaz e o rapaz quedou curado nese momento. 19  Despois, os discípulos foron onda Xesús e preguntáronlle en privado: “Por que nós non puidemos botar fóra ese demo?”. 20  El respondeulles: “Porque tedes pouca fe. Asegúrovos que, se a vosa fe é do tamaño dun gran de mostaza, dirédeslle a esta montaña ‘Móvete de aquí para alí’ e moverase. E nada será imposible para vós”. 21  —* 22  Mentres estaban xuntos en Galilea, Xesús díxolles: “O Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos. 23  Eles vano matar e ó terceiro día será resucitado*”. Cando os discípulos escoitaron iso, puxéronse moi tristes. 24  Despois de que Xesús e os seus discípulos chegaron a Capernaúm, os homes que cobraban o imposto do templo* acercáronse a Pedro e preguntáronlle: “Seica o voso mestre non paga o imposto do templo?”. 25  El contestoulles: “Si que o paga”. Pero cando Pedro entrou na casa, Xesús preguntoulle antes de que el puidese dicir nada: “Que pensas, Simón? A quen lles cobran impostos e tributos* os reis da terra? Ós seus fillos ou ás demais persoas?”. 26  Cando el lle contestou “Ás demais persoas”, Xesús díxolle: “Iso quere dicir que os seus fillos non teñen que pagar impostos. 27  Pero para que non se escandalicen*, vai ó mar e bota o anzol. Cando abras a boca do primeiro peixe que pesques, atoparás unha moeda de prata*. Cóllea e dállela a eles por min e por ti”.

Notas ó pé

Ou “cambiou de aspecto”.
Ou “branca”.
Lit. “sexa levantado”.
Lit. “misericordia”.
Lit. “levantado”.
Lit. “dos didracmas”. Ver apén. B14.
Ou “e a capitación”, é dicir, o imposto por persoa.
Ou “para que non tropecen”. Ver glosario tropezar.
Lit. “un estater”. Crese que esta moeda é un tetradracma. Ver apén. B14.