As boas noticias segundo Mateo 13:1-58

  • AS COMPARACIÓNS DO REINO (1-52)

    • O sementador (1-9)

    • Por que falaba Xesús usando comparacións (10-17)

    • A explicación da comparación do sementador (18-23)

    • O trigo e a mala herba (24-30)

    • O gran de mostaza; o fermento (31-33)

    • Xesús cumpre unha profecía ó usar comparacións (34, 35)

    • A explicación da comparación do trigo e a mala herba (36-43)

    • O tesouro escondido; a perla de moito valor (44-46)

    • A rede de arrastre (47-50)

    • O tesouro de cousas novas e cousas vellas (51, 52)

  • Rechazan a Xesús na súa propia terra (53-58)

13  Ese día, Xesús saíu daquela casa e foise sentar á beira do mar. 2  Como se xuntou alí tantísima xente, subiu a unha barca e sentouse nela. Toda a multitude quedou de pé na praia 3  e el empezou a ensinarlles moitas cousas usando comparacións. Díxolles: “Un sementador saíu a botar a semente. 4  Mentres o facía, algunhas das sementes caeron á beira do camiño, e viñeron os paxaros e coméronas. 5  Outras caeron nun terreo con pouca terra, porque había moita pedra debaixo, e naceron rápido porque a terra non tiña profundidade. 6  Pero cando saíu o sol, as plantas queimáronse e secaron porque non tiñan raíces profundas. 7  Outras caeron entre os espiños, pero os espiños medraron e afogáronas. 8  E outras caeron en terra boa e empezaron a dar froito. Unhas deron 100 veces máis do que se sementara, outras 60 e outras 30. 9  Quen teña oídos, que escoite con atención”. 10  Así que os discípulos acercáronse e preguntáronlle: “Por que lles falas usando comparacións?”. 11  El respondeulles: “A vós permitíusevos entender os segredos sagrados do Reino dos ceos, pero a eles non. 12  Porque ó que ten, daráselle máis e terá de sobra. Pero ó que non ten, incluso se lle quitará o pouco que ten. 13  Por iso lles falo usando comparacións, porque aínda que ven, é coma se non visen, e aínda que oen, é coma se non oísen, nin tampouco entenden nada. 14  Neles cúmprese a profecía de Isaías que di: ‘“Vós oiredes pero nunca comprenderedes. Miraredes pero nunca entenderedes”. 15  Porque o corazón deste pobo volveuse duro*. Eles oen pero non reaccionan. Taparon os ollos e os oídos, e non ven nin oen nada. Por iso non entenden co corazón o que se lles pide nin se volven a min* nin eu os curo’. 16  ”Pero felices son os vosos ollos porque ven e os vosos oídos porque oen. 17  Asegúrovos que moitos profetas e outras persoas xustas quixeron ver as cousas que vós estades vendo, pero non as viron, e quixeron oír as cousas que vós estades oíndo, pero non as oíron. 18  ”Así que escoitade o que significa o exemplo do sementador. 19  Cando alguén escoita a palabra* do Reino pero non a entende, vén o Maligno e arranca o que se sementou no seu corazón. Este é o caso da semente que caeu á beira do camiño. 20  Despois está a semente que caeu no terreo con moita pedra debaixo. Este é o caso da persoa que escoita a palabra e rapidamente a acepta con alegría. 21  Pero como non ten raíces profundas, só aguanta por un tempo. Cando veñen as dificultades ou a persecución por obedecer a palabra, enseguida abandona*. 22  Por outro lado, está a semente que caeu entre os espiños. Este é o caso da persoa que escoita a palabra pero as preocupacións deste mundo* e a falsa seguridade que dan as riquezas afogan a palabra, e por iso a palabra non dá froito. 23  E, por último, está a semente que caeu na terra boa. Este é o caso da persoa que escoita a palabra, entende o seu significado e si que dá froito. Algunhas destas persoas dan 100 veces máis do que se sementou, outras 60 e outras 30”. 24  Entón púxolles outra comparación: “O Reino dos ceos pode compararse a un home que botou semente boa no seu campo. 25  Pero mentres todos durmían, veu o seu inimigo, sementou mala herba entre o trigo e marchou. 26  Cando medrou o trigo e apareceron as espigas, tamén apareceu a mala herba. 27  Así que os escravos foron onda o dono da casa e preguntáronlle: ‘Señor, pero non botaches semente boa no teu campo? Entón, por que hai mala herba?’. 28  El contestoulles: ‘Isto fíxoo un inimigo meu’. E os escravos preguntáronlle: ‘Queres que vaiamos arrancala?’. 29  El díxolles: ‘Non, non vaia ser que ó arrancar a mala herba tamén arranquedes o trigo. 30  Deixade que medren xuntos ata a temporada da colleita. Entón direilles ós traballadores que arranquen primeiro a mala herba e que a xunten en feixes para queimala, e despois que recollan o trigo e o garden no meu almacén’”. 