As boas noticias segundo Lucas 9:1-62

  • Os Doce reciben instrucións para predicar (1-6)

  • Herodes pregúntase quen é Xesús (7-9)

  • Xesús alimenta a 5000 homes (10-17)

  • Pedro di que Xesús é o Cristo (18-20)

  • Xesús predí a súa morte (21, 22)

  • O que se espera dun verdadeiro discípulo de Xesús (23-27)

  • A transfiguración de Xesús (28-36)

  • Xesús cura un rapaz que estaba posuído por un demo (37-43a)

  • Volve a predicir a súa morte (43b-45)

  • Os discípulos discuten sobre quen é o maior (46-48)

  • “Quen non está na vosa contra está ó voso favor” (49, 50)

  • Unha aldea de Samaria rechaza a Xesús (51-56)

  • Como ser seguidor de Xesús (57-62)

9  Entón, Xesús reuniu os Doce e deulles poder e autoridade para expulsar tódolos demos, e para curar enfermidades. 2  Enviounos a predicar o Reino de Deus e a curar os enfermos. 3  E díxolles: “Non levedes nada para a viaxe, nin bastón*, nin bolsa con comida, nin pan, nin cartos*. Tampouco levedes roupa para cambiarvos*. 4  Cando entredes nunha casa, aloxádevos nela ata que marchedes de alí. 5  Pero se a xente non vos recibe, sacudide o po dos pés* ó saír desa cidade para que sirva de testemuño contra eles*”. 6  Así que eles marcharon e foron de aldea en aldea anunciando as boas noticias e curando os enfermos por todas partes. 7  Resulta que Herodes*, o gobernante do distrito*, escoitou falar de todo o que estaba pasando. Estaba moi desconcertado porque algúns dicían que Xoán resucitara* de entre os mortos, 8  outros que volvera Elías e outros que resucitara* un dos profetas do pasado. 9  Herodes dicía: “Eu corteille a cabeza a Xoán. Entón, quen é este home do que escoito dicir todas estas cousas?”. Por iso quería velo. 10  Cando os apóstolos volveron, contáronlle a Xesús todo o que fixeran e el levounos a unha cidade chamada Betsaida para poder estar sós. 11  Pero as multitudes soubérono e seguírono. Xesús foi amable coa xente e púxose a falarlles do Reino de Deus, e curou os que o necesitaban. 12  Cando se estaba acabando o día, os Doce acercáronse a Xesús e dixéronlle: “Dille á xente que marche para que vaian ás aldeas e ós campos que hai cerca e poidan buscar onde aloxarse e algo para comer, porque estamos nun sitio apartado”. 13  Pero el respondeulles: “Dádelles vós de comer”. Eles dixéronlle: “Só temos cinco pans e dous peixes, a non ser que vaiamos nós mesmos a comprar comida para toda esta xente”. 14  Alí había uns 5000 homes. Pero el díxolles ós seus discípulos: “Dicídelles que se senten en grupos dunhas 50 persoas”. 15  Iso foi o que fixeron e todos se sentaron. 16  Despois colleu os cinco pans e os dous peixes, mirou cara ó ceo e fixo unha oración*. Entón partiunos e empezou a dárllelos ós discípulos para que os repartisen entre a xente. 17  Todos comeron e ninguén quedou con fame. Ó final, recolleron 12 cestas cos cachos que sobraron. 18  Máis tarde, cando Xesús estaba el só orando, acercáronselle os discípulos e el preguntoulles: “Quen di a xente que son eu?”. 19  Eles respondéronlle: “Uns din que es Xoán o Bautista, outros din que es Elías e outros din que es un dos profetas do pasado que resucitou*”. 20  Entón, el díxolles: “E vós? Quen dicides que son eu?”. Pedro contestou: “Ti es o Cristo de Deus”. 21  Entón faloulles seriamente e mandoulles que non llo dixesen a ninguén. 22  E tamén lles dixo: “O Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e ten que ser rechazado polos anciáns, polos sacerdotes principais e polos escribas. Tamén ten que ser executado e resucitar* ó terceiro día”. 23  Despois empezou a dicirlles a todos: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo*, que colla o seu madeiro de tortura* día tras día e que me siga constantemente. 24  Quen queira salvar a súa vida vaina perder, pero quen perda a súa vida por min é quen a vai salvar. 25  Porque, de que lle serve a alguén ganar o mundo enteiro se perde a súa vida ou se provoca a súa propia ruína? 26  Pois se alguén se avergonza de min e das miñas palabras, entón o Fillo do Home tamén se avergonzará del cando veña na súa gloria, na do Pai e na dos santos anxos. 27  Pero asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus”. 28  De feito, uns oito días despois de dicir estas palabras, levou con el a Pedro, a Xoán e a Santiago, e subiu á montaña a orar. 29  E mentres oraba, a súa cara cambiou de aspecto e a súa roupa volveuse dun branco moi brillante. 30  De repente, apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e Elías. 