As boas noticias segundo Mateo 22:1-46
22 Unha vez máis, Xesús faloulles usando comparacións e díxolles:
2 “O Reino dos ceos pode compararse a un rei que fixo un banquete de voda para o seu fillo.
3 Mandoulles ós seus escravos que fosen chamar os invitados ó banquete, pero os invitados non quixeron vir.
4 Despois, mandou outros escravos para que lles dixesen: ‘Xa teño a comida preparada. Xa mataron os touros e os animais cebados, e está todo listo. Vinde ó banquete’.
5 Pero os invitados non lles fixeron caso e marcharon. Un foi para a súa leira, outro foi para o seu negocio
6 e os demais colleron os escravos, insultáronos, maltratáronos e matáronos.
7 ”Entón, o rei púxose furioso e enviou os seus exércitos, e eles mataron aqueles asasinos e queimaron a cidade.
8 Despois, díxolles ós seus escravos: ‘O banquete está listo, pero os que estaban invitados non o merecían.
9 Así que ide ós camiños que saen da cidade e invitade ó banquete a tódolos que encontredes’.
10 Os escravos saíron ós camiños e xuntaron a tódolos que encontraron, tanto bos coma malos. E a sala de vodas encheuse de invitados*.
11 ”Cando o rei entrou para ver os invitados, fixouse en que un home non ía vestido de voda.
12 Así que lle dixo: ‘Amigo, como te presentas aquí sen ir vestido de voda?’. E o home quedou calado.
13 Entón o rei díxolles ós seus servos: ‘Atádelle as mans e os pés e botádeo fóra, á escuridade. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*’.
14 ”Porque moitos están invitados, pero poucos son escollidos”.
15 Despois, os fariseos marcharon e puxéronse a conspirar para entrampar a Xesús e acusalo por algo que dixese.
16 Así que mandaron uns discípulos deles, xunto con algúns membros do partido de Herodes, para que lle dixesen a Xesús: “Mestre, sabemos que sempre dis a verdade, que ensinas a verdade acerca de Deus e que non buscas a aprobación de ninguén porque non te deixas levar polo que aparentan ser as persoas.
17 Por iso, dinos, que pensas? Está ben pagarlle o imposto* a César ou non?”.
18 Pero como Xesús vía a maldade que tiñan, díxolles: “Por que me poñedes a proba, hipócritas?
19 Ensinádeme a moeda coa que se paga o imposto”. E eles trouxéronlle un denario*.
20 El preguntoulles: “De quen é a imaxe e o nome que aparecen aquí?”.
21 E eles responderon: “De César*”. Así que Xesús díxolles: “Pois pagádelle a César o que é de César, pero a Deus o que é de Deus”.
22 Cando oíron iso, quedaron moi sorprendidos. Entón marcharon e deixárono tranquilo.
23 Ese mesmo día viñeron os saduceos (que din que non hai resurrección) e preguntáronlle:
24 “Mestre, Moisés dixo: ‘Se un home morre sen ter fillos, o seu irmán debe casar coa viúva para darlle descendencia ó que morreu’.
25 Pois resulta que con nós había sete irmáns. O primeiro casou, pero despois morreu e, como non tivera fillos, o seu irmán casou coa viúva.
26 O mesmo pasou co segundo e co terceiro irmán, e así ata o sétimo.
27 Despois de morrer todos, a muller tamén morreu.
28 Entón dinos: cando resuciten, cal dos sete vai ser o seu home? Porque todos estiveron casados con ela”.
29 Xesús respondeulles: “Estades equivocados, porque non coñecedes nin as Escrituras nin o poder de Deus.
30 Na resurrección, nin os homes nin as mulleres casan, porque son coma os anxos no ceo.
31 Seica non lestes o que Deus vos dixo sobre a resurrección dos mortos? El declarou:
32 ‘Eu son o Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob’. Pois el non é Deus de mortos, senón de vivos”.
33 Ó escoitar isto, as multitudes quedaron impactadas polo que ensinaba.
34 Cando os fariseos escoitaron que Xesús deixara os saduceos sen palabras, xuntáronse con eles e foron a velo.
35 Entón un deles, que era experto na Lei, quixo poñelo a proba e preguntoulle:
36 “Mestre, cal é o mandamento máis importante da Lei?”.
37 El respondeulle: “‘Ama a Xehová* o teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma* e con toda a túa mente’.
38 Este é o primeiro mandamento e o máis importante.
39 O segundo, que é parecido a este, é: ‘Ama os demais* como te amas a ti mesmo’.
40 Toda a Lei e os Profetas baséanse nestes dous mandamentos”.
41 Mentres os fariseos estaban alí todos xuntos, Xesús preguntoulles:
42 “Que pensades do Cristo? De quen é fillo?”. Eles contestaron: “De David”.
43 E el preguntoulles: “Entón, como é que David, guiado polo espírito, lle chama Señor? Porque el dixo:
44 ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita ata que poña os teus inimigos debaixo dos teus pés”’.
45 Pero se David lle chama Señor, como pode ser o Cristo o seu fillo?”.
46 E ninguén foi capaz de responderlle nada. Desde ese momento, ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