31  Púxolles outra comparación: “O Reino dos ceos é coma un gran de mostaza que un home plantou no seu campo. 32  É certo que esta semente é a máis pequena de todas, pero cando medra chega a ser a planta máis grande da horta e convértese nunha árbore. E os paxaros veñen para refuxiarse entre as súas pólas”. 33  Tamén lles puxo outra comparación: “O Reino dos ceos é coma o fermento que unha muller botou nunha gran cantidade* de fariña. Ó final, fermentou toda a masa”. 34  Xesús díxolles todas estas cousas ás multitudes usando comparacións. De feito, nunca lles falaba sen utilizar algunha comparación. 35  Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta: “Abrirei a miña boca usando comparacións. Anunciarei cousas que estaban escondidas desde o principio*”. 36  Despois de despedir as multitudes, entrou na casa. Os seus discípulos acercáronse e dixéronlle: “Explícanos o que significa a comparación da mala herba que se sementou no campo”. 37  El respondeulles: “O sementador que botou a semente boa é o Fillo do Home, 38  e o campo é o mundo. A semente boa son os fillos do Reino, pero a mala herba son os fillos do Maligno, 39  e o inimigo que a sementou é o Demo*. A colleita é a parte final dun sistema* e os traballadores* son os anxos. 40  Así que, igual que se arranca a mala herba e se queima no lume, o mesmo pasará na parte final do sistema*. 41  O Fillo do Home enviará os seus anxos e eles sacarán do Reino* tódalas cousas que levan ó pecado* e tamén as persoas que desobedecen a lei, 42  e botaranas no forno de lume. Aí é onde chorarán cheas de desesperación e de rabia*. 43  Nese tempo, os xustos brillarán no Reino do seu Pai tanto coma o sol. Quen teña oídos, que escoite con atención. 44  ”O Reino dos ceos é coma un tesouro, que estaba escondido nun campo e que un home encontrou e volveu esconder. O home púxose tan contento que foi vender todo o que tiña e comprou ese campo. 45  ”O Reino dos ceos tamén é coma un comerciante que viaxaba buscando perlas de boa calidade*. 46  Cando encontrou unha perla de moito valor, rapidamente foi vender tódalas cousas que tiña e comprouna. 47  ”O Reino dos ceos tamén é coma unha rede de arrastre que uns pescadores botaron ó mar e que recolleu peixes de todo tipo. 48  Cando se encheu, os pescadores arrastrárona ata a praia, sentáronse, puxeron os peixes bos en recipientes e tiraron os que non valían. 49  Iso é o que pasará na parte final do sistema*. Os anxos virán, separarán os malos dos xustos 50  e botarán os malos no forno de lume. Aí é onde chorarán cheos de desesperación e de rabia*”. 51  Entón Xesús preguntou: “Entendestes todas estas cousas?”. Os discípulos responderon: “Si”. 52  E el contestoulles: “Entón dígovos que todo mestre* ó que se lle ensinou acerca do Reino de Deus é coma un home que ten unha casa e que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas”. 53  Cando Xesús terminou de poñer estas comparacións, marchou de alí. 54  Ó chegar á zona onde se criara, púxose a ensinar na sinagoga. A xente quedaba impresionada e dicía: “De onde sacou este home esta sabedoría e o poder para facer estes milagres? 55  Pero, non é o fillo do carpinteiro? Non se chama a súa nai María? Non son os seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? 56  E non viven tódalas súas irmás tamén aquí? Entón, quen lle deu esta sabedoría e este poder para facer milagres?”. 57  E isto converteuse nun obstáculo para que cresen nel*. Pero Xesús díxolles: “Ó profeta dáselle honra en todas partes menos na súa terra e na súa propia casa”. 58  E como non tiñan fe, non fixo moitos milagres alí.

Notas ó pé

^ Ou “insensible”.
^ Ou “nin se volven a Deus”, “nin cambian a súa conduta”.
^ Ou “a mensaxe”.
^ Ou “abandona a fe”, “tropeza”. Ver glosario tropezar.
^ Ou “desta era”, “deste sistema”. Ver glosario sistema.
^ Lit. “en tres medidas de sea”, que serían en total uns 10 kg de fariña. Ver apén. B14.
^ Lit. “a fundación”. Ou quizais “a fundación do mundo”.
^ Ou “os que recollen”.
^ Ou “dunha era”. Ver glosario sistema.
^ A palabra grega orixinal é diábolos (calumniador).
^ Ou “da era”. Ver glosario sistema.
^ Lit. “do seu Reino”.
^ Ou “que fan tropezar”.
^ Lit. “e apertarán os dentes”.
^ Ou “perlas finas”.
^ Ou “da era”. Ver glosario sistema.
^ Lit. “e apertarán os dentes”.
^ Lit. “escriba”. Refírese ós discípulos que foran instruídos para ensinar en público.
^ Ou “E empezaron a tropezar por causa del”.