31  Eles brillaban* e puxéronse a falar de que Xesús tiña que marchar*, e de que iso se ía cumprir en Xerusalén. 32  Pedro e os que o acompañaban estaban medio durmidos, pero cando despertaron de todo, viron a gloria de Xesús e os dous homes que estaban de pé ó seu lado. 33  E mentres os dous homes se ían separando de Xesús, Pedro díxolle: “Mestre, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. Pedro estaba falando pero non se daba conta do que estaba dicindo. 34  E mentres dicía estas cousas, formouse unha nube que empezou a cubrilos, e a eles entroulles o medo. 35  Entón oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu Fillo, o escollido. Escoitádeo”. 36  Cando se oíu a voz, viron que Xesús quedara só. Eles quedaron calados, e durante un tempo non lle contaron a ninguén nada do que viran. 37  Ó día seguinte, cando baixaron da montaña, unha gran multitude foi onda el. 38  Entón, un home que estaba entre a xente berrou: “Mestre, suplícoche que axudes ó* meu fillo. É o único fillo que teño. 39  Mira! Un demo contrólao, e el de repente ponse a berrar. O demo provócalle convulsións, fai que bote espuma pola boca e non quere saír del. Cando por fin o deixa, o rapaz queda malferido. 40  Supliqueilles ós teus discípulos que o botasen fóra, pero non puideron”. 41  Xesús respondeu: “Esta xeración é moi retorcida e non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós e soportarvos? Tráeme aquí o teu fillo”. 42  E mentres o rapaz aínda se estaba acercando, o demo tirouno ó chan e fixo que tivese convulsións moi fortes. Pero Xesús reprendeu o demo, curou o rapaz e devolveullo ó seu pai. 43  Todos quedaron impactados co impresionante poder de Deus. Mentres todos estaban asombrados por tódalas cousas que facía Xesús, el díxolles ós seus discípulos: 44  “Escoitade con atención e recordade estas palabras, porque o Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos”. 45  Pero eles non entenderon o que estaba dicindo. De feito, ocultóuselles o significado para que non o entendesen. E dáballes medo preguntarlle o que querían dicir estas palabras. 46  Entón empezaron a discutir entre eles sobre quen era o maior. 47  Xesús, que sabía o que tiñan* no seu corazón, colleu un neno, púxoo ó seu lado 48  e díxolles: “Quen recibe este neno por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min, recibe tamén a quen me enviou. Porque o que se porta coma un dos máis pequenos entre todos vós, ese é o que é maior”. 49  Cando o escoitou, Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 50  Pero Xesús díxolle: “Non intentedes impedirllo, porque quen non está na vosa contra está ó voso favor”. 51  Ó acercarse* o tempo no que Xesús ía ser levado arriba, tomou a firme decisión de ir a Xerusalén. 52  Así que mandou mensaxeiros diante del. Eles foron e entraron nunha aldea de Samaria para preparar as cousas para cando chegase. 53  Pero cando os de alí souberon que Xesús estaba decidido a ir a Xerusalén, non o recibiron. 54  Cando os discípulos Santiago e Xoán viron isto, dixeron: “Señor, queres que mandemos que baixe lume do ceo e acabe con eles?”. 55  Pero el deuse a volta e reprendeunos. 56  Entón Xesús e os seus discípulos marcharon para outra aldea. 57  Mentres ían polo camiño, alguén lle dixo: “Seguireite vaias onde vaias”. 58  Pero Xesús contestoulle: “Os raposos teñen raposeiras e os paxaros teñen niños, pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza”. 59  Despois díxolle a outro: “Faite o meu discípulo*”. O home contestoulle: “Señor, déixame ir e enterrar primeiro a meu pai”. 60  Pero Xesús respondeulle: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos. Ti vai e anuncia o Reino de Deus por todas partes”. 61  E outro díxolle: “Señor, seguireite, pero déixame ir primeiro a despedirme dos da miña casa”. 62  Xesús contestoulle: “Ninguén que pon a man no arado e mira para as cousas que deixa atrás vale* para o Reino de Deus”.

Notas ó pé

^ Ou “vara”.
^ Lit. “prata”.
^ Ou “roupa extra”.
^ Ver Mt 10:14, nota.
^ Ou “para demostrar que os advertistes”.
^ É dicir, Herodes Antipas. Ver glosario.
^ Lit. “o tetrarca”.
^ Lit. “fora levantado”.
^ Lit. “fora levantado”.
^ Ou “dixo unha bendición”.
^ Lit. “foi levantado”.
^ Lit. “ser levantado”.
^ Ou “deixe de vivir para si mesmo”.
^ Ver glosario madeiro de tortura.
^ Ou “apareceron con gloria”.
^ Ou “a falar da partida de Xesús”.
^ Lit. “que vexas o”.
^ Ou “sabía o que razoaban”.
^ Lit. “cumprirse”.
^ Ou “Sígueme”.
^ Ou “é apto”.