As boas noticias segundo Mateo 26:1-75

  • Os sacerdotes conspiran para matar a Xesús (1-5)

  • Unha muller bótalle aceite perfumado pola cabeza a Xesús (6-13)

  • A última Pascua e a traizón de Xudas (14-25)

  • Establécese a Cea do Señor (26-30)

  • Xesús predí que Pedro negará coñecelo (31-35)

  • Xesús ora en Xetsemaní (36-46)

  • Arrestan a Xesús (47-56)

  • O Sanedrín xulga a Xesús (57-68)

  • Pedro nega coñecer a Xesús (69-75)

26  Cando Xesús acabou de explicar todas estas cousas, díxolles ós seus discípulos: 2  “Como sabedes, faltan dous días para a Pascua, e o Fillo do Home vai ser entregado para que o executen no madeiro”. 3  Entón os sacerdotes principais e os anciáns do pobo xuntáronse no patio da casa do sumo sacerdote, que se chamaba Caifás. 4  Puxéronse a conspirar para entrampar a Xesús, e así poder arrestalo e matalo. 5  Pero dicían: “Durante a festa non, non vaia ser que se arme un escándalo entre a xente”. 6  Mentres Xesús estaba en Betania, na casa de Simón o leproso, 7  acercóuselle unha muller cun frasco feito de alabastro* cheo dun aceite perfumado moi caro. Entón empezou a botarllo pola cabeza mentres el estaba ceando*. 8  Cando os discípulos viron isto, indignáronse e dixeron: “Por que se fai este desperdicio? 9  Podíase vender por moitos cartos e repartilos entre os pobres”. 10  Xesús deuse conta do que estaban falando e díxolles: “Por que queredes causarlle problemas a esta muller? Ela fixo algo moi bo por min. 11  Porque sempre ides ter os pobres con vós, pero a min non me ides ter sempre. 12  Ó botarme este aceite perfumado polo corpo, ela preparoume para o meu enterro. 13  Asegúrovos que en calquera lugar do mundo onde se prediquen estas boas noticias, tamén se contará o que fixo esta muller, e será recordada”. 14  Entón un dos Doce, o que se chamaba Xudas Iscariote, foi onda os sacerdotes principais 15  e preguntoulles: “Que me ides dar se vos entrego* a Xesús?”. Eles quedaron en darlle 30 moedas de prata. 16  Así que, a partir dese momento, Xudas estivo buscando unha boa oportunidade para traizoalo. 17  O primeiro día da Festa dos Pans Sen Fermento*, os discípulos de Xesús foron onda el e preguntáronlle: “Onde queres que preparemos todo para a cea da Pascua?”. 18  El contestoulles: “Ide á cidade, buscade un home que coñezo* e dicídelle: ‘O Mestre di: “Está chegando a miña hora*. Vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”’”. 19  Así que os discípulos fixeron o que Xesús lles mandou e prepararon todo para a Pascua. 20  Cando se puxo o sol, Xesús estaba sentado* á mesa cos 12 discípulos. 21  Mentres estaban comendo, dixo: “Asegúrovos que un de vós me vai traizoar”. 22  Os discípulos puxéronse moi tristes e cada un deles díxolle: “Señor, non serei eu, verdade?”. 23  El respondeulles: “O que mete a man comigo no prato é o que me vai traizoar. 24  É certo que o Fillo do Home vai marchar, tal como se escribiu sobre el. Pero pobre do que vai traizoar ó Fillo do Home! Éralle mellor non nacer”. 25  Xudas, que estaba a punto de traizoalo, preguntoulle: “Rabí, non serei eu, verdade?”. E Xesús contestoulle: “Ti xa sabes a resposta*”. 26  Mentres aínda estaban comendo, Xesús colleu un pan e fixo unha oración*. Despois partiuno, déullelo ós seus discípulos e díxolles: “Tomade e comede. Isto representa o meu corpo”. 