As boas noticias segundo Mateo 12:1-50

  • Xesús é “Señor do sábado” (1-8)

  • Xesús cura un home que ten unha man paralizada (9-14)

  • O servo ó que Deus quere tanto (15-21)

  • Xesús bota demos fóra mediante o espírito santo (22-30)

  • O pecado imperdoable (31, 32)

  • A árbore recoñécese polo seu froito (33-37)

  • O sinal de Xonás (38-42)

  • Cando un demo volve a entrar nunha persoa (43-45)

  • A nai e os irmáns de Xesús (46-50)

12  Naquel tempo, Xesús cruzou uns campos de cereais en sábado*. Ós seus discípulos entroulles a fame, e empezaron a arrancar algunhas espigas e a comer os grans. 2  Cando os fariseos viron isto, dixéronlle: “Mira! O que están facendo os teus discípulos non está permitido facelo en sábado”. 3  El contestoulles: “Seica non lestes o que fixo David cando el e os seus homes tiveron fame? 4  Entrou na casa de Deus, e el e os que estaban con el comeron os pans da ofrenda*. E iso era algo que non estaba permitido facer, só poden comelos os sacerdotes. 5  E seica tampouco lestes na Lei que os sábados os sacerdotes no templo non respectan o sábado e aínda así non se lles considera culpables? 6  Pois eu dígovos que aquí hai alguén máis importante que o templo. 7  Se entendésedes o que significan as palabras ‘Quero compaixón*, non sacrificios’, non condenariades persoas inocentes. 8  Porque o Fillo do Home é Señor do sábado”. 9  Despois de marchar de alí, Xesús entrou na sinagoga. 10  Resulta que alí había un home que tiña unha man paralizada*. Como os fariseos querían acusar a Xesús por algo, preguntáronlle: “Está permitido curar a alguén en sábado?”. 11  El respondeulles: “E logo, se tedes unha ovella e cae nun burato en sábado, quen de vós non a colle e a saca de alí? 12  Pois un home vale moito máis que unha ovella! Polo tanto, si que está permitido facer algo bo en sábado”. 13  Despois, díxolle ó home: “Estira o brazo”. E cando o estirou, a man quedou curada. 14  Pero os fariseos saíron e puxéronse a conspirar contra el para matalo. 15  Cando Xesús o soubo, marchou de alí. Moitas persoas seguírono e el curounas a todas, 16  pero mandoulles seriamente que non lle dixesen a ninguén quen era el. 17  Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Isaías: 18  “Mirade! Este é o meu servo a quen eu escollín, a quen quero moito e que ten a miña aprobación*. Poñerei o meu espírito sobre el e el mostraralles ás nacións o que é a xustiza. 19  Non discutirá nin gritará. E ninguén oirá a súa voz nas rúas principais. 20  Non romperá a cana que está partida nin apagará a mecha que apenas arde, ata que faga triunfar a xustiza. 21  De feito, as nacións poñerán a súa esperanza nel*”. 22  Entón, trouxéronlle un home mudo e cego que estaba posuído por un demo. Xesús curouno e o home puido falar e ver. 23  Todo o mundo quedou impresionado e empezou a dicir: “Non será este o Fillo de David*?”. 24  Cando escoitaron isto, os fariseos dixeron: “Este home bota fóra os demos co poder de Belcebú*, o gobernante dos demos”. 25  Como sabía o que pensaban, el díxolles: “Todo reino que está dividido internamente vai á ruína. E ningunha cidade ou familia* que está dividida internamente se manterá en pé. 26  Da mesma maneira, se Satanás bota fóra os seus propios demos, está dividido internamente. Se é así, como poderá manterse en pé o seu propio reino? 27  Ademais, se eu boto fóra os demos co poder de Belcebú, con que poder botan fóra ós demos os vosos discípulos? Eles mesmos demostrarán que o que dicides non é certo*. 28  Pero se eu boto os demos fóra mediante o espírito de Deus, iso quere dicir que o Reino de Deus vos colleu por sorpresa*. 