27  Tamén colleu unha copa e deulle grazas a Deus. Despois déullela ós seus discípulos e díxolles: “Bebede todos dela. 28  Porque isto representa o meu sangue, ‘o sangue do pacto’, que se vai derramar para que moitas persoas se beneficien, para que os seus pecados sexan perdoados. 29  Dígovos que non volverei a beber máis deste produto da vide* ata o día no que beba viño novo con vós no Reino do meu Pai”. 30  Finalmente, despois de cantar para darlle gloria a Deus*, marcharon para o Monte das Oliveiras. 31  Entón Xesús díxolles: “Esta noite todos fallaredes* por culpa do que me vai pasar, porque está escrito: ‘Ferirei o pastor e as ovellas do rabaño serán espalladas’. 32  Pero eu, despois de resucitar*, irei a Galilea antes ca vós e esperareivos alí”. 33  Pedro respondeulle: “Aínda que tódolos demais fallen* por culpa do que che vai pasar, eu non fallarei nunca!”. 34  Xesús contestoulle: “Asegúroche que esta noite, antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. 35  Pero Pedro díxolle: “Aínda que teña que morrer contigo, eu nunca negarei que te coñezo”. E tódolos demais discípulos dixeron o mesmo. 36  Despois, Xesús foi con eles a un sitio chamado Xetsemaní e díxolles: “Quedade aquí sentados mentres eu vou alí a orar”. 37  Entón levou con el a Pedro e os dous fillos de Zebedeo, e empezou a sentirse triste e moi angustiado. 38  E díxolles: “Estou tan angustiado que sinto que morro. Quedade aquí e mantédevos despertos comigo”. 39  Despois separouse un pouco deles, botouse ó chan, baixou a cabeza e orou: “Meu Pai, se é posible, aparta de min esta copa*. Pero que non se faga o que eu quero, senón o que ti queres”. 40  Entón volveu onde estaban os discípulos, encontrounos durmidos e preguntoulle a Pedro: “E logo, non puidestes mantervos despertos comigo nin sequera unha hora? 41  Mantédevos despertos e orade constantemente para que non caiades na tentación. Claro, a intención é boa*, pero o corpo* é débil”. 42  Marchou por segunda vez e orou: “Meu Pai, se non é posible apartar de min esta copa sen que eu a beba, entón que se faga a túa vontade”. 43  Entón volveu e encontrounos durmidos outra vez, porque caían co sono*. 44  Así que marchou de novo e orou por terceira vez repetindo o mesmo que antes. 45  Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles: “Como é que estades durmindo e descansando nun momento coma este? Mirade, chegou a hora na que o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado en mans de pecadores. 46  Levantádevos, que imos marchar. O que me vai traizoar xa está cerca”. 47  Entón, mentres el aínda estaba falando, apareceu Xudas, un dos Doce. Con el viña unha gran multitude con espadas e paus, enviada polos sacerdotes principais e os anciáns do pobo. 48  O traidor déralles este sinal: “A quen eu lle dea un bico, ese é. Arrestádeo”. 49  Así que foi directamente cara a Xesús e díxolle “Moi boas, Rabí!”, e deulle un bico cariñoso. 50  Xesús preguntoulle: “A que viñeches?”. Entón, os que acompañaban a Xudas acercáronse a Xesús, agarrárono e arrestárono. 51  Pero, de repente, un dos que estaban con Xesús sacou a súa espada, atacou o escravo do sumo sacerdote e cortoulle unha orella. 52  Entón Xesús díxolle: “Garda a túa espada, porque tódolos que usan a espada morrerán pola espada. 53  Ou pensas que non podo suplicarlle a meu Pai que mande agora mesmo máis de 12 lexións* de anxos? 