29  Ademais, se alguén quere entrar na casa dun home forte para roubarlle as cousas, primeiro ten que atar o home, non credes? Só así poderá levarlle todo canto ten na casa. 30  O que non está comigo está contra min, e o que non me axuda a acercar as persoas apártaas de min*. 31  ”Por iso vos digo que ós homes se lles perdoará todo tipo de pecados e de blasfemias*, pero non se lles vai perdoar a blasfemia contra o espírito santo. 32  Por exemplo, se alguén di algo contra o Fillo do Home, perdoaráselle o seu pecado. Pero se alguén fala contra o espírito santo, non se lle vai perdoar nin neste sistema nin no* que vai vir. 33  ”Se facedes que unha árbore sexa boa, dará froito bo. Pero se facedes que unha árbore sexa mala, dará froito podre. Porque polo froito sábese como é a árbore. 34  Crías de víboras, se sodes malos, como podedes falar cousas boas? Porque a boca fala do que abunda no corazón. 35  A persoa boa fala cousas boas porque ten cousas boas no seu corazón*. Pero a persoa mala fala cousas malas porque ten cousas malas no seu corazón*. 36  Dígovos que a xente terá que render contas no Día do Xuízo* por calquera cousa inútil que diga. 37  Porque polas túas palabras serás declarado xusto e polas túas palabras serás condenado”. 38  Entón, algúns escribas e fariseos dixéronlle: “Mestre, queremos que nos deas un sinal”. 39  E el respondeulles: “Sodes unha xeración infiel* e malvada que anda sempre buscando un sinal. Pero non se vos vai dar ningún, excepto o sinal do profeta Xonás. 40  Porque, igual que Xonás estivo tres días e tres noites dentro do gran peixe, o Fillo do Home estará tres días e tres noites na tumba. 41  Os habitantes de Nínive resucitarán* no Día do Xuízo xunto con esta xeración e condenarana, porque eles arrepentíronse ó escoitar o que Xonás predicou. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Xonás. 42  A raíña do sur* resucitará* no Día do Xuízo xunto con esta xeración e condenaraa, porque ela veu desde moi lonxe para escoitar a sabedoría de Salomón. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Salomón. 43  ”Cando un demo sae dunha persoa, pasa por zonas desérticas buscando un sitio para descansar, pero non o encontra. 44  Entón di: ‘Vou volver á casa da que marchei’. E cando chega, encóntraa desocupada, varrida e decorada. 45  Así que vai e leva con el outros sete demos aínda peores ca el e, despois de meterse dentro, quedan a vivir alí. Ó final, a situación desa persoa é peor que ó principio. Iso é o que lle vai pasar a esta xeración malvada”. 46  Mentres Xesús falaba coa xente, súa nai e seus irmáns estaban fóra e querían falar con el. 47  Así que alguén díxolle: “Mira! Túa nai e teus irmáns están aí fóra de pé e queren falar contigo”. 48  El contestoulle a quen o avisou: “Quen é miña nai e quen son meus irmáns?”. 49  Entón, sinalou os seus discípulos coa man e dixo: “Mira! Estes son miña nai e meus irmáns! 50  Porque todo o que fai a vontade do meu Pai* que está no ceo é meu irmán, miña irmá e miña nai”.

Notas ó pé

^ Ou “o pan da presenza”. Ver glosario pan da presenza.
^ Lit. “misericordia”.
^ Lit. “seca”.
^ Ou “e a quen a miña alma aprobou”. Ver glosario alma.
^ Lit. “no nome del”.
^ Ver glosario Fillo de David.
^ Un nome aplicado a Satanás. Ver glosario Belcebú.
^ Lit. “casa”.
^ Lit. “Eles serán os vosos xuíces”.
^ Ou “xa chegou a vós”.
^ Ou “e o que non recolle comigo espalla”.
^ Ou “nin nesta era nin na”. Ver glosario sistema.
^ Ou “saca cousas boas do seu bo tesouro”.
^ Ou “saca cousas malas do seu tesouro de maldade”.
^ Ver glosario día de xuízo.
^ Lit. “adúltera”.
^ Lit. “levantaranse”.
^ Ou “de Saba”.
^ Lit. “levantarase”.
^ Ou “todo o que obedece ó meu Pai”.