54  Pero se o fixese, como se cumprirían as Escrituras que din que ten que pasar desta maneira?”. 55  Entón díxolle á multitude: “Seica son un ladrón para que veñades a arrestarme con espadas e paus? Estiven sentado a diario no templo ensinando e non me arrestastes. 56  Pero todo isto pasou para que se cumpra o que escribiron os* profetas”. Entón tódolos discípulos abandonárono e escaparon. 57  Os que arrestaron a Xesús levárono á casa de Caifás, o sumo sacerdote, que estaba alí reunido cos escribas e cos anciáns. 58  Pedro seguiunos de lonxe ata o patio da casa do sumo sacerdote e, despois de entrar, sentouse alí cos criados da casa para ver como acababa todo. 59  Os sacerdotes principais e todo o Sanedrín buscaban algunha acusación falsa contra Xesús para poder matalo. 60  Pero non encontraron ningunha que fose válida, aínda que se presentaron moitas testemuñas falsas. Ó final, chegaron dous homes 61  e declararon: “Este home dixo: ‘Eu son capaz de botar abaixo o templo de Deus e reconstruílo en tres días’”. 62  Entón o sumo sacerdote púxose de pé e preguntoulle a Xesús: “Non tes nada que dicir? Non escoitas o que están declarando contra ti?”. 63  Pero el quedou calado. Así que o sumo sacerdote díxolle: “Ordénoche que nos digas baixo xuramento diante do Deus vivo se ti es o Cristo, o Fillo de Deus!”. 64  Xesús respondeulle: “Si, son eu*. Pero dígovos: de aquí en diante veredes o Fillo do Home sentado á dereita do Poderoso* e vindo nas nubes do ceo”. 65  Entón o sumo sacerdote rachou a roupa e dixo: “Blasfemou! Para que necesitamos máis testemuñas? Acabades de oír a blasfemia! 66  Vós que pensades?”. Eles responderon: “Merece morrer!”. 67  Entón, puxéronse a cuspirlle na cara e a darlle golpes cos puños. Outros pegábanlle na cara* 68  e dicíanlle: “Cristo, se es un profeta, dinos quen che pegou”. 69  Pedro estaba sentado fóra, no patio, e unha criada acercóuselle e díxolle: “Ti tamén andabas con Xesús o galileo!”. 70  Pero el negouno diante de todos e contestoulle: “Non sei de que me falas”. 71  Cando saíu cara á entrada do patio, viuno outra rapaza e díxolles ós que estaban alí: “Este home andaba con Xesús o Nazareno”. 72  E el negouno outra vez. Xurou: “Non coñezo ese home!”. 73  Pouco despois, os que andaban por alí acercáronse a Pedro e dixéronlle: “Está claro que ti tamén es un deles, porque incluso se che nota no acento*”. 74  Pero el púxose a maldicirse a si mesmo* e xurou: “Que non coñezo ese home!”. E nese momento cantou un galo. 75  Entón Pedro acordouse do que Xesús lle dixera: “Antes de que cante un galo, negarás tres veces que me coñeces”. E saíu para fóra e botouse a chorar desconsoladamente.

Notas ó pé

Ou “reclinado á mesa”.
Ou “por traizoar”.
Ver glosario Festa dos Pans Sen Fermento.
Ou “a fulano”.
Ou “o meu tempo fixado”.
Ou “reclinado”.
Lit. “Ti mesmo o dixeches”. Expresión que se utilizaba para indicar afirmación.
Ou “dixo unha bendición”.
Planta que dá uvas.
Ou “cantar salmos”.
Ou “tropezaredes”.
Lit. “ser levantado”.
Ou “tropecen”.
Ver Mt 20:22, nota.
Lit. “o espírito está disposto”.
Lit. “a carne”.
É dicir, tiñan tanto sono que non eran capaces de manter os ollos abertos.
Ou “cumpran as Escrituras dos”.
Ver Mt 26:25, nota.
Lit. “poder”.
Ou “dábanlle labazadas”.
Ou “no dialecto”.
É dicir, pedir que lle pasase algo malo se non estaba dicindo a verdade.